Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 19 de decembro de 2020

Igualdade para o galego: firmeza e vontade


 por Marcos Maceira no Nós Díario:

Enaire, empresa pública dependente do Ministerio de Transportes, vén de expedientar unha traballadora após ser recoñecido na inspección de traballo o seu dereito ao uso do galego nun centro laboral situado na Galiza. Para Enaire a utilización do galego é unha conduta sospeitosa de “acoso ascendente” contra a dirección.

 

CRTVE, outra empresa pública, cingue a emisión en galego aos informativos autonómicos, aproximadamente unha hora ao día. Porén, non existe nengún impedimento técnico para as emisións estatais seren en versión orixinal galega, dobrada ou lexendada ao castelán e outras linguas e viceversa. Cero horas destinou TVE ao público infantil e xuvenil galego na súa lingua. Durante o confinamento excluíu o galego da emisión de aulas e contidos didácticos complementares.

 

Perante isto esperaríase unha reacción contundente do presidente da Xunta reclamando respecto e igualdade para galegas e galegos, con tanto dereito como calquera a, no seu país e na súa lingua, traballaren en empresas públicas, accederen na súa lingua á televisión estatal, a produciren contidos audiovisuais ou a se presentaren aos certames científicos dos Ministerios de Igualdade e de Ciencia que prohiben o uso do noso idioma.

 

Mais as declaracións contundentes de Feixoo fican reservadas á defensa do español. Así aconteceu coa modificación da LOMCE e a suposta eliminación do castelán das aulas. A hidra españoleira alporizouse polo regreso á situación previa a 2013 e pola simples mención á existencia de linguas cooficiais. Reacción ben elocuente dun conflito lingüístico onde o mínimo enunciado sen consecuencias semella pór en causa a hexemonía do español como lingua dun Estado único, inmutábel e, por suposto, incuestionábel. Poden ficar tranquilos. Coa Lomloe Feixoo manterá vixente o decreto contra o galego de 2010 por moito que a porcentaxe de mozos e mozas incapaces de falar galego sexa o maior da historia da lingua.

 

Non mostra Feixoo idéntica firmeza na defensa de Galiza usando a súa lingua no exercicio da súa representación ou defendéndoa en canta oportunidade ten. Cando se negará a asinar o convenio para vixilancia do monte galego co exército, que estabelece cada ano a obrigatoriedade de se dirixir aos militares en español? Mantívose esta cláusula no rastrexo da Covid-19? Até onde sabemos rastrexos e mesmo o cuestionario dos centros de chamadas para información Covid-19 están só en castelán limitándose o uso do galego mesmo que o empregar a persoa usuaria do servizo.

 

Hai uns días 10 organizacións políticas rexistaban no Congreso unha Proposición Non de Lei que recolle as demandas do manifesto pola pluralidade lingüística: liberdade, igualdade e democracia promovido por diferentes entidades sociais de defensa das linguas, entre elas, a Mesa pola Normalización Lingüística.

 

O obxectivo é camiñar cara ao verdadeiro recoñecemento das linguas diferentes do español que, máis que o “especial respecto e protección” constitucional, o que precisan é igualdade en todos os ámbitos da vida. Que para unha persoa de Vigo poder vivir en galego sexa tan fácil ou tan difícil como vivir en español unha persoa de Cuenca. Que o Boletín Oficial do Estado deixe de ser un órgano de expresión do racismo lingüístico que certifica a supremacía do español. Somos iguais. Nen máis nen menos.

 

Se for apoiada pola Xunta da Galiza, esta iniciativa podería chegar a ser unha oportunidade para promover, sen obstáculos, a lingua propia de Galiza como indica o Estatuto.

 

Só tería que reclamar concreción e actuar para se cumprir unha vez aprobada. Ou tamén terán que ser entidades sociais como A Mesa, cos recursos das súas socias e socios quen o fagan?

 

Nota: a Liña do Galego, servizo da Mesa pola Normalización Lingüística para denuncias de vulneracións do dereito ao uso do galego, asesoramento e parabéns, actúa en centos de casos cada ano. Neste 2020, a día de hoxe, só 35 queixas foron contestadas pola Xunta a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística sen teren resolto nengunha. 13 delas xa foran resoltas previamente pola Mesa. Se A Mesa pola Normalización Lingüística o conseguiu sen contar coa axuda nen coa colaboración da Xunta, canto máis se podería conseguir se a administración autonómica tivese vontade?

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario