por Xosé Ramón Freixeiro Mato, en Terra e Tempo:
Hai aproximadamente un mes compareceron en días diferentes perante a Xustiza, na Audiencia Provincial de Lugo, dous ex-deputados do Parlamento galego que presentaran a súa demisión como tales pouco tempo antes e un deputado galego do Parlamento español, aínda en exercicio da súa función, por un turbio asunto derivado da súa actividade pública que non imos comentar aquí. Como os medios de comunicación fixeron seguimento desta noticia, puidemos informarnos de que un dos ex-deputados, Fernando Blanco, demorou durante dúas horas a súa comparecencia perante a imprensa para comentar as súas declaracións á xuíza porque exixira, antes de as asinar, que estivesen recollidas na mesma lingua en que foran proferidas, isto é, en galego. Este feito converteuse na anedota do día e diso cabe deducirmos que as outras dúas personalidades públicas, que compareceran previamente, con seguranza fixeran as súas declaracións en español.
Ora, estes dous deputados non son tamén representantes do pobo galego que ratificaron en diversas votacións en sede parlamentar que o galego é a lingua propia da Galiza e que os cargos públicos teñen a obriga de a usaren? Sabemos que o deputado que utilizou o galego perante a xuíza e que exixiu a declaración nesta lingua pertence a unha forza política nacionalista, o BNG, e que os outros dous son membros, respectivamente, de cada un dos grandes partidos estatais, PP e PSOE. Os políticos son, por tanto, todos iguais e tanto dá que saian elixidos uns como outros? Polo menos no referente á lingua galega, que tamén concorre nos procesos electorais, parece que non. Uns úsana cando están no exercicio da política e fóra dela, en canto outros nin no desempeño da súa función representativa o fan con coherencia e moito menos na súa vida privada. Que non nos manipulen, pois, co reseso e intereseiro discurso de que todos son iguais e que o mellor é abstérmonos nos procesos electorais. Os nosos votos tamén serven para defendermos a lingua galega e, aínda que só sexa por iso, ningún votante que quixer a normalización lingüística deberá absterse de votar.
Mais o acaecido nos xulgados de Lugo permite outras consideracións de interese sociolingüístico, a comezarmos pola esperpéntica situación que alí se produciu e que é parella coa que habitualmente se dá noutras instancias administrativas e informativas: unha persoa pode facer uso da lingua galega nun evento de interese público e despois ser traducida para o español pola burocracia administrativa, sendo tamén esta lingua a que reproducen os medios de comunicación; así, a lingua galega fica invisibilizada perante a sociedade. Outra reflexión digna de termos en conta é que no caso referido estamos a falar dunha figura pública -Fernando Blanco foi membro destacado do Goberno galego, alén de deputado e recoñecido ex-concelleiro da cidade onde se produciu a comparecencia xudicial- que sempre usou e defendeu o galego en toda a súa traxectoria política. Bon, pois aínda así, e mesmo sendo previsíbel unha reclamación formal como a que realizou, a Administración xudicial non fixo unha excepción preventiva que lle evitase ficar en evidencia na súa falta de respecto polos dereitos dos administrados. Nin iso lle parece importar nada! E se nestas circunstancias a Xustiza axiu con tal desprezo á lingua do xustizábel, como fará diariamente cando este sexa un anónimo cidadán ou cidadá galegofalante? A resposta non é difícil de a imaxinarmos.
Se tal comportamento xudicial devén escandaloso aos ollos das persoas cunha mínima sensibilidade cívica, que dicir da reacción compracente e xustificativa do Goberno galego perante ese feito, sen admitir nin a súa gravidade nin calquera culpabilidade propia ao respecto? Tolera a Xunta con total naturalidade que a lingua galega -a mesma que ela ten a obriga legal de protexer e promover- sexa proscrita no ámbito xudicial e que as persoas galegofalantes reciban un tratamento de segunda. E parece ser que non só consente como tamén incentiva que así sexa, pois no ano 2010 distribuíu un programa informático que impide usar o galego no ámbito xudicial, segundo informa A Mesa. Após ter eliminado probas específicas en lingua galega para o acceso á función pública, a propia Xunta di, falsariamente, que o persoal da Administración de Xustiza non ten a obriga de escribir en galego. Nada pode sorprender xa na conduta dun Goberno galego empeñado en pasar á historia como o exterminador da que as leis declaran 'lingua propia' do país. Ou, se callar, si nos pode sorprender aínda máis. De facto, chega ao paroxismo -inimaxinábel hai ben poucos anos- de se unir ao 'benemérito' valedor do pobo para recriminar a unha editora de libros de texto que reproduza o artigo do Estatuto de Autonomía onde se recolle tal declaración e para a cominar a retiralo de inmediato, seica por non facer referencia expresa a que o español tamén é lingua cooficial na Galiza. Claro, como ninguén o sabe...!; e menos as nosas crianzas, que xa non falan máis que galego! Pouco importa que esa referencia xa constase na páxina anterior: a sinatura de quen realmente manda debe figurar en todas as follas do documento outorgado, como todas as reses teñen de levar a marca do dono.
