Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 17 de febreiro de 2025

Comunicado da CTNL respecto do proceso de renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega

 

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua emite un comunicado sobre o proceso de renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega.


O 12 de febreiro tivo lugar, a instancias da Xunta de Galicia, a reunión de máis de 100 profesionais de diferentes ámbitos para renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG); reunión que se pode considerar a continuación lóxica ao inicio do proceso o pasado 26 de decembro, cando se presentou en sociedade o coordinador dos traballos e as persoas encargadas das comisións sectoriais. Entre estas dúas datas transcorreron 48 días nos cales a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua en ningún momento foi contactada nin convocada a ningún tipo de reunión, encontro ou intercambio de pareceres respecto da alarmante situación que atravesa a lingua galega, circunstancia que desexa facer pública ao tempo que mostra o seu malestar e sorpresa.


É dicir, a asociación que desde o ano 1996 agrupa o colectivo profesional de técnicas e técnicos de normalización lingüística, o persoal que a pé de obra, día tras día, é o encargado de facer valer, defender e executar o cativeiro e minguante marco normalizador de que dispomos —e cuxas funcións, situación e recursos non temos dúbida de que o secretario xeral da Lingua coñece de primeira man—, non foi escoitada nin chamada a participar nun proceso que, nas voces dos seus promotores e protagonistas, se presenta como aberto á sociedade e coa presenza de institucións relevantes vinculadas co idioma. E todo isto, malia que o pasado 30 de setembro, coincidindo co vixésimo aniversario da aprobación do vixente PXNLG, nun outro comunicado a CTNL mostrouse partidaria de reaxustar e actualizar o devandito plan naquelas cuestións que se estimar necesario e oportuno e de abrir sen demora unha nova etapa.

Ante esta situación, na medida das nosas posibilidades e, sobre todo, da transparencia con que se execute o proceso nos vindeiros meses, desde a CTNL manterémonos expectantes á evolución dos traballos, mais agora non podemos menos que rexeitar e denunciar sen ambaxes e enerxicamente que a súa posta en marcha se vexa precedida e rodeada dunha sucesión de medidas antinormalizadoras e dun discurso por parte do Goberno galego que continúa a vincular a promoción da lingua propia de Galicia coa imposición lingüística e asemade intereseiramente pretende rebaixar a gravidade do momento sociolingüístico en que nos atopamos. Seguiremos, en definitiva, dando corpo ao lema que nos acompaña e do que facemos gala desde hai anos. Seguiremos #traballandoenlingua! Seguiremos sachando na leira…

Ningún comentario:

Publicar un comentario