Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 19 de febreiro de 2025

Obxectivos para o idioma. Cales?


 editorial do Nós Diario, por Alberte Mera:

Decorre hoxe a primeira reunión dos membros que participan na elaboración da Renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega 2025. Haberá saúdo do conselleiro de Cultura e Lingua, José López, presentación do informe do presidente da Comisión Técnica, Manuel González, constitución das comisións sectoriais... Terían nas súas mans unha grande empresa ante a emerxencia do idioma que demostra os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Por iso, os obxectivos deberan ser ambiciosos, como é a total normalización da lingua galega, cumprir e facer cumprir o Plan Xeral de Normalización que nin o Goberno galego ten a ben respectar na práctica diaria, eliminar as limitacións ao galego... Mais a Xunta, no seu ofrecemento de "pacto do galego" marcou liñas vermellas: non cuestionar o decreto que limita o galego no ensino e, para afianzalo, uns días antes de que hoxe transcorra a cita, o conselleiro e o presidente da Comisión Técnica  para a Renovación do Plan Xeral de Normalización presentaban un estudo pagado pola Xunta a unha empresa privada que, con apenas 1.200 enquisas, sitúa o galego como un foguete na mocidade e no ensino, autovalidándose o decreto que reduce o galego nas aulas -fronte ás 9.200  enquisas do IGE que certifican a emerxencia lingüística e a perda do galego entre o estudantado-. A pesar destes precedentes, sería bon que na cita de hoxe non poñan límites ao galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario