Nos últimos meses, a raíz dos datos catastróficos do IGE sobre a situación da lingua galega, saíron nos medios o conselleiro José (non Xosé) López Campos e o secretario xeral da Lingua (de cal lingua?, preguntamos agora) SXL, Valentín García, falando da necesidade dun novo Pacto pola Lingua. Moitos galegos ben-pensantes viron neste chamado ao pacto un recoñecemento tácito de que meteran a zoca, de que se pasaran de desgaleguización e non querían figurar na historia como os enterradores do galego, aínda que teimasen en que o Decreto 2010 de Glotocidio non se tocaría, o que constituía un oxímoro: quero unha cousa e tamén quero a contraria.
Mentres se falaba da ilusión dun novo pacto pola lingua, ao mesmo tempo, a Xunta sacaba por atrás unha normativa para que os funcionarios interinos non tivesen que demostrar coñecemento ningún de galego; hai poucos días coñeciamos a execrable nova de que se ía permitir o acceso laboral á TVG en castelán, para que nos vaiamos afacendo a que haberá TVG en castelán; e, por se estas pinga-a-pinga non chegasen, coñecemos hai poucos días a nova da enquisa encargada pola Xunta á La Voz de Galicia (Sondaxe, que curioso!) para contrarrestar os datos do IGE, un inquérito que provocaría gargalladas polas ocorrencias que nos queren facer crer: por exemplo, que 67,5% das familias din que os seus fillos empregan a lingua "de maneira cotiá", o que leva o conselleiro López Campos a afirmar que o galego "é un idioma ampliamente coñecido" entre a rapazada. Rir por non chorar.
Á parte de que eses datos non os cren nin os marcianos, pois só hai que vivir nesta terra para se decatar de que é unha falacia para manipular a opinión pública (en que quedamos, usado ou coñecido?), o resto da enquisa é unha restra de despropósitos, co que se comproba ás claras que foi unha sondaxe paga para reforzar as perversas intencións da Xunta: para manter o modelo educativo vixente, isto é: o decreto de ensino non se toca porque así o quere a xente. O grupo Voz, coma sempre, ao seu servizo.
A SXL pediulle á miña facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo a designación de varios especialistas para participaren nas distintas comisións que traballarían na elaboración dun novo Plan Xeral de Normalización (ou Dinamización? porque non é o mesmo), e cóubome a honra de que o decanato pensase en min. E a propia Mesa propúxome para traballar na comisión de Galego Exterior e Lusofonía. Pero á vista do que está a ocorrer, de tantas pingas seguidas, non vou ir, por coherencia non podo ir facer un paripé con foto presidida polos glotocidas, porque está visto que non teñen vontade ningunha de pactar un rumbo revivificador para o noso idioma, e aí está o pinga a pinga semanal no funcionariado, na TVG, nesas enquisas de pago xustificadoras do inxustificable… É o conto do pau e da cenoria: póñennos diante a arelada cenoria dun novo pacto pola lingua e mentres vannos dando paus e máis paus. Con esta xente non hai remedio nin esperanza para o noso idioma. E xa non nos enganan con máis cenorias, polo menos a min non.
Coñezo persoas galeguistas que, así a todo, irán de boa fe a esas comisións por ver se triscan un anaquiño de cenoria e se cadra rescatan algo do que xa estaba no PXNL de 2004, e pouco máis, porque o que lles dean por un lado vánllelo quitar polo outro (xa nolo están a quitar antes de empezaren a traballar as comisións!). E todos coñecemos tamén quen irá a esas comisións por fidelidade ao PP e por interese en se manter en carguiños e postiños, por comenencia persoal, aínda que aparenten estar moi preocupados polo futuro do idioma. Por riba do idioma está o seu ego colaboracionista cunha Xunta que ten un plan de desaleguización moi marcado e non se vai afastar un migallo del. E o resto é niquiricar: facer ou aparentar publicamente que se fan cousas para, ao cabo, non facer absolutamente nada nin de proveito para a urxente salvación do idioma.
O rumbo da Xunta xa se marcou hai 15 anos: dinamizar a lingua (máis ben dinamitar), animar de calquera xeito ao uso ritual e folclórico do idioma, pero sen cuestionar nunca o papel hexemónico supremacista do castelán, sen buscar nunca a igualdade efectiva e o equilibrio real das dúas linguas mediante a potenciación real do galego, que iso sería normalización, e iso é pecado.
Por iso irei o 23 de febreiro a Compostela, para estar "cos meus, coa xente miña, perto dos homes bos que sofren longo unha historia contada noutra lingua
Ningún comentario:
Publicar un comentario