Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 28 de decembro de 2020

O español, perseguidísimo

por Francisco Castro, en La Voz de Galicia:

 

A raíz da lei Celaá desenvolveuse unha agria polémica sobre a defensa do español incluso en Galicia. Que o castelán está perseguido en Galicia é unha das trolas máis maledicentes das que se crearon en toda a nosa historia.

 

martes, 22 de decembro de 2020

Dicionarios de ida e volta: Mame (Senegal)


A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) é unha organización sen ánimo de lucro, formada por un colectivo de profesionais do mundo da comunicación en Galicia que ten como obxectivo  a formación Social mediante as ferramentas de comunicación. Acaban de presentar unha iniciativa titulada Dicionarios audiovisuais de ida e volta na que, a partir de historias de persoas de distintos países, achégannos parte da súa cultura a través dunha expresión na súa lingua natal ao tempo que escollen unha expresión nosa que lles sexa útil para o mellor coñecemento da nosa cultura. 
Neste vído é Mame quen nos presenta o seu relato sobre Senegal. 
Vía CDSG

luns, 21 de decembro de 2020

Como salvar unha lingua da extinción

 

Do grupo de Facebook de Tradutores TED ao galego, recollo este vídeo coa seguinte presentación:

Nos próximos 80 anos poderían desaparecer ata 3.000 linguas, o que practicamente silenciaría culturas enteiras. Nesta breve charla, o activista lingüístico Daniel Bögre Udell mostra cómo pobos de todo o mundo están encontrando novas maneiras de rescatar as súas linguas ancestrais e reconstruír as súas tradicións. Anímanos a todos a investigar as linguas dos nosos ancestros e afirma que "reclamar a túa lingua e aceptar a túa cultura é un xeito poderoso de ser ti mesmo".

sábado, 19 de decembro de 2020

Igualdade para o galego: firmeza e vontade


 por Marcos Maceira no Nós Díario:

Enaire, empresa pública dependente do Ministerio de Transportes, vén de expedientar unha traballadora após ser recoñecido na inspección de traballo o seu dereito ao uso do galego nun centro laboral situado na Galiza. Para Enaire a utilización do galego é unha conduta sospeitosa de “acoso ascendente” contra a dirección.

xoves, 17 de decembro de 2020

Ten futuro o galego?


 Por Teresa Barro, en Nós Diario:

Aló polos anos 70 do século pasado pensaron moitos que facer o galego lingua oficial lle daría o prestixio que precisaba e curaría os problemas todos. Algúns conformábanse con que o galego virase monumento nacional e os máis “románticos” pensaban que os galegos estaban rabiando por falar en galego e que Franco non lles deixara. Non se quixo ver que había unha fuxida do galego como había unha fuxida da aldea. As dúas cousas ían xuntas, pois que, co andar do tempo, o galego ficara acurrunchado nas aldeas e desprezado como elas. Pasaron os anos e estase a ver que a doenza non curou, que o galego se fala menos cada días e que se segue así vai morrer. Será a culpa dos galegos, que somos deixados e non sabemos defender o noso? Ou será que non se fixo un diagnóstico acertado da situación da lingua? Porque o que non se quixo recoñecer foi que o galego non estaba en bo estado, e esa evasión da realidade non deixou remedialo. Que sucedería se a alguén cunha doenza grave lle dixeran que tiña unha catarreira de nada? Que sería como ter tose e rañar o lombo. A doenza agravaría e o doente morrería.

 

mércores, 16 de decembro de 2020

O Carvalho Calero do IES de Arzúa


O IES de Arzúa gañou o 1º premio no X certame de curtas convocado pola AS-PG con este vídeo adicado a Carvalho Calero, o escritor protagonista no Día das Letras deste ano, no caso de o houbera.

 

Novas voces para a lingua. Veroníca Boquete


Xa que a Xunta non fai o seu traballo no eido da normalización lingüística, teñen que ser outras institucións as que ocupen ese espazo.
A Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo de conectar a mocidade co idioma puxeron en marcha unha campaña que contará con cinco pezas audiovisuais protagonizadas por mozos e mozas que son exemplo da Galicia con máis talento e que empregan o galego en todos os contextos da vida, da creación e do desenvolvemento profesional.

martes, 15 de decembro de 2020

O máis viral do #Dígocho Eu


Cando a TVG comezou a emitir os programas de #Dígocho Eu, non me parecía que fose a ter nin moito nin moi bo percorrido porque nun principio parecía unha restra de tiróns de orellas por falarmos mal a lingua. Ficou claro que a miña apreciación estaba errada. Co tempo os vídeos foron diversificándose, pero sobre todo, contan cunha xornalista, Esther Estévez, cunha moi boa dicción e desenfado diante das cámaras. Todo apunta non só cara unha lingua de calidade, senón, por esta vía, cara a normalización.
O éxito do programa fixo que se meteran na aventura do Tik Tok, onde alcanzaron novas cotas de éxito. Neste vídeo resúmese o máis visto

 

domingo, 13 de decembro de 2020

A fala do Morrazo


O Comercio do Morrazo puxo en marcha unha campaña con vídeos nos que a protagonista é a fala propia desa área xeográfica denominada Eu tamén #SonDoMorrazo que poder ver aquí [Eu tamén #SonDoMorrazo 1, Eu tamén #SonDoMorrazo 2, Eu tamén #SonDoMorrazo 3
O aire humorístico dos vídeos fundaméntase na esaxeración das características propias da fala do Morrazo, que presuntamente a fai incomprensible a calquera que non sexa autóctono, ou incluso aos que sendo dalí, renunciaron dalgunha maneira a selo. Toda unha crítica ao auto-odio. Tamén unha aposta pola revindicación das falas nunha época de uniformización. Non pode haber unha lingua viva se non acolle a unha boa manchea de falas.

 

sábado, 12 de decembro de 2020

Debate sobre a educación plurilingüe en Galicia

Na segunda das Xornadas de Educación Plurilingüe organizadas polo Consello da Cultura Galega propoñíase un debate moderado por Manuel Bragado, mestre, editor e activista cultural no que tamén participaban Valentina Formoso, profesora no IES do Milladoiro María López Sández, profesora de Ensino Secundario e profesora asociada da área de Didáctica da Lingua e da Literatura da USC e Xaquín Loredo, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega

martes, 1 de decembro de 2020

O castelán, a lingua que nos separa


 por Fernando Groba, en Nós Diario:

Existe o falso mito de que o castelán é a lingua común a todo o Estado español, a lingua que vertebra e exerce de elemento conector entre todos os seus habitantes. Digo falso porque nos queren facer crer e sentir (a través das súas continuas mensaxes) que esa lingua é tan propia das comunidades que posúen lingua de seu como a súa.

