Francisco López é un dos impulsores de Galiza co galego, unha entidade que pula polo ensino en galego, especialmente en infantil.
Galiza co Galego naceu no ano 2009 como un movemento popular, resultado do debate social suscitado pola decisión da Xunta de impoñer o decreto do trilingüismo e co obxectivo de sumar máis de 3.000 compromisos a prol dunha Asociación que garanta o dereito á educación en galego.
Conta coa colaboración de asociacións en defensa da lingua, asociacións pedagóxicas, sindicatos e cooperativas de ensino de Galiza, Galiza co Galego elaborou un proxecto de Rede de escolas infantís, cun programa educativo común e aberto.
Conseguido o obxectivo dos compromisos en maio de 2011, o vindeiro sábado 28 de xaneiro terá lugar a asemblea de ampliación desta asociación.
Galicia Confidencial (GC).- Está Galiza co Galego cumprindo as súas expectativas iniciais?
Francisco López (FL).- Estamos a cumprir co calendario de traballo proposto. En Maio de 2011 superamos os 3000 compromisos e recibimos o mandado de organizar o movemento mediante unha asociación que garanta o dereito á educación en galego da cidadanía. O 28 de xaneiro faremos a asemblea da Asociación Galiza co Galego, na que se incorporarán como socios e socias máis de 3.150 persoas. Organizaremos unha Rede de Escola Populares Infantís e tamén unha Cooperativa de Ensino Popular.
Escola “democrática, de calidade e en galego”
GC.- Cales son os obxectivos a longo prazo?
FL.- A longo prazo o noso obxectivo é non ter razón de ser. A curto prazo, é o de facer efectivo e garantir o dereito –en especial da infancia- a unha educación, laica, en valores, pluralista, democrática, de calidade e en galego.
GC.- E credes que o país ten unha masa crítica para soportalos?
FL.- O País está ateigado de xente boa e xenerosa que, con independencia das súas ideas ou da lingua en que se expresan, desexan que os seu fillos aprendan en galego. Eles saben que é unha riqueza.
GC.- Por que credes que desaparecen os medios en galego?FL.- Seguramente non conveñan a quen está a promover o unionismo español, aniquilador da diversidade, e quizais, dende o punto de vista capitalista, non sexan rendíbeis. Pero a responsabilidade do seu mantemento é da sociedade e de quen está na vangarda da súa dirección.
Sen “administración propia”
GC.- Xa tedes dito que o papel da Xunta non axuda, que debería facer unha administración polo seu idioma?FL.- A administración pública debera servir á cidadanía, defender o propio, xerar auto-estima e dar apoio. Mais acontece que Galiza non conta cunha administración propia, así que non hai moito que agardar.
GC.- Credes que o galego corre risco de desaparición?FL.- O galego, de seguir coa presión do unionismo español e o desleixo social, está en serio perigo de extinción. É unha teima de diversos sectores, algúns incluso antagónicos entre si, que o galego pase a ser unha reliquia etnográfica e desapareza como lingua diferenciada e propia de Galiza.
GC.- E cal é a solución para evitar males peores?FL.- O apoio decidido e práctico á educación infantil en galego.
O papel dos medios
GC.- E o papel dos medios neste conflito, cal debería ser?FL.- Os medios deberan prestar máis atención ás actuacións daqueles que empregan o galego na súa acción diaria, con independencia dos avales”,“persoeiros” e demais que os acompañen. Non dar bombo ás accións contrarias á lingua, asociacións, etc. que buscan o descrédito da mesma e o enfrontamento entre a cidadanía.
GC.- Están os partidos políticos a altura das circunstancias?FL.- A lingua galega non é unha cuestión de partidos políticos, é unha cuestión dos galegos e das galegas. A lingua galega é unha creación do Pobo da Galiza. A cidadanía dá o seu apoio electoral a partidos políticos que actúan na Galiza, que non son galegos e que xeralmente entenden a lingua propia de Galiza como un atranco. En xeral, os partidos políticos que son galegos defenden e actúan en favor do idioma.
GC.- Un desexo para o futuro....FL.- Que aprender en galego sexa doado, normal e un dereito pleno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario