por Alfonso álvarez Cáccamo, no Sermos Galiza:
En primeiro lugar teño que dicir que escribo en galego por imperativo legal, e como precaución para evitar sancións ou persecucións como as padecidas pola miña heroína Gloria Lago. Tamén escribo en galego para que me comprendan ben todos os lectores/as. Sufro enormes dificultades para comunicarme e para que me comprendan nesta Comunidade Autónoma na miña língua nai, o castelán, brutalmente perseguido desde as garderías infantís até a Universidade. Incluso xa non podo escoitar o meu programa favorito da radio, Domingo Deportivo Español, e teño que utilizar o dicionario para comprender frases como “fóra de xogo” que agora xa sei que se trata do orsai.