Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







Amosando publicacións coa etiqueta La Voz de Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta La Voz de Galicia. Amosar todas as publicacións

domingo, 16 de agosto de 2026

A lingua de Lía

 por Antón Riveiro Coello, en La Voz de Galicia:

Lía vén de nacer en Vigo e cavilo no mundo que agarda por ela, a escola á que irá, as amizades que fará e, inevitablemente, pregúntome tamén en que lingua vivirá. Na casa non teño dúbidas. A súa familia falaralle en galego, igual cós seus curmáns Aldán e Airas. Escoitará contos, cancións e conversas na lingua herdada. Pero iso non abondará. Transmitir o galego na familia deixou de ser garantía para que unha nena o poida incorporar con naturalidade á vida cotiá.

mércores, 4 de febreiro de 2026

A elección

 por Manuel Gago, en La Voz de Galicia:

Quen siga as novidades da literatura notará nos últimos anos na comarca do Barbanza, máis que na Costa da Morte, como cada vez máis xente nova escolle publicar a súa primeira obra literaria en castelán. Desde poemarios ata novelas de mocidade, cozy mistery, ou de pretensións máis literarias. Son na maior parte dos casos obras autoeditadas, pagadas cuns aforros deles, ou por pais ou avós que financian ese soño dos seus rapaces. Como pasa en todo o mundo, a maior parte deses libros non chegan moito máis alá do círculo de amizades e familia. E internet tampouco axuda moito a movelos. Eles cren que o seu Instagram vai funcionar. Pero resulta que non.

domingo, 30 de novembro de 2025

A lingua do outro como acto de xustiza

por Sandra Mª Piñeiro Vilas, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, en La Voz de Galicia:


O pasado luns, 17 de novembro de 2025, Carmen Eiró tomou posesión como fiscala superior de Galicia. Podería ter sido un acto institucional máis, se non fose porque o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, nado en Salamanca, decidiu pronunciar parte do seu discurso en galego. Non o fixo por obriga nin por xesto folclórico: fíxoo por respecto. Cada vez que o poder fala a lingua do outro, está facendo xustiza.

venres, 14 de febreiro de 2025

A cuestión do porvir do galego é política

 por Xesús Alonso Montero, en La Voz de Galicia;

Pídeme La Voz de Galicia, cun tempo moi taxado, un artigo sobre a problemática do idioma galego hoxe, sen que poida dispoñer de oito ou dez páxinas do xornal, imprescindibles, sen dúbida, para ofrecer aos lectores o mapa completo da complexidade do tema e, asemade, os delicados vieiros da solución. Eu abordareino, no posible, na estrita prisión dun artigo xornalístico.

xoves, 16 de xaneiro de 2025

O galego peta de novo

 por Uxío Labarta en La Voz de Galicia:

Unha declaración institucional da Real Academia Galega peta de novo sobre o galego. A partires da Enquisa de condicións de vida das familias do Instituto Galego de Estatística (IGE) do ano 2023, analizada con amplitude no Informe sobre a situación da lingua galega da autoría de Monteagudo, Loredo e Vázquez-Grandío, a RAG alerta de novo e propón solucións para o que segue sendo a dramática da lingua galega. Aquela analizada por Xesús Alonso Montero, nun texto firmado en Lugo un 4 de abril de 1973. Ou, cunha outra fasquía, a de Francisco Rodríguez, Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza, dende a súa primeira edición no 1976. E mais logo as obras de investigación de Henrique Monteagudo e o seu equipo, e os innúmeros e destacados ensaios de sociolingüística da súa autoría. Digo isto porque antes da declaración institucional e a situación que se desprende do informe e da enquisa do IGE 2023, viñamos ben avisados. Tan avisados que fomos afortunados cando o noso Parlamento no 1983 aprobou por unanimidade unha lei de normalización lingüística e un pronto desenvolvemento para introducir o galego no ensino, mesmo coas eivas, erros e retesías. E, nalgún tempo, teren material audiovisual para nenos e series de ficción de sona. Aínda que nunca se lle prestara a atención debida ás novas tecnoloxías ou redes. Tamén por contar con «conversos», que dixera Otero Pedraio, que axudaron a facelo posible.