No entanto, o asunto da Audiencia Provincial de Lugo ten para min outra vertente que escandaliza tanto ou máis e que quería comentar a seguir. O ex-deputado do BNG Fernando Blanco compareceu perante a xuíza o día 29/11/2011 e no faladoiro da Radio Galega da mañá seguinte, día 30, o moderador introduciu como tema de debate ese feito de ter de agardar dúas horas pola tradución para o galego das súas declaracións. As persoas intervenientes no coloquio comezaron de modo suave cualificando o acontecido como unha simple anedota sen importancia, que -loxicamente, tamén o digo eu- non debería ocultar a cuestión de fondo da comparecencia. Inclusive alguén se atreveu timidamente a lamentar a pouca sensibilidade da Xustiza cara ao uso da lingua galega. Mais, após esa primeira tomada de posicións sobre o tema, os ánimos comezaron a se caldear, á vista tamén de que ninguén censurara con clareza a conduta da Administración e de que, por tanto, había certo consenso de base sobre o tema. Abre a veda unha intervención que fala de que nestes temas lingüísticos é mellor a vía do convencemento que a da imposición e que, por conseguinte, talvez o ex-conselleiro non axise da mellor forma posíbel. Unha vez iniciada esta vía, outra persoa xa se atreve co argumento de que ese político, e o partido a que pertence, lle fan un fraco favor á lingua galega con reclamacións dese tipo, pois o que pretenden ambos é erixírense en defensores exclusivos do galego, feito polo cal seica o pobo os rexeita nas urnas. Chégase, desa forma, ao clímax final dun faladoiro 'exemplar' na radio pública galega: a vítima, que ten de pasar pola incómoda situación de reclamar o dereito a ver recollidas as súas palabras na lingua en que as pronunciou -e que casualmente é lingua propia e oficial da comunidade a que pertence-, convértese en verdugo por sentenza unánime dun xuri tertuliano ideoloxicamente 'plural', non faltaría máis. Ao final, a culpa de que o galego estea mal é daquelas persoas que o usan conscientemente e que o defenden.
E el digo eu: tamén debía este político nacionalista de se 'abrir á sociedade' nese caso e asinar a súa declaración en español para así non impor o seu criterio e atraer as simpatías para o galego dunha xuíza e dun funcionariado que con tal proceder se converteron en pobres vítimas do seu sectarismo? Posuír dereitos, mesmo lingüísticos, está ben; ora, antes de os exercitar cómpre ollarmos as consecuencias, non vaia ser que se prexudiquen persoas inocentes que nada teñen que ver coas teimas ideolóxicas duns cantos iluminados. Xa se sabe que o exercicio dos dereitos lingüísticos -só das persoas galegofalantes, naturalmente- pode xerar conflitos e estes non son bos para o propio galego. Non coñezo as presuntas responsabilidades ou culpabilidades deste ex-conselleiro no asunto que o levou perante a xuíza e son partidario, con certeza, de que, se for o caso, as asuma e as pague até ás últimas consecuencias. Porén, no relativo á súa conduta lingüística non teño máis que lle dar os parabéns e as grazas por defender tamén os dereitos das persoas que somos e queremos continuar a ser galegofalantes conscientes e a tempo completo. Por defender, en definitivo, a nosa dignidade, porque cando se priva unha persoa dos seus dereitos lingüísticos tamén se está atacando a súa propia dignidade.
A casualidade fixo que esa mesma mañá do 30 de novembro, após almorzar amargamente co faladoiro referido, tivese de me dirixir ao Paraninfo da Universidade da Coruña para presentar a profesora Tove Skutnabb-Kangas, que impartiu a conferencia inaugural das VIII Xornadas sobre Lingua e Usos, organizadas polo SNL que dirixe Goretti Sanmartín Rei, nesta ocasión so o rótulo de 'Lingua e Ecoloxía'. Esa prestixiosísima investigadora universitaria de orixe finlandesa e con morada en Dinamarca é unha das máximas autoridades mundiais no ámbito de estudo da diversidade lingüística e, nomeadamente, na defensa dos dereitos lingüísticos dos pobos e das persoas como parte integrante dos dereitos humanos, con obras tan significativas neste sentido como Linguistic Genocide in Education - or Worldwide Diversity and Human Rights? Non é preciso sabermos moito inglés para podermos entender que este libro trata do 'xenocidio lingüístico' - así directamente denominado- que se veu producindo e aínda se está a producir no sistema educativo cando a unhas crianzas que falan unha lingua propia minorizada se lles impón na escola outra considerada superior por ser a oficial dun estado poderoso. A profesora Skutnabb-Kangas trata nas súas múltiplas publicacións de casos de negación de dereitos aos falantes de linguas indíxenas, para nós lonxincuos, que ocorren en países de África ou Asia, por exemplo, e tendemos a acreditar en que tal situación non se dá na 'Europa das liberdades'. Mais iso foi o que aconteceu aquí co galego durante séculos, totalmente afastado da escola, e tamén o que en parte aínda acontece hoxe cando se proscribe o seu uso escolar no ámbito científico e tecnolóxico, cando o valedor (ou agresor?) do pobo insta un concello a emitir as facturas en español (e unha editora a retirar un libro de texto por reproducir o que di a lei) ou cando a unha persoa sometida a procedemento xudicial non se lle respecta a lingua -minorizada- por ela utilizada. Non é, pois, preciso ollarmos para lonxe. Os casos de negación de dereitos -humanos- lingüísticos témolos entre nós e afectan o galego por este ser o idioma minorizado, a xeraren unha situación conflitiva que só desaparece -ou mellor, se invisibiliza- cando as persoas galegofalantes renuncian aos seus dereitos. Quen lle mandaría ao ex-conselleiro reclamar o seu dereito a non ser traducido na declaración escrita? Pola súa reclamación xerou un conflito que se tería evitado de asinar o texto que lle presentaron en español.
Perante casos como os anteriormente citados, veuse falando na Galiza da existencia dun conflito lingüístico, de imposición do español, de diglosia, de asimilación lingüístico-cultural, de autoodio ou mesmo de imperialismo lingüístico. Mais seica utilizarmos estas ou similares expresións xa non vai cos tempos e debemos substituílas por outras máis acordes con estes, modernizando o noso discurso sobre as linguas. Bon, pois acontece que os máximos especialistas mundiais sobre a materia, como Tove Skutnabb-Kangas, van aínda alén destes termos e falan, como acabamos de ver, de 'xenocidio lingüístico', chegando mesmo a crearen o termo linguicism (preconcepto contra unha lingua) por analoxía con 'racismo', fenómeno con que o poñen en relación. Outro dos grandes expertos mundiais na diversidade lingüística é Robert Phillipson, que pronunciou a conferencia de clausura nas mesmas xornadas antecitadas. Este eminente profesor, nado en Inglaterra, é especialmente coñecido polo seu libro Linguistic Imperialism -si, 'imperialismo lingüístico', sen eufemismos- e nel denuncia a imposición do inglés como killer language ou lingua que asasina outras linguas. Que linguaxe tan pouco moderna!, dirá alguén. En canto os grandes especialistas sobre as linguas chaman directamente as cousas polos seus nomes, nós seica debemos edulcorar a linguaxe e crearmos expresións neolóxicas como 'bilingüismo harmónico' ou 'cordial' que non se achan en ningún traballo rigoroso sobre o tema. Ou poténciase e manipúlase un termo puramente descritivo como 'plurilingüismo' para crear unha ficción que nada ten que ver coa realidade.
Nesa conferencia de clausura o inglés Robert Phillipson relatounos o deseño dos Estados Unidos e do Reino Unido para lideraren o mundo, a se serviren do inglés como ferramenta útil a tal obxectivo. Non se trata só de universalizar o estudo do inglés, co negocio económico que iso supón, mais de exportar tamén o seu modo de vida e os seus valores culturais, como explicitamente consta nos programas dalgunhas universidades americanas ou británicas estendidas polo mundo. Estráñase tamén este profesor de que a Unión Europea acepte sen máis ese 'imperialismo lingüístico' do inglés e que o proceso de Boloña admita tamén un sistema universitario europeo que na práctica tende á implantación do inglés como lingua vehicular. Non resulta, certamente, incríbel que linguas europeas con tanta tradición cultural fiquen subordinadas ao inglés no seu propio territorio en ámbitos tan importantes como o ensino e a investigación? Neste sentido, facía notar tamén a profesora Carme Junyent, outra das conferencistas das xornadas, o absurdo de un estudante Erasmus se deslocar a Holanda para aprender inglés. E absurdo é tamén que, cada vez máis, un portugués, un italiano e un francés, por exemplo, teñan de recorrer ao inglés para se comunicaren entre si, cando cun esfozo moito menor -sesquilingüismo, plurilingüismo receptivo ou dominio pasivo das linguas próximas- o poderían facer nas súas linguas respectivas. Aínda podemos facernos outra pregunta: cando a China se converta no próximo imperio económico mundial, haberá que aprender o chinés para poder andar polo mundo? O imperialismo lingüístico existe e está sempre ao servizo dos poderosos para estes mellor controlaren e someteren os pobos e as persoas.
Todas as linguas son importantes e todas nos enriquecen, mais a obriga de cada pobo é preservar a súa propia, porque, como nos ensina a ecolingüística, a morte dunha lingua é unha catástrofe para a comunidade que a fala, mais ao mesmo tempo para o conxunto da humanidade. Díxonolo tamén Teresa Moure nesas interesantes xornadas e así o recolle igualmente no seu magnífico libro Ecolingüística. Entre a ciencia e a ética, onde acrecenta que loitarmos pola lingua é loitarmos pola nosa dignidade e pola nosa liberdade. Parafraseando Frédéric Mistral -como alguén lembraba no Paraninfo da UDC-, un pobo pode caer na escravitude, mais se ten a súa lingua tamén ten a chave que o liberará das cadeas. Conservemos, por tanto, ese tesouro defendendo o noso dereito a usar o galego en todas as circunstancias e non nos deixemos enganar por cantos de serea nin por valedores dos que ben se valen por si propios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario