Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 22 de xuño de 2013

Imaxina Cantares! vs. Imaxina Rosalía!

Unha boa iniciativa da Consellería de Educación.
Ao celebrarse este ano o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos,  puxo en marcha o concurso Imaxina cantares!, unha forma de achegarnos á obra de Rosalía de Castro.
O que é unha mágoa é que isto sexa flor dun día. Atrévome a aventurar que o vindeiro ano Rosalía ficará esquecida para a Consellería de Educación. A aposta non é arriscada pois este mesmo ano, desaproveitando precisamente esa celebración dos 150 anos de Cantares, a Consellería negouse asumir a inciativa da AELG de recoller no calendario escolar o 24 de febreiro como Día de Rosalía.
Dobre mágoa porque polo que se enxerga nos vídeos premiados, houbo unha participación de enorme calidade, indicativo seguro de que esa celebración negada sería acollida con éxito nos centros escolares. Para comprobármolo vou deixar por aquí só os primeiros premios. Pero recomendo botarlle un ollo ao resto dos premiados, que se non obtiveron o primeiro posto non foi porque non o merecesen.

Na categoría de Infantil e Primaria os gañador foi o vídeo realizado polo CRA Nosa Señora do Faro, de Ponteceso cunha moi orixinal maneira de cociñar a poesía rosaliana:



Unha garantía para un concurso é que nel participe o IES As Barxas (Moaña). Eles foron os gañadores da categoría en Educación Secundaria Obrigatoria cun innovador vídeo no que se pon imaxe animada ao poema “Eu ben vin estar o moucho”



Por último, na categoría reservada a Bacharelato e FP, desde o IES Aquis Celenis (de Caldas de Reis) ofrécesenos un paseo polos lugares das vivencias guiados por trasunto da propia Rosalía en papel maché


Ningún comentario:

Publicar un comentario