 

martes, 7 de xaneiro de 2025

Que ten pensado facer co galego o Goberno do PP?

por Lourenzo Fernández en La Voz de Galicia:

Hai un dito na universidade: cando un problema non ten solución, ou non hai capacidade para tomar unha decisión, monta unha comisión. Véuseme á cabeza a propósito da proposta da consellería de organizar dez grupos de traballo para actualizar o plan de normalización de hai vinte anos. É a única reacción a unha realidade estatística dramática sobre a perda de falantes. Mudaron os tempos, os modos e as persoas. A vella idea de normalización non ten sentido hoxe en día, tíñao hai corenta anos, cando se concibiu para darlle normalidade a unha lingua que estivera fóra dela durante a ditadura e fóra da Administración dende sempre. Menos aínda fai sentido afrontar a perda de falantes cun plan que fracasou, como demostran os datos. O asunto non é o plan senón de política. Foi a política de Feijoo a que fixo fracasar o que aquel plan puidera ter de bo. Foi a política dos gobernos do PP nos últimos quince anos a que nos trouxo a esta situación. A resposta só pode ser política, non técnica, a penas social.

xoves, 24 de outubro de 2024

Amabilidade?

 por Inma López Silva en La Voz de Galicia:

Cando hai 25 anos nos licenciamos en Filoloxía Galega, non pensabamos ser expertas nunha lingua morta. Daquela, Fraga falaba do bilingüismo harmónico para xustificar a súa despreocupación polo galego, unha pequena barbaridade que xa se desarmaba nos nosos flamantes apuntamentos. Daquela criamos que a destrución da lingua podía reverterse gañando a batalla do prestixio, e tiñamos as ferramentas: as oficinas de dinamización lingüística, unha lei de normalización, unha televisión pública e un sector cultural que cría que a nosa razón de ser como pobo radicaba na lingua galega. Pero só dúas décadas despois os datos apuntan que, nunha xeración, o galego desaparecerá.

 

martes, 22 de outubro de 2024

Alarma e intervención

 por María López Sández en La Voz de Galicia:

Cando, no ano 1973, o profesor Xesús Alonso Montero publicou o seu Informe Dramático sobre a Lingua Galega, foron moitas as voces que responderon a aquel agoiro. Temíase que actuase de profecía autocumprida, desincentivando a conservación e a transmisión da lingua, e que acelerase o seu esmorecemento e precipitare a súa morte. Obviamente, tamén tiña o potencial de activar o efecto alarma, facendo conscientes a todos os que aman o idioma do reto ao que nos enfrontamos e mobilizando a loita pola preservación do noso ben colectivo máis importante. Este segundo efecto é o que teñen que provocar os datos sobre a evolución do uso do galego nos últimos anos.

 

Derribar el Pórtico de la Gloria

por Lourenzo Fernández Prieto, en La Voz de Galicia:

 

Digámolo en castelán para coincidir coa maioría estatística de falantes galegos recentemente acadada. Derrubar o pórtico da Gloria sería un delito que non tería perdón posible polos séculos dos séculos. Habería responsables por acción, por omisión e imprevisión, por conivencia ou por falta de reacción, pero os principais responsables a lembrar serían sempre os que gobernan. A historia é así de específica diante de asuntos tan transcendentes na diacronía dos pobos, tan históricos. Aos responsables de derrubar o Pórtico sería difícil lembralos por algo máis ca ese gran desastre histórico. No presente da lingua, urxe cambiar o famoso decreto que afastou, minguou e vetou o galego nas aulas. Afastouno ao pólo a competir espido con outras linguas; reduciu o seu uso escolar e vetouno —prohibiuno— en materias chave. Hai moito escrito, estatísticas a moreas, sabemos que non é a escola a única garantía de aprendizaxe e uso do galego, pero non nos despistemos e que non nos confundan: é a porta de entrada garantida. É a garantía primeira de aprendizaxe e uso. Precisamente iso é o que demostra este triste caso do noso galego e mais do noso castelán emprestado (estatística e historicamente falando): a forza determinante da escola na deriva do seu uso potencial e efectivo. Pasará aos libros de lingua e despois aos de historia a inédita rapidez —a aceleración temporal— da perda de falantes do galego. Explicarase por que e tamén por quen aconteceu.

 

luns, 24 de xuño de 2024

Son unha radical

por María Canosa en La Voz de Galicia:

Son unha radical. Pero unha radical de libro. Ou mellor incluso, unha radical de dicionario, porque a RAG dinos que radical, na súa primeira acepción, corresponde co relativo á raíz.

xoves, 30 de maio de 2024

A vida era un incendio

por Diego Ameixeiras en La Voz de Galicia:La Voz de Galicia:

 

Os pais tiñan un bar, privilexio que a F. lle permitía botar máis tempo na rúa. Gardo na memoria daqueles veráns a faciana encarnada de oito ou dez rapaces do meu barrio. A lingua habitual era o castelán, pero as comunicacións futboleiras executábanse nun crioulo con apelacións á concordia que nunca cumpriamos: «No vale furar ni meter sachadas». Así a todo, F. defendíase nun galego perfecto. Un ourensao de feituras opulentas, herdadas dunha nai que dirixía o bar co carácter de Joan Crawford en Johnny Guitar. Para min, que hoxe sigo sendo un ignorante en sociolingüística, F. era unha forza da natureza: un corpo infantil, miudiño e nervioso, capaz de aloxar a fala ancestral de todos os vellos da contorna de Ourense. Escoitei na radio unha entrevista institucional polo Día das Letras. Unha voz dicía que o sistema educativo garante un perfecto coñecemento da lingua galega, polo que a continua perda de falantes debe imputarse á responsabilidade dos máis novos, que non o usan para socializarse. Ten que ser duro gobernar Galicia: creas un Shangri-La lingüístico e uns adolescentes con ronchas encárganse de dinamitarcho. Outros preferimos tarefas máis agradecidas, como evocar a F. e abrigarnos coa calor da ficción. Ensínanos Manuel Vicent que a memoria debe podrecer para xermolar en literatura, do mesmo xeito que podrece unha semente. Na miña memoria está F. A semente que deixou F. A literatura que lle debo a F. Os rebumbios con F. Podo velo agora rifándome pola miña nulidade no xogo, despois de embarcarlle a pelota nun silveiro. Ou enfrontado aos adultos, arriscándose a recibir uns azoutes, cando consideraba que estaban eludindo as súas responsabilidades e frustrando as euforias do noso mundo infantil. Acudía a unha fórmula para estes casos. Antes de saír correndo, espetáballes: «Que vos dean por onde enfían as agullas». Non sei que sería do meu amigo F. Non sei que lle pasa á memoria da infancia, que vibra dentro nós coma un eco onde sempre se pon o sol no mes de agosto. Sei, en cambio, que o idioma daquel rillote persiste, a pesar dos furos recibidos. «A lingua materna é iso que lle arde ás nosas nais na boca». Escoiteillo a Chus Pato, outra heroína auriense, e hoxe remato aquí. Remato dicindo que a nai de F. saía á porta do bar para chamar polo fillo cando o resto xa estabamos na casa. Eu asomábame á ventá. Nos beizos daquela señora desatábase un fabuloso incendio.

martes, 28 de maio de 2024

O galego morrerá de amor

 por Inma López Silva en La Voz de Galicia:

Imaxinan que o presidente Sánchez remate unha intervención institucional dicindo «que haiga buena salú pa tos ustedes»? Pois ese é o nivel que aceptamos para os usos públicos do galego: políticos que colocan os pronomes coma marcianos, locutores que non pronuncian sete vogais, rótulos sen acentos. Cada vez que un parlamentario di un «llo agradezco moito» —epítome do desastre— morre un miquiño.

 

xoves, 5 de outubro de 2023

Coidado cos búmerangs

 por Carlos Callón en La Voz de Galicia:

A primeira vez que se falou en galego nun parlamento foi no ano 1188, nas Cortes reunidas en León polo monarca galego Afonso VIII, que a Unesco considera «o berce do parlamentarismo europeo». Non precisaron de intérpretes, pois os romances que alí se usaron eran moi próximos e, ademais, aínda nin se sementara o desprezo contra o idioma de Galiza que tería tan tristes ecos. Sería impensábel que cando o rei se dirixiu en galego aos diferentes estamentos alguén saíse da asemblea coa boca escumando, como vimos hai nadiña en Madrid.

 

mércores, 20 de setembro de 2023

Un patrimonio común

 por Víctor Freixanes en La Voz de Galicia:

A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección», di o terceiro punto do artigo 3 da Constitución. Nos puntos 1 e 2 do mesmo artigo dise que «o castelán é a lingua española oficial do Estado, que todos os españois teñen a obriga de coñecela e o dereito de usala, e que as demais linguas españolas serán linguas oficiais nas súas respectivas comunidades autónomas consonte cos seus Estatutos».

 

mércores, 7 de xuño de 2023

O galego non é do BNG

 por María Canosa, en La Voz de Galicia

É habitual acusar ao BNG de apropiarse da lingua galega. Os demais partidos reclaman que tamén é deles, de todos e todas. Na noite electoral, a maioría dos futuros alcaldes das principais cidades de Galicia fixeron as súas declaracións en castelán. Dáse a casualidade de que quen usou o galego de maneira natural (non imposta nin lida) militaba no BNG, salvo algunha excepción.
 

domingo, 2 de abril de 2023

Unha lingua para o futuro

 por Víctor F. Feixanes en La Voz de Galicia:

Alumnas de secundaria dun instituto da Coruña pregúntanme polo futuro da lingua galega e amósanme a súa preocupación: «por que o idioma perde falantes? Os nosos avós aínda o falan na aldea, pero os nosos pais xa non». Os pais viñeron vivir á cidade contra finais do pasado século, en realidade xa se criaron na cidade, aquí se coñeceron. Elas, as mociñas, criáronse en castelán. Só cando van á aldea, visitar os avós, senten a lingua arredor, e quixeran que as cousas non fosen así. «Como podemos recuperar o galego?», preguntan.

 

luns, 2 de xaneiro de 2023

Lingua en estado de alarma

 por Marcos Maceira en La Voz de Galicia:

Saltan as alarmas cada vez que se publican datos sobre o uso do galego. Especialmente cando o censo do INE de 2011, como no último de 2021, sinala que eran pouco menos da metade de galegas e galegos quen empregaban maioritariamente a lingua propia, natural e orixinaria do país, a que nos fai visíbeis e audíbeis como pobo con plena capacidade de se desenvolver.

 

sábado, 31 de decembro de 2022

Sobre o uso do galego: Filoloxía e política (Política)

 por Xesús Alonso Montero en La Voz de Galicia:

Desde hai bastante tempo as enquisas dos sociolingüistas sobre o uso do idioma galego non son favorables. De feito, non fai falta nesta cuestión ser especialista para que calquera cidadán atento se decate de que o uso da vella lingua do país, lonxe de medrar, vai minguando engordiño.

domingo, 19 de xuño de 2022

Pobre español en Galicia

 por Inma López Silva en La Voz de Galicia:

Como todo o mundo sabe, as nosas fillas non oen unha palabra de castelán desde que entran na escola ata que, rodeadas de galego por todas partes, chegan á casa. Menos mal que alí, agochadas entre o retrete e o bidé, logramos que o castelán resista, malia a persecución. E a culpa, nisto coma con todo, é de Feijoo, ese galeguista.

sábado, 19 de marzo de 2022

Os pesimistas tamén se enganan

 por Carlos Callón en La Voz de Galicia:

Cando nos detemos a pensar sobre o pasado, o presente e o futuro do galego, hai dúas preguntas fundamentais que temos que nos facer en voz alta. A primeira, por que o idioma nado para ser o natural da Galiza —de aí o seu nome: galego— non deu consolidado até o momento o seu espazo social. A segunda, por que unha fala reprimida fisicamente por séculos nas escolas (ao menos de 1543 a 1980, como documentamos no Libro negro da lingua galega), afastada dos templos (nunha exclusión que non padeceron catalán nin vasco) e desprovista de todo auxilio institucional durante medio milenio conseguiu sobrevivir e mesmo aspira a deixar atrás todos os confinamentos.