A riqueza da lingua


 por David Otero en Nós Diario:

Nestes tempos de maior entoación da igualdade e da non violencia, convén pensar no deber de seguir na construción (e non na desfeita) dunha sociedade galega máis xusta, equitativa, que determine o marco soberano que consolide e posibilite máis logros e máis proxectos. Un destes (logro e proxecto) é a nosa lingua hoxe condicionada a uso condicionado. Maltratada de moitas maneiras. Inimiga a combater. E así este goberno de Galicia (ao cubo) teima en disgregar vontades colectivas a través do medo e do odio, si, desa emoción retrógada, cruel e terrible, nacida da sede de poder para desangar a cidadanía, poñendo os dereitos lingüísticos deste pobo a dieta de fame decretada. Un mal remedio que nos fai sufrir violencia para a nosa lingua, nun chulesco uso de poder que, dicíndose democrático, fai maltrato dela e deste pobo. Velaí como nos negan o uso pleno da nosa lingua. Soamente por horas como a toque de queda. Non podemos vivila. Hai que poñer outro prato á mesa para o español. Tanto odio á nosa lingua que dá en violencia estúpida. Un odio refinado a cara de “boiños”, o do sentidiño cordial, que semellando amor, o que trata e de anestesiar. Un odio moi rendible, co que buscan a desaparición da discrepancia, anulando a igualdade e a soberanía da lingua.

A lingua de Castela

 por Lourenzo Fernández Prieto, en La Voz de Galicia:

Non sei que máis podemos dicir, agora que as dereitas españolas converten a lingua nun instrumento de mobilización opositora, aproveitando a palabra «vehicular», que só ten significado como metáfora. O ministro Wert meteu ese termo na lei de educación do PP para combater o seu uso na lei catalá. Dende hai dous séculos, a lingua única foi un instrumento de construción nacional dos estados, aínda así nalgúns, nomeadamente no español, sobreviviron ou resistiron outros idiomas, nomeadamente o galego e o catalán. Porén, o respecto a outras linguas dentro dos estados é un asunto recente, posterior a Carta dos Dereitos Humanos de 1948. Claro que en España, por razóns obvias, ese respecto retrasouse moito máis. A lingua de Castela, estendida polos vellos territorios coloniais ultramarinos, foi lingua do Imperio, pero xa non o é, agás na testa capitidiminuída dos imperialistas fracasados.

sábado, 28 de novembro de 2020

Linguas, aínda


 por Vicent Partar en Nós Diario:

O deputado da CUP Albert Botran e o deputado do BNG Néstor Rego quedaron sen palabra, literalmente, esta semana no congreso español. No debate sobre a lei de educación os dous interviñeron en catalán e en galego. Outros voceiros o fixeron tamén pero pasaron ao español no momento en que a presidenta da Cámara, a catalá Batet, llo indicou. Botran e Rego non o fixeron, seguiron a falar na súa lingua e o resultado foi que os botaron da tribuna.

 

Se aínda somos galegas...


por María Obelleiro, en Nós Diario:

 

A discriminación das linguas das nacións sen Estado en relación co español fai parte da mesma natureza do réxime político institucionalizado após a morte de Franco. Os lexisladores de 1978 non dubidaron en estabelecer un status diferente para cada un dos idiomas, fixando na literalidade da norma constitucional un trato asimétrico para eles que o Tribunal Constitucional foi interpretando ao longo do tempo nun sentido favorábel ao español. En 1986 este órgano non dubidou en dar a razón ao delegado do Goberno do PSOE na Galiza e presidente da Real Academia Galega, Domingo García-Sabell, negando a obrigatoriedade do deber de coñecer o galego.

martes, 24 de novembro de 2020

Feijoada galaica


 por Mª Pilar García Negro en Nós Diario:

A feijoada, o prato nacional brasileiro, é unha comida ben saborosa e nutritiva. A galega é, en troca, intragábel. Referímonos, claro está, ao papel anti-galego que está a exercer o presidente da Xunta, o sr. Núñez Feixoo, verbo da lingua grazas á cal ocupa o seu cargo, mantense no poder autonómico, cobra del e co que aspira a cotizar aínda máis na política española. Servidora, como galega, debe todo o respeito aos seus representantes públicos. Sinto demitir desta obriga cívica cando me teño de referir a un presidente, un conselleiro de Cultura, Educación e Deporte ou uns deputados e deputadas que resultan perxuros da legalidade que os consagrou como tais ou ben prostitúen o seu cargo político en nome de intereses partidistas alleos á súa función.

domingo, 22 de novembro de 2020

Unha trabe de Carvalho

Ricardo Carvalho Calero entrevistado no programa 'A trabe de ouro' da TVG (1987) from Multimedia on Vimeo.

Estamos no estraño ano das Letras Galegas a Carvalho Calero. Bo momento para lembrar esta entrevista que o actual presidente da Academia lle fixo ao homenaxeado no ano 1987 no programa "A trabe de ouro"

 

sábado, 21 de novembro de 2020

Lingüicidio


por Miguel Anxo Fernán-Vello no Diario de Pontevedra:

 

O profesor Moreno Cabrera, da Universidade Autónoma de Madrid, define o lingüicidio como a actividade etnocida realizada co obxectivo de que unha determinada lingua deixe de falarse. E engade que esta actividade -criminal, diría eu- adoita levarse a cabo pola forza, prohibindo a lingua, relegándoa no ensino ou castigando severamente aos que a usan mediante un "lavado de cerebro" consistente en convencer aos que a falan de que se trata dunha lingua inútil, innecesaria, inferior, limitada, imperfecta, empobrecedora e inculta. ¿Sóalles isto aos lectores a respecto do idioma galego, tanto no plano histórico como, en boa parte, no momento actual?

 

A imposición do galego

 Alfonso Eiré, en El Correo Gallego:

OS principais medios de comunicación dos EE. UU. dixéronllo en directo a todo un presidente: “Non é certo, vostede minte”.

 

xoves, 19 de novembro de 2020

30 segundos, 5 segundos, 3 segundos e 2 décimas

           

 O 17/11/2020 o deputado nacionalista Néstor Rego intentou, por tres veces facer visible a nosa lingua. Na primeira intervención só puido facelo durante 30 segundos antes de que a presidenta do congreso o cortara. Na segunda só tivo o micrófono aberto durante 5 segundos. O terceiro intento foi cortado aos 3 segundos e dúas décimas, case sen tempo material para que Mertixell Batet enxergara cal estaba a ser nesta ocasión a lingua.

En total, 38 segundos e dúas décimas. Iso foi todo o que se puido escoitar en galego no parlamento español nesta lexislatura, todo o demais foi español, e con actitudes coma esta aseguran que así o seguirá sendo no futuro. O mesmo sucede en moitos outros ámbitos, para manter unha mínima presenza, aínda que só sexa testemuñal , hai que facelo en contra de ordes, leis, decretos, costumes, presións, mandatos ilegais e caras de odio.

