Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 28 de febreiro de 2011

Es la leche: o bilingüismo que aí vén

por Robert Neal Baxter, en Terra e Tempo:

Ao parecer, non chegou con que os Reis católicos fixesen arrincar as oliveiras do país , senón que en 2008 alguén da Universidade de Vigo tivo a brillante idea de acabar coa que quedaba no escudo destainstitución para plantar no seu lugar un delirante logotipo híbrido (por non dicir bastardizado): "UniversidadeVigo". Aínda non me ficou moi claro como se supón que se tería que ler esta broma que custou os seus 12.000 €, só se me ocorre una especie de castrapo mal grafado (asturiano talvez?): "Universidá de Vigo"... E digo eu, se o obxectivo que se esconde detrás desta iniciativa consiste en reconciliar o español e o galego nun bilingüismo harmonioso para facilitar a súa comprensión para os españolfalantes, cabe preguntarse se alguén que non for capaz de intuír que "universidade" significa o mesmo que "universidad" estiver realmente preparado para seguir unha educación universitaria. E se, pola outra banda, o que se pretendía era romper co provincialismo pailán do galego, indigno dunha institución deste calibre, co fin de "internacionalizar" a súa imaxe, poderíase ir máis lonxe, borrando definitivamente a idiosincrasia lingüística nacional do novo emblema, ao optar incluso por algo do estilo: 'Universi[dad(e)/ty/té/tät/tat/teit/tà, etc.] Vigo / 维哥大学'.

Mais para alén do meramente anecdótico, sirva este de exemplo para ilustrar un fenómeno que comeza a se facer cada vez máis estendido, que vai desde o xa tristemente famoso "doa sangue, a miña xa a tes", pasando pola campaña da Xunta para promover a marca de leite "100% gal(l)ega" que "marca a diferencia", até outros exemplos que non son senón un verdadeiro insulto para a intelixencia dos españolfalantes: realmente é necesario na porta dun banco da capital colocar etiquetas coa correspondente tradución ao español de 'empuxar' (podíase ter optado por "empurrar") e "tirar/tirar" (entenderíase mellor a posíbel confusión se se tivese optado por "puxar", mais non é o caso)? Abofé que, en caso de dúbida, chegaba con probar con puxar e empurrar un pouco. O mesmo pasa cos supostos accidentes causados por condutore@s que non saben galego e que non identifican A Coruña, Ourense ou Ferrol coas correspondentes aberracións La Coruña, Orense ou mesmo El Ferrol del Caudillo (así segue a aparecer en moitas guías turísticas na rede e, sen ir máis lonxe, na web do Ministerio de Sanidade).

E que ninguén se engane. Sería de inxenu@s pensar que se traten de simples deslices, erros ou incidencias puntuais. Moi pola contra, forman parte dunha intencionada campaña de desvalorización e desgaste simbólico da lingua galega no ámbito público e altamente influínte da paisaxe lingüística, cuxa función consiste en denigrar o galego, reducíndoo a unha "fala" sen regras onde todo vale, sobre todo aquilo que o achegue para o español.

Mais aí non queda a cousa. Xa estamos afeit@s (desgraciadamente) a que na Radio Gallega se ouve cada vez máis español (non vaia ser que se molesten en procurar expert@s, tertulian@s galegofalantes), sen falar da pauperísima calidade do castrapo burlesco que sae da boca de moit@s d@s "profesionais" (non tod@s...) que chuchan do galego, mais a convivencia harmónica xa comeza a facerse sentir tamén na TVG de xeito escandaloso coa miniserie Mar Libre de produción propia en colaboración con Ficción Producciones (sic. : Versión galega do sitio coa sinopse de Conversaciones con el viento. Mar libre dispoñíbel en.... español onde algúns dos personaxes falan español. É a punta do iceberg que aproveita para se agochar detrás do discurso bilingüísta: mais, mentres o español vai invadindo os únicos espazos supostamente blindados por lei , o galego, á súa vez, non vai aflorando máis nos medios (ultramaioritarios) que son couto privado do español.

De feito, poñen o grito ao ceo ante calquera intento, por tímido que sexa, de abrir as portas para un verdadeiro bilingüismo de alto valor simbólico como posibilitar que aquel@s Senador@s que así o desexaren se poidan expresar nas respectivas linguas dos territorios que representan (nin que dicir, hai quen renega deste dereito), argumentando o custo 'elevado' de 350.000 €, equivalente a 0,63% do orzamento global do Senado cifrado en 55,1 millóns  . Seica o valor do dereito lingüístico de se dirixir ao resto da Cámara na súa propia lingua, recoñecida como cooficial no territorio que representa, é inferior á necesidade de espallar o español polo mundo, pois segundo unha fonte nada sospeitosa de ser crítica  oInstituto Cervantes non vai sufrir recortes neste momento de 'austeridade', cun orzamento total valorado en 103 millóns de euros para o 2011.

O obxectivo de todo iso é rastreiro: consiste en facer callar, de xeito simbólico e subliminar, mais non por tanto menos determinante (máis ben todo o contrario), a percepción do galego como unha sublingua que non vale por si soa e onde todo vale - fronte, por suposto, ás marabillas e glorias do español que cómpre falar e escribir co esmero que merece. Transmite a idea básica do galego como un apéndice estético e funcionalmente superfluo do español, e como apéndice que é, o mellor é arrincalo de raíz antes de que comece a causar molestias máis graves. E niso están: primeiro acantoalo, logo afogalo no boedo castrapeiro, para que finalmente vaia morrendo lentamente para que ninguén se decate. 

Mais decatámonos nós. Deixémonos de caralladas: como ben demostrou a mal lograda tentativa de facer encaixar o himno galego co cante hondo, non todas as fusións funcionan. Ás veces, as cousas son unha cousa ou a outra, ou non son nada. E cando se tenta mesturar pirañas con robalizas, ninguén dubida de cal vai ser o resultado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario