Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 14 de febreiro de 2025

A cuestión do porvir do galego é política

 por Xesús Alonso Montero, en La Voz de Galicia;

Pídeme La Voz de Galicia, cun tempo moi taxado, un artigo sobre a problemática do idioma galego hoxe, sen que poida dispoñer de oito ou dez páxinas do xornal, imprescindibles, sen dúbida, para ofrecer aos lectores o mapa completo da complexidade do tema e, asemade, os delicados vieiros da solución. Eu abordareino, no posible, na estrita prisión dun artigo xornalístico.


De novo, pois, como dirían os filólogos de Italia, la questione della lingua, da lingua galega no ano 2025, despois de coñecermos os desacougantes datos estatísticos de hai dous meses. Como se expón no meu informe de 1973, a cuestión é, no esencial, política, tan política que convido ao lector a que repare na biografía filolóxica dun partido foráneo, o PNV, modelo, no mundo enteiro, á hora de definir o problema lingüístico e procurar solucións. E falo dun partido católico e tirando a conservador, do que estou moi lonxe, como podo estalo do PP, que ten gobernado en Galicia tanto como o nacionalismo vasco no seu territorio.


Xa aquí debo aclarar que nunca oín ou lin a un dirixente popular palabras negativas sobre o idioma de Castelao, nin a un mandatario euskaldún xuízos adversos sobre o idioma de Gabriel Aresti. O que acontece é que os dirixentes do PNV están comprometidos a fondo coa causa do vello idioma do seu país, e os dirixentes galegos, onte e hoxe, pensan que o compromiso co vello idioma de Mendiño non necesita ser asumido como unha causa primordial. Explicareime. Se un dirixente vasco, o día da festa nacional euskalduna, alenta, desde a televisión para que os cidadáns de Euskadi coiden e cultiven o euskera, os cidadáns desas tres provincias saben moi ben que ese dirixente emprega habitualmente, no ámbito familiar e noutros, o idioma de Aresti; por outra parte, se un alto ou medio dirixente galego, na TVG, o Día das Letras Galegas emite un discurso semellante, os cidadáns de Galicia saben moi ben que o idioma habitual dese dirixente, no ámbito familiar e noutros, non é o galego, é o castelán, que eles consideran o seu idioma social. Por conseguinte, dous compromisos ben distintos.


Por iso, os fillos e os netos dos taxistas galegos que emigraron a Bilbao, coñecedores do euskera pola escola e polo instituto, consideran normal e, en certo modo, como un deber, utilizaren o idioma predicado polos dirixentes, moitos deles froito filolóxico dunha política lingüística que logrou alentar ou revivir o euskera nestas décadas. Lémbrese que, cando naceu Unamuno, en 1864, ninguén, en Bilbao, falaba vasco, dito polo propio don Miguel.


Hoxe, en Galicia, a inmensa maioría da xente nova (de 12 a 40 anos) aprendeu ou perfeccionou o galego nas aulas, sen quebrantaren o castelán, mais, saídos das aulas, quizais non o esquecen pero viven, familiar e profesionalmente, nunha sociedade que só lles ofrece o castelán como alternativa atractiva. En realidade, non teñen exemplos que imitar, e menos os políticos, tan presentes no País Vasco. En conclusión, a solución está na Política (con maiúscula); polo tanto, o que cómpre e urxe é gañar as eleccións autonómicas para facer política lingüística democrática desde o poder por persoas que, na teoría e na praxe, teñan un compromiso a fondo coa causa da lingua galega, sexan do BNG, de Sumar, do PSOE... ou do PP.

Ningún comentario:

Publicar un comentario