Menos galego aínda?

por Marcos Maceira en La Voz de Galicia:

 

Unha enmenda ao proxecto de nova lei de educación volta a situar a lingua galega na confrontación política coa participación incluída do presidente da Xunta. Non para garantir a súa total dispoñibilidade, senón xusto para o contrario.

martes, 17 de novembro de 2020

Integración dos migrantes no sistema educativo

 O pasado 13/11/20 comenzaron os XXII Encontros para a Normalización Lingüística, este ano adicados á "Integración lingüística como ferramenta social". Neste vídeo temos as intervencións arredor da integración do colectivo migrante no sistema educativo. Relátanse tres experiencias, unha do IES do Milladoiro, outra do modelo Burela e unha última sobre o programa de apoio lingüístico do concello de Salceda de Caselas. Os SNL tamén fixeron a súa achega coa intervención de representantes do concello de Ames, da USC e de Reverso Comunicación.

En todo este panorama a Xunta está completamente ausente. Compárese a NADA ABSOLUTA cos programas de acollida en Euskadi e Cataluña desenvoltos nesta outra sesión. Botemos unha ollada, por exemplo a Ep! Escolta i parla, o programa de acollemento para adultos da Generalitat. Comparémolo agora coa única proposta da Xunta: "Castelán e galego para inmigrantes". Primeiro, o galego só se vai acompañado do castelán. Segundo, neste portal só hai unha relación dos centros de ensino de adultos, e non de adultos inmigrantes. Non hai ningún tipo de programa.

Cando se trata de avances no uso do galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística fica ausente. Se nos preguntamos polo seu labor, a resposta é simple: están centrados exclusivamente en facer propaganda de si mesmos, unha propaganda na que se presentan como valedores da lingua, e que fica en accións superficiais, sen acción transformadora algunha.

luns, 16 de novembro de 2020

O decreto de plurilingüismo nos Premios San Martiño 2020

O venres pasado, 13/11/20, entregáronse no Teatro Principal da Estrada os Premios San Martiño á Normalización  que este ano foron para A banda da Loba, no apartado de difusión da lingua no país, e para a Asociación Cultural Vagalumes no de difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. 

Quixen recoller aquí as reaccións dos dous colectivos premiados. Ambos coincidiron en denunciar o decreto de plurilingüismo. Este é o comunicado que deixou no facebook A Banda da loba:

Hoxe celebrouse a entrega dos Premios San Martiño na Estrada. Como dixemos no noso discurso, estamos moi agradecidas de recibir este recoñecemento por aportar o noso gran de area á normalización lingüística en forma de música. Chegar e achegar á xente nova poemas na nosa lingua baixo un envoltorio atractivo foi sempre un dos nosos obxectivos. O futuro do galego está nas súas mans e se uns se esforzan en que lles sexa alleo (lembremos que van dez anos co Decreto do plurilingüismo), outras temos que loitar para que entren en contacto con el por outras vías. Que o esforzo por facelo se vexa recoñecido significa moito para nós.

Tamén queremos dárlle os parabéns á Asociación Cultural "Vagalumes" polo seu premio e polo seu discurso desta mañá, claro e contundente. Nós, non podiamos rematar o noso dun xeito diferente a este: "Porque somos Penélope

a tecer e destecer un idioma

que nos resgarde do frío,

 para que o inverno non nos ispa de palabras

que non abrase coa súa fame predadora a colleita

 que non consiga nunca arrincarnos o lévedo que nos constrúe

que a buxaina siga bailando

  medrándose en fonemas

tomando máis e máis bocas. "

  Adondar a lingua (Celia Parra)

 

Agora tocaría darlle ao play no vídeo e escoitar a canción publicada o 31 de outubro, con motivo da celebración do Día das Letras. Xa que A banda da loba os citou, a seguir, o texto da recollida do premio da Asociación Cultural Vagalumes:

 Agradecemos á Asociación Cultura O Brado o premio San Martiño de Normalización Lingüística. Valorámolo como un recoñecemento á causa pola que existimos e traballamos, que non é outra que a posta en valor da nosa cultura, do noso patrimonio e, por enriba de todo, a nosa lingua. O galego é a razón máis importante pola que vimos traballando dende hai máis de 10 anos. De feito, a asociación “Vagalumes” xurdiu no seo da plataforma cidadá “Queremos galego”, que naceu en 2009 para facer fronte ao chamado Decreto de Plurilingüísmo para o ensino que, en realidade, baixo ese nome aparentemente atraente, o que viña era a reducir a presenza da nosa lingua en todos os niveis educativos, até o extremo de ficar o galego prohibido, por primeira vez na nosa historia democrática, en certas materias (e non por casualidade nas que gozan de maior prestixio). A sociedade galega mobilizouse contra este atentado ao noso idioma e na Estrada, como en moitos outros concellos do país constituíse a plataforma cidadá Queremos Galego. A partir dela naceu a Asociación Cultural Vagalumes, coa finalidade de axudar a dar a coñecer e a poñer en valor o patrimonio natural, material e inmaterial da nosa comarca que, debido á desidia da nosas institucións, se encontra en moitas ocasións sumido no esquecemento, abandono e menosprezo. Na Asociación Cultural Vagalumes entendemos que a través do coñecemento e posta en valor do patrimonio do noso concello e da nosa bisbarra podemos chegar ao recoñecemento de sermos quen somos, galegos e galegas orgullosos da nosa cultura e do noso país.

 

Mais, para chegar a iso, temos que partir do primeiro e máis esencial, a lingua galega, que está situada neste momento histórico nunha encrucillada en que se xoga o seu destino. O galego está nunha situación de perda acelerada de falantes novos, que son os que poden asegurar o futuro da lingua. Os propios datos oficiais mostran que se está a producir unha quebra na súa transmisión xeracional como nunca antes se producira; que, por primeira vez na historia, o galego non é a lingua maioritaria en Galiza; ademais, continúan a pesar sobre ela os vellos prexuízos que nunca chegaron a desaparecer, como a idea de que é unha lingua un tanto rústica e rural, polo tanto ineficaz e inadecuada para a vida urbana e moderna. De feito, os datos sobre o uso do galego entre a rapazada das cidades galegas son estarrecedores, pois mostran que está nunha situación practicamente residual.

 

E perante isto, nun momento tan crucial, cando sería fundamental termos unha política verdadeiramente normalizadora, con medidas para frear esta sangría constante de falantes, as institucións que teñen a obriga de implementala miran para outro lado. Ou ben, opóñense directamente a calquera medida que poida incidir nunha mínima recuperación do galego, como é o caso da nova lei de educación, que está en trámite parlamentar. O presidente da Xunta de Galiza súmase ás críticas lanzadas polo seu partido á reforma educativa presentada polo Ministerio, acusando ao goberno español de querer eliminar o castelán da educación. Sería para rir se non fose un asunto serio e ben triste. Aquí, no noso Concello, vivimos aínda hai moi pouco tempo o caso da prohibición expresa de utilizar a nosa lingua nos proxectos que se presentaren para a remodelación da praza na feira. En fin, o galego está sendo perseguido e acurralado polas propias institucións encargadas de promovelo e normalizalo. E o galego, a nosa lingua, é o instrumento que nós, os galegos e galegas, fomos construíndo ao longo de séculos de historia, para expresar a nosa visión do mundo, a nosa particular maneira de aprehender a realidade; en fin, a nosa cultura.

