por Bieito Lobeira no Nös Diario:
Calquera día van acabar convencéndonos de que o galego nunca estivo tan ben nin tivo tantos falantes como agora, grazas a Alfonso Rueda, colosal galeguista. E que se hai algún (pequeno) problema débese ao profesorado de galego, ao Bloque, aos pais e nais, aos inmigrantes ou a San Xudas Tadeo. Porque o que ten a ver co papel da Xunta, é modestamente de Cum Laude. De certo que non sodes quen de sinalar unha soa medida da Xunta contra o galego. Nin unha.
Ademais están a levar adiante un grande pacto pola lingua. "Con todos", din. Ben, aí esqueceron unha pequena, moi pequeniña parte da sociedade galega, como son as organizacións sindicais obreiras e agrarias, asociacións de consumo, comunidade educativa (Anpas, sindicatos do ensino, organizacións estudantís, asociacións de renovación pedagóxica), asociacións de escritoras e escritores en lingua galega, as universidades (e os seus departamentos de galego), ecoloxistas, feministas, ou de música galega. Esqueceron tamén profesionais do mundo da dobraxe, da tradución e da interpretación, asociacións de actores e de actrices, de editoriais, colexios profesionais, mundo do teatro, e mesmo no que ten a ver directamente co traballo en defensa da lingua, A Mesa, ou a coordinadora de traballadoras e traballadores de normalización lingüística, entre tantos moitos outros. Daquela, o conto é: que están a pactar? E con quen están a pactar? Con eles mesmos? Descúlpenme, mais isto cheira un chisquiño a estafa e a paripé.
É un pacto en que se pacta que o pacto pactado hai vinte anos xa non é un pacto, porque "é maximalista", como afirma ese secretario xeral de lingua, que ademais de estómago agradecido é máis falso que un churrasco vegano. Ten o santo rostro de converter o galego no único idioma do mundo que non precisa de leis nin de normas, e de pontificar que nas aulas non hai problema ningún. Que o problema está nos "espazos de socialización". A ver, fenómeno: e logo unha aula que é? Un asteroide sen vida?
E de feito, teñen unha enquisa da Voz que corrobora todo isto. A xente está "satisfeita". Seica tamén Elon Musk realizou unha enquisa e que o resultado final indica con toda claridade que coa rede social X existe unha grande satisfacción. Pois xa está. Até aí chegou a democracia. Ás enquisas. E punto.
O domingo 23 de febreiro é a manifestación nacional pola lingua. De certo que para unha parte deles o 23-F traeralles outras lembranzas, e non precisamente do Día de Rosalía. Saudades do que puido ser e non foi (ou foi, aínda que doutro xeito).
PS: Eu non sei vós, mais a min, se algún día Sito Miñanco pasa a ocupar algunha responsabilidade política na loita contra o narcotráfico (que non o desboto, tal e como vai o conto), a min, daríame que pensar. Ou se no seu día puxesen a Billy el Niño, o torturador, ao fronte dunha oficina de dereitos humanos, se cadra non sería moi tranquilizador. Ou mellor, imaxinádevos a Alfonso Rueda adoptando medidas en defensa do galego. Semella incríbel, non si? Pois é.
Ningún comentario:
Publicar un comentario