O Centro Rural Agrupado Nosa Señora do Faro inclúe oito escolas nos Concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica. Son entornos maioritariamente galego falantes pero a súa infancia non é allea á presencia maioritaria do castelán no seu lecer. Por iso apostan por integrar moito o entorno no día a día da escola, tecer colaboracións con colectivos e empresas locais, e participar na vida cultural dos municipios. Militar na contorna para fornecer a raíz e a autoestima.
Unha boa iniciativa da Consellería de Educación.
Ao celebrarse este ano o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, puxo en marcha o concurso Imaxina cantares!, unha forma de achegarnos á obra de Rosalía de Castro.
O que é unha mágoa é que isto sexa flor dun día. Atrévome a aventurar que o vindeiro ano Rosalía ficará esquecida para a Consellería de Educación. A aposta non é arriscada pois este mesmo ano, desaproveitando precisamente esa celebración dos 150 anos de Cantares, a Consellería negouse asumir a inciativa da AELG de recoller no calendario escolar o 24 de febreiro como Día de Rosalía.
Dobre mágoa porque polo que se enxerga nos vídeos premiados, houbo unha participación de enorme calidade, indicativo seguro de que esa celebración negada sería acollida con éxito nos centros escolares. Para comprobármolo vou deixar por aquí só os primeiros premios. Pero recomendo botarlle un ollo ao resto dos premiados, que se non obtiveron o primeiro posto non foi porque non o merecesen.
Na categoría de Infantil e Primaria os gañador foi o vídeo realizado polo CRA Nosa Señora do Faro, de Ponteceso cunha moi orixinal maneira de cociñar a poesía rosaliana:
Unha garantía para un concurso é que nel participe o IES As Barxas (Moaña). Eles foron os gañadores da categoría en Educación Secundaria Obrigatoria cun innovador vídeo no que se pon imaxe animada ao poema “Eu ben vin estar o moucho”
Por último, na categoría reservada a Bacharelato e FP, desde o IES Aquis Celenis (de Caldas de Reis) ofrécesenos un paseo polos lugares das vivencias guiados por trasunto da propia Rosalía en papel maché
Hai exactamente un ano colocaba neste mesmo blogue outro vídeo-felicitación do IES de Ponteceso. Era un traballo moi ben realizado, fermosísimo. Pois volveron a facelo, e iso que é realmente difícil innovar dentro dun formato tan reducido como o de construír unha postal en vídeo para facer propósitos para unha nova etapa que agora comenza.
A mensaxe que nos envían vén cargada de bos e ben formados propósitos:
Esperanzados en seguir aumentando a relevancia dos servizos educativos no centro para participar no desenvolvemento desa sociedade máis xusta, sana e solidaria