  Como dixo Castelao, “o galego non é unha obra de arte; é matriz inesgotábel de obras de arte”. Sen o galego, Galiza non existiría; por iso, todo o traballo que realizamos na Asociación Cultural Vagalumes, co obxectivo de posta en valor do patrimonio, de recuperación e difusión dos nosos escritores, de coñecemento da nosa historia, da memoria da represión e das vítimas do franquismo..., está inserido na defensa e reivindicación do maior valor que posuímos, a nosa lingua. Agradecemos á Asociación Cultural O Brado o premio San Martiño de Normalización Lingüística e esperamos que o recoñecemento que este premio supón sirva para contribuír a avanzar nos obxectivos que ten a nosa asociación; e, para nós, é un incentivo para continuar con máis forza no noso traballo, no que convidamos a participar a todas as persoas que sintan amor polo noso país. 

 

domingo, 15 de novembro de 2020

Solucións de futuro para o galego

 por Henrique Monteagudo, en La Voz de Galicia:

 

O idioma galego é un tesouro de valor incalculable, pero corre o risco de perderse. As persoas que estimamos a nosa lingua sentimos moita preocupación ante este serio problema, e, loxicamente, ansiamos atoparlle solucións. Nos estudos de planificación lingüística apréndese que para atopar as posibles solucións a un problema é indispensable definilo con precisión. Vexamos.

venres, 13 de novembro de 2020

O galego na universidade

Reportaxe de Nós TV con entrevistas a Fernando Ramallo, profesor da Universidade de Vigo, e Alberto Oubiña, concelleiro de normalización de Pontevedra. A presentación do vídeo mete medo:

Máis do 80% das alumnas da Universidade de Vigo toman apuntamentos en castelán. En galego, só o fan sempre o 7%.

xoves, 12 de novembro de 2020

Falemos... español

 

A Consellería puxo en funcionamento unha ferramenta dixital para videoconferencias en previsión dun novo período de confinamento ou de restriccións que leven á necesidade de clases telemáticas. A ferramenta é Falemos.

Pois ben, a pesar de ser unha iniciativa da Xunta, ou quizais por iso, resulta que esta plataforma non ten unha versión en galego. Non está de máis lembrar que nestes días tanto o conselleiro de educación como os demais membros da Xunta andan metidos nunha campaña de propaganda na fan ver como excluínte da lingua dominante un proxecto lei ultragarantista co castelán.

Saber priorizar

 por Malores Villanueva, en La Voz de Galicia:

 

Nacín en 1982, só unha semana antes de que a Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) aprobasen as normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego que se converteron meses despois en oficiais. Sen ter coñecemento deste feito, miña nai conscientemente decidiu educarme en galego, pero fíxoo ocultando un trazo moi característico da súa fala de Cotobade: a gheada. Considerou que aquel fenómeno dialectal non era o modelo de lingua que me debía aprender, posiblemente porque o asociaba a aqueles prexuízos que moitas veces tivo que soportar sendo estudante. Ao tempo, moitos pais naqueles anos oitenta optaron por renegar do seu idioma e romper a cadea de transmisión lingüística. A lingua é un investimento e, se se pode escoller, non é raro que se opte por aquela que resulta máis proveitosa e está menos connotada. Séculos de exclusión dos ámbitos de prestixio pesan sobre o galego, pero a miña nai bastoulle o feito de ser a súa lingua, a que reflectía a súa identidade e a do seu país.

martes, 10 de novembro de 2020

Club de debate. Así foi a súa edición do 2019

 O curso pasado tivo que suspenderse a edición do Club de debate pola pandemia. Por esta razón recuperar agora este vídeo da edición anterior non chega con tanto atraso. Ademais esta extraordinaria peza audiovisual dá conta do que é o Club de debate, unha competición con aire deportivo centrado no desenvolvemento da lingua oral, organizada polos servizos de normalización lingüistica de varios concellos, agrupados en comarcas. 

Os obxectivos son: 

-Favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais. 

-Potenciar a fluidez comunicativa ligada á oratoria. 

-Promover o pensamento crítico e analítico. 

-Fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.

luns, 9 de novembro de 2020

V Xornadas de Onomástica: os nomes comerciais

As V Xornadas de Onomástica organizadas pola RAG coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra  emitíronse por streaming o pasado día 07/10/2020 e agora podemos recuperalas neste vídeo. 

Comenzaron cun relatorio sobre a denominación da disciplina dedicada ao estudo dos nomes das marcas a cargo do coordinador do Seminario de Onomástica, o académico Antón Santamarina, e outro sobre o valor dos nomes para as marcas, as empresas e os dominios en Internet do profesor da Universidade de Vigo Benigno Fernández Salgado. Despois podemos escoitar á profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Álvarez de la Granja falando dos recursos lingüísticos das marcas comerciais e á profesora Sara Míguez tratando a relación das marcas coa paisaxe lingüística tomando a Redondela como punto de referencia. Deseguido, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, traza unha viaxe pola historia a través das cabeceiras galegas. A sesión da mañá concluirá cunha achega sobre os nomes das adegas e dos produtos da denominación de orixe do Ribeiro a cargo de Raquel Rodríguez Parada.

Na sesión da tarde Celtia Rei Brandón trae desde o IES Alexandre Bóveda (Vigo) unha experiencia didáctica en Coia sobre os nomes de bares e restaurantes. Finalmente Gonzalo Navaza modera unha mesa redonda sobre o mercado e a lingua.

Sara Plaza, a forza que vén de lonxe


 Por Francisco Fernández Rei, en ProLingua:

 

A tradutora e ilustradora Sara Plaza Moreno, sen ningunha ligazón familiar con Galicia, hai uns anos comezou a se preocupar pola situación lingüística e social galega para o que se valeu, sobre todo, da lectura de xornais dixitais na nosa lingua e de fontes variadas como programas culturais da TVG e portais na rede.

 

venres, 6 de novembro de 2020

20 anos de Correlingua: Vinte coa lingua, vinte con rebeldía

 Correlingua leva 20 anos no tallo, así que non podía adiar máis a celebración deste aniversario e, a pesar da Covid-19 celebrou este festival no Pazo da Cultura de Narón presentado por Isabel Risco quen leu o manifesto gañador do Correlingua, "Vinte coa lingua, vinte con rebeldía" realizado por alumnado de 3º da ESO do CPI de Zas. A continuación tivo lugar a actuación de Cé Orquestra PantasmaA Gramola Gominola.

mércores, 4 de novembro de 2020

O desenfoque reintegracionista

por Manuel Veiga Taboada, en Nós Diario:

 

Un dos motivos que máis me apartan do reintegracionismo é a súa consagración da utilidade como razón principal. A mesma razón precisamente que outros empregan para defender o castelán e o inglés. E parece evidente que nesa competición os que levan as de ganar son estes últimos.

martes, 3 de novembro de 2020

Lingua "propia"?


 por Mª Pilar García Negro, en Nós Diario:

 

No artigo da semana pasada, permitinme enumerar as materias dun alumno de 2º curso da ESO e o idioma en que cada unha delas era impartida, cun erro que agora remedio. Máis unha das atribuídas debe ser anotada ao inglés: Tecnoloxía, de modo e maneira que, incluíndo as materias de lingua correspondentes, eis o balanzo: 5 delas en español; 3, en inglés; 2, en galego; 1, en francés. Se excluírmos a “redundancia” metalingüística, isto é, a impartición da materia dun idioma no idem correspondente, o resultado é: 4, en español; 2, en inglés; 1, en galego. O “plurilingüismo” do Decreto de hai un decenio resólvese con ampla goleada para a lingua oficial do Estado; necesariedade do inglés; residualidade para o galego (nunha materia, “Valores éticos”, escollíbel como opción da Relixión), que, neste panorama, pode chegar a ter cero percentaxe, cero presenza como lingua vehicular. Naturalmente, a primeira e principal denuncia que o artigo contiña ía dirixida a unha maioría do poder lexislativo e a unha actuación do poder executivo que operan agresivamente para aceleraren o desuso da lingua nacional, da que a mesma lexislación vixente cualifica de lingua “propia”. Dígase que país normal dedica o 14% do ensino á súa lingua “propia”!! Ou acaso será “propia” no sentido de mandadeira, de recadeira? A “propia” disposta, por vontade da Xunta, a obedecer sempre as ordes da ama ou do amo español, mesmo antes de que este as formule (“as túas ordes son desexos para min”, reza o contra-refrán masoquista)?

luns, 2 de novembro de 2020

XXIX Xornadas de Lingua e Literatura

Este ano todo está tocado pola COVID-19. Isto fixo que as XXIX Xornadas de Lingua e Literatura fosen, por primeira vez, virtuais. Como toda cruz ten a súa cara, iso permítenos agora poder repasar as intervencións destas xornadas. 

Neste vídeo Xosé Ramón Feixeiro Mato imparte unha conferencia sobre "O aspecto lingüístico na obra de Carvalho Calero". Seguindo a lista de reprodución, achamos a Laura Tato con "A poesía e o teatro na obra de Carvalho Calero" , a Pilar García Negro con "Carvalho Calero narrador", a Manuel Castelao Mexuto con "O meu Carvalho", a Héctor Cajaraville traéndonos un "Abano de propostas didácticas arredor de Carvalho Calero"  e finalmente a intervención da cantante Ugía Pedreira 

mércores, 28 de outubro de 2020

Conferencia sobre a lingua de Pilar García Negro

 Estes días pasados proxectaron nos cines da Estrada o documental de Alberte Mera, "Reboiras. Acción e corazón", moi recomendable, de excelente factura. Hai pouco máis dun ano, en Fene, concretamente o 12 de agosto do 2019, no tributo que a UPG lle facía a Moncho Reboiras, tivo lugar unha conferencia sobre a lingua de Pilar García Negro. Isto é o que compartimos hoxe aquí. A pesar da súa duración, hora e media, é moi recomendable polas multitude de achegas que nos fai esta incansable defensora da lingua.

martes, 27 de outubro de 2020

Do xenocidio ao lingüicidio

 

Pronto se vai celebrar a 3ª edición de Malas linguas, esa xanela aberta da Deputación da Coruña á reflexión sociolingüística cargada de ideas ben construídas arredor da situación das linguas, especialmente da nosa, nunha época na que o paradigma é o silencio arredor deste tema. En varias ocasións xa apareceron por aquí referencias a esta feliz iniciativa ( [1], [2], [3], [4] 

) e agora pareceume unha boa ocasión para compartir as reflexións de Encarna Otero sobre o tema que dá título a esta entrada: "Do xenocidio ao lingüicidio" 

Harmónico e cordial


 por Mª Pilar García Negro, no Nós Diario:

 

A década de 90 do pasado século foi especialmente fecunda na adxectivación do substantivo “bilingüismo” por parte da literatura autonómica oficial e paraoficial. Inzou por toda a parte o cualificativo “harmónico”; ampliouse a “cordial” e mesmo a outros máis estrafalarios. Lembro, por exemplo, nunha memoria do proxecto de orzamentos da Xunta, a prédica a prol dun bilingüismo “froitoso”. Supuxemos que o autor de tal achado querería dicer “frutífero” e a máquina tradutora fixo o resto. Xa está máis que escrito e documentado: pasamos, historicamente, da condena do bilingüismo, se este supuña apertura á existencia doutra(s) lingua(s) da única recoñecida como tal e imposta como oficial, á súa entronización como solución opiácea ao conflito lingüístico, a base de estabilizar a hexemonía preexistente; no noso caso, o imperio do español e a admisión regulada e controlada do galego, sempre como complemento prescindíbel e nunca como elemento de substitución da lingua oficial do Estado. A conversión, pois, do tal bilingüismo nun ideoloxema de combate contra a normalización.

sábado, 24 de outubro de 2020

Matemática não é fazer contas

 

Inês Guimarães ten unha canle no YouTube, “MathGurl”,  que conta mais de 5000 seguidores e unhas 200000 visualizacións no que presenta esta ciencia cun aire desenfadado.

No momento da elaboración do vídeo Inês contaba con 19 anos e estudaba o 1º ano da licenciatura. Neste vídeo fala de matemáticas e educación, todo un clásico.

A culpa de que trouxera por aquí este vídeo é deste comentario de Elena Vázquez Abal

venres, 16 de outubro de 2020

Empresarios da Terra de Melide


ASETEM é a Asociación de Empresarios Terra de Melide. No 2018 este vídeo servíalles para divulgar a súa actividade. Hoxe contamos cunha páxina web desde a que acceder aos comercios que forman parte da asociación ou un perfil de facebook e outro de twitter desde o que espallan novas e campañas. Tiveron o acerto de facer todo en galego, nun ámbito, o empresarial no que é moi habitual virarlle as costas á nosa lingua. 

Portal de ASETEM

 Tamén publican un boletín de periodicidade mensual, Cerne, con noticias da comarca. Parabéns a todos os que manteñen esta asociación que é unha mostra de orgullo para o país e tamén son un exemplo para moitos outros.

martes, 13 de outubro de 2020

TVG3, a canle do Xabarín


 por Manuel Bragado no Faro de Vigo:

No nadal de 1982, Xerais publicaba A chamada da selva, a noveliña de aventuras de Jack London traducida para o galego por un Gonzalo Navaza moi novo. Abríase así a colección «Xabarín», a primeira da edición galega destinada ao público infantil e xuvenil na que o editor Xulián Maure pretendía traducir boa parte dos títulos clásicos para crianzas de autores como Oscar Wilde, Herman Melville, Jules Verne, Lewis Carroll ou E.A. Poe, entre outros. Dende entón os inconfundibles volumes azuis de Xabarín, con cubertas deseñadas e ilustradas por M. Fragoso, comezaron a entrar en moitas casas, sendo para moitos mozos e mozas da década dos oitenta a súa primeira lectura en lingua galega. Títulos identificables, tamén, pola presenza na contra capa da icona da serie, unha cacheira frontal do xabaril cos cadanseus cairos ben afiados, unha imaxe moi divertida que hoxe identificamos cunha emoji que expresa ledicia

Céntrese, presidente


por David Otero en Nós Diario:

  O señor Feijoo non quere, nin emenda, que se usen os nosos topónimos no noso idioma e así el, na súa liberdade, acolledor fino, consente, tanto na cartelaría como nos contidos, que no Foro da Toxa, se diga “ La Toja” e tamén en afrontas como a non presenza de mulleres en equidade no Foro. O asunto dá para un traballo máis extenso, pois estamos de punta. Isto vén de actitudes propias de acoutadiños de bisagra lixeira, que tendo que facer pan do país, quédanse con frangullas que lle veñan de fóra e sorrín triunfantes como quen gañou a marabilla. O presidente de Galicia, gañador de eleccións, como galego daquela maneira, pasa do noso idioma. Pasa de nós. Non cre que sexamos nacionalidade histórica (nación) declarada no noso Estatuto. El válese deste pobo (iso si, gañando eleccións) para manobrar como lle convén, tanto para el como para os seus, sexan do partido, amigos, donos de portas xiratorias etc. Faino así, oufanándose Presidente, en presente e para futuro. Nós diriámoslle que se centre e como nas palabras do señor Presidente da República Portuguesa, que pense nas persoas (galegas e galegos) e que traballe pola nosa felicidade. Non se adique a botarlle lume exclusivamente ao Goberno do Estado e ocúpese deste pobo. Pénsese galego de contido e de idioma e sírvanos. Non todo é pillar de Madrid. Hai que gobernar aquí.

Toponimia nos tempos dos bárbaros



 por Gonzalo Constenla en NósDiario:

 O que aconteceu na fin de semana pasada en torno do uso do barbarismo La Toja por parte dun grupo empresarial autóctone fala claramente sobre as manobras de cerco que contra a cultura e a identidade galegas son lanzadas desde determinados estamentos políticos, empresariais, mediáticos e, no seu conxunto, desde o españolismo.

 

domingo, 4 de outubro de 2020

Mira quen fala galego

 

Mira quen fala galego e unha nova canle de You Tube na que este mestre do estado de Nova York, nos Estados Unidos, explica as razóns polas que se interesou pola nosa lingua e se botou a falala. 

Comenta que lle dá moita mágoa ver a falta de aprecio polo galego dalgúns cidadáns. Conta o  caso dun veciño da Coruña que se puxo en contacto con el para ter un compañeiro de conversa. El escribiulle en galego, e o coruñés reprochoullo. "Sentinme moi insultado", comenta o mestre.

mércores, 30 de setembro de 2020

Conciencia e respecto para recuperarmos o idioma


 por Marcos Maceira en Nós Diario:

 Usar o noso idioma no noso país é un dereito que deberiamos poder exercer, non por sermos galegos, senón, simplemente, por humanos que, coma todos, teñen lingua de seu. Porén, na redacción da Constitución Española non tiveron tempo nin espazo para indicar que non pode prevalecer a discriminación por razón de lingua, copiando, aínda que fose, da Declaración universal dos dereitos humanos. Pola contra, non se esqueceron de deixar ben claro que o noso deber é coñecer o castelán. De aí tiran, como nos lembraba hai pouco o Ministerio de Igualdade, a conclusión de que tamén debemos usalo para garantir o seu suposto dereito a ignorarnos.

sábado, 26 de setembro de 2020

O galego non serve para nada

 Comunicado da Asociación Cultural Vagalumes:

Talmente iso é o que se di no punto 1.12 das bases do Concurso para a humanización da Praza da Feira na Estrada. En concreto, a frase é: “Todos los concursantes presentarán la documentación, en castellano o en gallego con traducción al castellano”. Velaquí a lección: o galego é unha lingua subsidiaria que non serve para nada; se alguén desexa utilizala, terá que engadir a tradución no idioma que realmente conta, o español, lingua na que tamén está redactado o documento. 

Carta aberta ao alcalde da Estrada, José López Campos


 Carta de ProLingua ao alcalde da Estrada: 

Como Vde. saberá, unha torre de ouro é o elemento máis destacable do escudo do concello. Porén o ouro do debuxo vólvese alcatrán na realidade. A torre do escudo fai referencia á de Guimarei que hoxe esmorece comesta polas silvas e as hedras. Se nestes días alguén quixera visitar esta ruína levaría aínda outra sorpresa. Non podería facelo porque un pastor eléctrico rodea a finca. 

 Esta esperpéntica e tenebrosa imaxe da torre de Guimarei é a metáfora máis acaída para representar o maltrato á nosa lingua por parte do goberno municipal que Vde. preside. Estámonos referindo ás bases do concurso de proxectos para a humanización da Praza da Feira da vila, publicadas o pasado mes de xullo e nas que se excluíu completamente o galego a pesar de existir unha ordenanza municipal de compromiso coa normalización. O agravio non fica aquí senón que chega ao desvarío no punto 1.12, titulado "Idioma", que di exactamente: 

"Todos los concursantes presentarán la documentación, en castellano o en gallego con traducción al castellano" 

Os feitos son claros. Por unha banda publícase unha ordenanza amparando a lingua mais na práctica maltrátase. A estas alturas e con estes antecedentes non nos valen escusas. O mal está feito e os veciños xa saben que o goberno estradense elevou un muro electrificado arredor do galego. Non podemos imaxinar mellor forma de invitar os estradenses a traizoalo. 

 O noso desgusto vai máis alá do comentado pois tememos que este agravio se traslade do concello a todo o país cando lembramos que na campaña das eleccións municipais do 2015 Vde. gravou 15 vídeos nos que aparecía entrevistado polo secretario xeral de política lingüística e nos que se evidenciaba a perfecta sintonía que hai entre os dous. Con estes antecedentes, ninguén nos pode asegurar que o desleixo pola lingua que vostede demostrou non é compartido por quen dirixe a política lingüística galega. 

En ProLingua desaprobamos a hipocrisía, por iso no noso escudo o galego refulxe en ouro, o mesmo ouro que queremos para a práctica diaria. 

ProLingua, 14 de setembro de 2020

domingo, 13 de setembro de 2020

La documentación estará en castellano o en gallego con traducción al castellano

 Cando me chegou o aviso desta monstruosidade, o primeiro que fixen foi pensar que era un fake. Simplemente non o podía crer. Todo veu deste chío:

Imposible, pensei. Con todo, polo si ou polo non fun consultar no portal do concello da Estrada para comprobar que o que se dicía aí non era certo. Efectivamente, había un anuncio para a humanización (sexa o que sexa isto) da praza da Feira. Non me estrañou xa que xa oíra falar pola vila que se pretendía facer unha nova reforma nesa praza. O que me non me gustou nada era que o prego de condicións estaba feita exclusivamente en castelán. Así e todo, sería certo o que poñía o chío? 


Pouco máis había que buscar, si, apartado 1.12

E así unha vez máis o galego fica excluído co concurso dunha administración pública, neste caso, o concello da Estrada, para vergoña de todos os seus veciños.

Apunte aparte para despistados. Non me vale a desculpa de que "son fondos europeos" pois, entre outras cousas eses fondos non poder ir en contra da CELRM. Se nos FEDER esixen a documentación nalgunha das poucas linguas oficiais da Unión Europea, esta esixencia non pode trasladarse aos cidadáns e así establecer un novo mecanismo de exclusión do galego. O concello da Estrada obrou mal, e eu avergóñome de vivir nel.



 

domingo, 30 de agosto de 2020

Tant como me quedarà

Maxime é un neno de nove anos que participou na edición francesa do concurso "The Voice Kids". Fíxoo cunha canción en catalán, Tant como me quedarà, de Jordi Barré, un artista pertencente á Nova Cançó. 

Teñamos presente que facer un papel relevante na televisión dun país tan centralista como o francés, que promove o desprezo a todas as linguas minorizadas, é un éxito duplo.

Vía Vilaweb

 

mércores, 19 de agosto de 2020

Xabier P. d Docampo na voz da amizade

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda organizaron unha homenaxe ao escritor Xabier P DoCampo, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e unha das voces máis singulares e galardonadas, o 29 de maio no teatro Rosalía Castro da Coruña. 

O acto foi presentado por Yolanda Castaño. Interviron: Ensino: Alfonso García Sanmartín, Xavier Senín e Fina Casalderrey. Activismo: Suso de Toro, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Bragado. Literatura: Paco Martín, Mª Xesús Fernández, Xosé Cobas e María Canosa. O relato oral: Paula Carballeira. E a música na voz de Miro Casabella. Lectura da súa obra por parte de Daniel Laxe, Leire Bonome e Uxía López.

venres, 14 de agosto de 2020

Pola rúa da Amargura: A perda da toponimia tradicional na Coruña

O declive da toponimia  tradicional na Coruña como exemplo dun proceso xeralizado. Reportaxe de Nós Televisión a partir dun traballo de Iván Méndez publicado pola RAG dentro dos Estudos de Onomástica Galega IV. Os nomes das rúas

xoves, 6 de agosto de 2020

Comprar falantes

por María Caíña Hurtado en Nós Diario:

As linguas, que non se sabe se son bens ou ferramentas (depende un pouco do grao de folclorismo da campaña político-publicitaria que estea en voga), non teñen moito que ver co diñeiro. Ou iso podería parecerlle a quen, inocentemente, entenda que todas as cousas primarias non deben ser obxecto de mercantilismo ningún. Do mesmo xeito que ocorre coa respiración ou coa dixestión, a fala simplemente acontece, sae ela soa (cunha pouca axuda do noso intrínseco carácter social) e non pide permiso. Polo tanto, non habería razón para pensar que ese proceso tan natural e espontáneo poida ter relación con algo tan convencional e arbitrario como son os cartos. Entón, que é o que veño eu facer aquí con este asunto que non ten sentido?

martes, 28 de xullo de 2020

Na Coruña, en galego?



Neste programa de Nós TV tratan a idea de que na Coruña se usa pouco a nosa lingua, pero canto hai de certo e canto de mito? Marcos Maceira, presidente da Mesa, Xulia Regueiro, técnica do SNL da Coruña son o contrapunto científico aos prexuízos que transmiten algúns veciños da cidade.

venres, 24 de xullo de 2020

Xoaquín Monteagudo: "non existe institucionalmente unha política destinada a incorporar o galego como lingua xurídica"

Sonia Dapena entrevista a Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega en Nós Diario:
A Irmandade Xurídica Galega realizou onte un acto en Celanova para recordar a primeira vez que se empregou o galego no seu xulgado. En que consistiu?
O que conmemoramos foi que o xulgado de Celanova entregou unha sentenza en galego nun proceso xudicial por primeira vez hai 25 anos. Ademais, a Irmandade Xurídica Galega fundámola no ano 2008 en Celanova. Foi un acto singular porque o noso primeiro evento como colectivo de xuristas preocupados polo galego realizouse no Mosteiro de San Rosendo, en Celanova.

sábado, 18 de xullo de 2020

Como unha valenciá aprendeu galego


É de Valencia, vive en Alemaña, e nunca pisou terra galega. Con todo fala en galego e neste vídeo a youtubeira @laranxeta explica como o fixo.

venres, 17 de xullo de 2020

Da normalización sen conflito ao conflito sen normalización

por Henrique Monteagudo, en Tempos Dixital:

O pasado mes de maio cumpríronse dez anos da aprobación do “Decreto do plurilingüismo no ensino” (2010), que viña derrogar o “Decreto polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo”, vixente durante tres cursos escasos. Ambos os dous decretos, cos correspondentes títulos, son pezas emblemáticas das políticas lingüísticas dos períodos anterior e posterior, respectivamente, ao ascenso do PP á Xunta: “o uso e promoción do galego” cedeu paso ao “plurilingüismo”. O decreto de 2007 significara o punto de chegada dun camiño iniciado en 1983 coa Lei de Normalización Lingüística, que, paseniñamente, arrastrando os pés, cambaleando, con viravoltas, pero con rumbo definido, viñeran percorrendo sucesivos gobernos autónomos do Partido Popular. Coa adaxe do plurilingüismo púñase punto final á política de mínimos, de buscar consensos, de consolidar un chan para afincar os alicerces do galego co horizonte da normalización lingüística —para uns aspiración utópica, para outros etiqueta propagandística— e estreábase a política de reforzar os teitos —os legais e os de cristal— e apagar os horizontes do galego.

xoves, 16 de xullo de 2020

Chamadeiros: A toponimia de Pontevedra

Unha fermosa publicación divulgativa do SNL do Concello de Pontevedra sobre a súa toponimia

A toponimia de Pontevedra by kiarqu2458 on Scribd

Negacionismo enxebre

 


por Miguel Rodríguez Carnota, en Terra e Tempo:

Negacionismo é a arte de rexeitar unha parte da realidade contra toda evidencia racional. Os negacionismos cumpren unha dupla función: unha de carácter social, a moi evidente de resultar útil aos poderosos, pois fai desaparecer da vista realidades patentes que os poidan incomodar ou cuestionar. A outra, a moi reconfortante función psicolóxica de trocar verdades inquietantes por crenzas confortábeis, moito máis doadas de asumir esobrelevar.

 

martes, 14 de xullo de 2020

O rostro humano da literatura galega

No ano 2008 a RSME (Real Sociedad Matemática Española) xunto coa FECYT (Fundación Española para la Cinencia y  Tecnología) puxeron en marcha unha exposición para popularizar a figura de 30 matemáticos, "O rostro humano das matemáticas". De cada un deles presentábase unha caricatura dun deles, un breve texto explicando algunhas das características fundamentais da súa vida e a súa obra e unha imaxe relativa a esta última. Por exemplo, de Pitágoras ofrecíase esta demostración visual do seu teorema.


Non se lle poden negar as potencialidades educativas desta exposición que, no seu momento, e con gran éxito, percorreu unha innumerable cantidade de centros e achegou a cultura matemática a moitos rapaces. A exposición incluso acabaría tomando forma de libro, El rostro humano de las matemáticas (Nivola, 2007)

O rostro humano da literatura galega
Agora, esta mesma idea, cargada sobre os ombros dunha soa persoa, foi levada á práctica coas figuras homenaxeadas no Días das Letras no período 1963-2020. De cada unha delas temos nas páxinas impares unha caricatura. Nas pares un texto do escritor, unha explicación do fundamental da súa vida e obra, datas e lugares de nacemento e morte, e un listado dos seus libros máis importantes. Velaquí a esencia do libro As letras galegas en caricatura, editado polo autor, Héitor Picallo.
Un libro de consulta escolar coa potencia das imaxes que fan máis próximos aos escritores galegos aquí recompilados.


mércores, 8 de xullo de 2020

A metodoloxía da SXPL, ou como subvencionar o castelán cos (escasos) cartos da normalización

Onte a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) emitía un chío para informar da apertura do prazo para solicitar prazas de lectorado no que remitía ao portal da propia SXPL para a consulta de bases
Porén, no portal da SXPL non había onde facer a consulta


Isto lévanos á pregunta: hai alguén aí? Funciona a SXPL? Se funciona, que fai?
Velaquí unha mostra do que fai. O conto, como veredes, non é novo.
Hai un ano a SXPL licita a compra de 300 exemplares do libro " Medio século de galeguidade", dunha especie de organismo chamado Enxebre Orde da Vieira. En total 6.236,88 €. Premendo na anterior ligazón poderedes comprobalo, o libro está redactado en castelán (agás unha entrevista ao secretario xeral de política lingüística e ao de emigración)
Que terá a Enxebre Orde da Vieira para ter a atención da Xunta?. Lendo a súa presentación vemos que

La ENXEBRE ORDE DA VIEIRA, NO es un partido político, ni asocia-ción, ni mucho menos una tendencia. NO promociona, no gestiona, no especula, no selecciona, no discrimina. NO es una corporación, ni una fundación. NO es un grupo de presión. NO tiene ni administra fondos. NO persigue ánimo de lucro. NO recibe ni solicita subvenciones. NO acepta herencias, legados ni donaciones. NO reparte dividendo. NO percibe cuotas ni tributos. NO tiene domicilio social. No tiene presidente, ni socios de honor, de número o de mérito. NO es una mutualidad ni una sociedad mercantil. La E.O.V. no es nada de eso y, sin embargo [o marcado é meu]
recibe o privilexio de que a SXPL gaste os seus fondos nun libro, posiblemente para agasallo aos seus membros , a pesar que a Enxebre Orde lle vira as costas á lingua. Non só iso, a SXPL compra 300 exemplares dun libro que maltrata a toponimia. A seguinte foto é só un dos múltiples exemplos: *La Coruña, *Orense, *La Guardia, *Puentedeume, ...

Finalmente, o máis escuro de todo. Vendo como é a publicación, entendemos que a SXPL merca todos os exemplares, seguramente para ofrecerllos como agasallo aos membros da Enxebre Orde que non recibe subvencións. De ser certa esta miña sospeita, hai que preguntarse a onde foron a parar os cartos da Secretaría Xeral de Emigración, cos que se volveu subvencionar a publicación




domingo, 28 de xuño de 2020

Proposta de bases para a normalización do ensino

A Mesa pola Normalización Lingüísitica, en coordinación con movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e organizacións sindicais deseñan de xeito conxunto un modelo de sistema educativo co galego como lingua vehicular e de aprendizaxe.
A Xunta, polo momento (non importa cando o leas) non contesta

Entre as bases destacamos algunha como:
  • A administración educativa garantirá material en galego para todas as áreas, materias e módulos profesionais. [Actualmente prohíbese en varias materias, e en case todos os módulos profesionais non houbo nunca material na nosa lingua]
  • A Xunta de Galiza levará a cabo unha campaña de informa-ión e sensibilización no conxunto da sociedade sobre o alcance e importancia deste modelo para devolverlle ao noso idioma o status que lle corresponde. Así mesmo, programará unha ampla información e formación específica tanto para ANPAS e familias como para persoal non docente.[Alguén recorda algunha campaña neste sentido nos gobernos do PP?]
  • En todos os procesos selectivos e de acceso á función pública o profesorado estará obrigado a realizar unha das probas, como mínimo, en lingua galega, e nela terá que mostrar competencia oral e escrita para o uso do noso idioma.[Esta esixencia é de mínimos. Con todo non se dá hoxe en día. Non se garante en forma algunha a competencia en lingua galega no acceso á función docente. Non estaría de máis establecer tamén garantías para o sector privado]

Proposta de bases para a normalización do ensino by kiarqu2458 on Scribd

sábado, 27 de xuño de 2020

Grandes ideas da astronomía

A finais de febreiro deste ano a Agrupación Astronómica Io publicaba a primeira tradución mundial da publicación da Unión Astronómica Internacional,  “Big Ideas in Astronomy: A Proposed Definition of Astronomy Literacy” . Trátase dun texto cunha serie ordenada de conceptos chave da astronomía que deberían formar parte da cultura xeral de calquera persoa ben informada nesta materia A tradución foi obra de Martin Pawley e a deseñadora gráfica Marta Cortacans adaptou o formato orixinal.

Diglosia

por Marta Dacosta en Nós Diario:

Estou no curro e, como distraída, detéñome ao pé dun grupo de persoas e escoito. Parece que observo o espectáculo que teño diante, mais realmente a miña atención está concentrada nas palabras que se pronuncian ao redor de min. Reparo na prosodia, na fonética, no vocabulario. Satisfaime sentir que o seseo campa ás súas anchas e a entoación é a onda melódica destas falas do sur, en que as femias son burras, coma se egua fose un cultismo escuro pegado ao latín, separado del a penas por unha sonorización. Gozo coa vida de palabras invisíbeis como baio, e observo para comprobar a cor dos animais así nomeados, o branco agrisado, o crema case limpo, tan rechamante naquel cabaliño que a penas tiña uns días e, pegado á nai, aleitaba a cada pouco.