Despois de celebrar o pasado mes de abril 25 anos na defensa do galego , A Mesa pola Normalización Lingüística cambia de local. O seu novo enderezo é Avenida de Lugo 2A-entresollado, en Santiago de Compostela.
E tamén muda o seu aspecto-web. A verdade é que xa lle compría un cambio. No portal anterior a infografía e o uso de imaxes en xeral estaba prácticamente fóra de xogo. O novo loce un aspecto moi mellorado e moito máis atractivo.
Neste web renovado, polo momento, bótase en falta un acceso aos contidos do portal anterior. Polo momento aínda é demasiado aventurado comentar moito sobre o cambio pois ben se ve que aínda queda moito por actualizar no novo espazo. Por exemplo, se temos en conta que a traxectoria da Mesa dos últimos anos podía seguirse ata hai pouco por medio da súa lista de noticias e comunicados, que se multiplicaba pola arañeira da rede en múltiples ligazóns que partían do espazo de referencia mantido pola Mesa, agora non temos esa opción, aínda que a nova estrutura apunta a que ésta e outras posibilidades serán accesibles a non moito tardar. Supoño que isto é culpa das complicacións tecnolóxicas e que, aos poucos, teremos a un par de cliks acceso a toda a información antiga, e polo que se enxerga, a contidos que creo que son novos, como o que parece ser a posibilidade de consulta das revistas LongaLingua. Con esta renovación, o valor de campañas como Abertos ao galego de seguro que se vai incrementar.
Parabéns pola estrea, e sorte coa mudanza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario