Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 22 de febreiro de 2025

Por que vetan o galego?


editorial de Nós Diario, por Alberte Mera:

 Dous ex altos cargos das institucións galegas, quen presidiu o Parlamento da Galiza entre 2009 e 2016, Pilar Rojo; e quen exerceu de vicepresidente do Goberno galego no último mandato de Alberto Núñez Feixoo, Francisco Conde, votaron onte na Comisión Mixta das Cortes españolas vetar que o galego sexa idioma oficial da Unión Europea. Feixoo levounos con el a Madrid como núcleo de confianza. Que triste presentarse por Galiza para defender con dentes un 'non ao galego', aínda que no caso de Rojo lémbrese que para entrar no Senado tivo que presentarse por Albacete. E todo, na semana en que a emerxencia lingüística protagoniza a axenda social, con protestas de entidades sociais como Queremos Galego no seo do Parlamento para reivindicar políticas a prol do idioma e protesta tamén na reunión para a reforma do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, após o Executivo galego sacar do sombreiro de copa –por non dicir que pagou unha empresa– unha enquisa feita á súa medida a 1.200 persoas para afirmaren que existe unha ledicia social co decreto da Xunta que limita o galego nas aulas. Neste febreiro, porén, hai unha luz que alumea, Rosalía, a quen o 23 lembramos no seu día. Canta falta fas, Rosalía, para embarcar coas túas palabras de actualidade e vixencia máis pobo na causa da lingua e dos intereses das galegas e dos galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario