Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 31 de outubro de 2012

Chaman "imposición" á oficialidade

por Xabier Cordal en Prolingua:

Cando o franquismo rematou -desde o punto de vista biolóxico-, os seus herdeiros responderon ao clamor que esixía a presenza pública da lingua galega. Fixérono espallando a idea de que a súa “imposición” resultaba intolerable e polo tanto, debía permanecer relegada baixo o estatus da opción persoal.

Ramón Verea. O librepensador que inventou a primeira calculadora

No que hoxe é a parroquia estradense de San Miguel de Curantes nacía o 11/12/1833 Ramón Silvestre Verea García, fillo de Juan Verea Filloy e Florentina García Porto, "pobres, pero de respectado abolengo" segundo informa un amigo de Ramón Verea.
No ano 1845 chega a Santiago para estudar. Ingresa no Seminario no 1848 e recibe clases de teoloxía. Xa desencantado coa Igrexa, e logo dun desencontro co rector e o arcebispo abandona no 1854  a formación eclesiástica.  O historiador da USC Ricardo Gurriarán aventura que posiblemente Verea tivo contacto coa Sociedade Económica de Amigos do País ou co Ateneo Popular e alí recibiría formación en ámbitos alonxados da escolástica.
Aos 22 anos, estamos no 1855, marcha a Cuba sen ningún tipo de protección nin título universitario que lle facilite abrirse camiño nunha terra descoñecida. Exerce de mestre en escolas dos campos cubanos. Pero pronto inicia a actividade que lle ocupará a maior parte da súa vida: o periodismo. Comenza publicando artigos nun xornal, El Progreso,  editado na cidade cubana de Colón e que dirixiría a partir do 1862.  Alí publica duas novelas: La Cruz de Piedra e Una mujer con dos maridos.
No ano 1865 marcha a Nova York onde vende os dereitos dun invento seu a un especulador. Tratábase dun dobrador de xornais. Dous anos despois volve a Cuba co proxecto de crear unha empresa de maquinaria . O proxecto non obtivo o éxito que Verea imaxinaba. Ao cabo de dous anos establécese en Nova York onde exerce de profesor de español, tradutor público, corresponsal científico dun xornal, ou mesmo de comerciante. Obtén un bo capital e no 1875 establece unha "Axencia industrial para a compra de maquinaria e efectos de moderna invención".
É no 1878 cando patenta a súa máquina de cálculo que recibiría a medalla de ouro dunha exposición en Matanzas (Cuba). O propio Verea é consciente da importancia do seu invento. El mesmo explica que as máquinas construídas ata o momento facían sumas engadindo unha cantidade sobre outra, isto é, limitábanse a contar. Pola contra o artefacto de Verea era unha máquina que calculaba. Así, ademais de sumas e restas podía realizar produtos e divisións facilitando resultados de ata quince cifras cun factor de nove cifras e outro de seis.
Embarca para Galicia no 1879. Volve a Nova York dous anos despois. Durante un tempo traballa como redactor do xornal El Cronista do que chega incluso a exercer de director. Faise coa propiedade dunha imprenta e funda e dirixe unha revista quincenal: El Progreso. Este xornal non ten publicidade e substentaríase grazas a unha estensa rede de subscritores por todo o mundo. Edita ademais dous folletos (Catecismo librepensador ó cartas a un campesino e Contra el altar y el trono) e un libro (La religión universal ) nos que defende incisivamente as súas ideas.
Os negocios comenzaron a irlle mal, así que farto do utilitarismo imperante en Nova York,  e buscando un lugar de clima máis benigno para os seus problemas de saúde abandona definitivamente a cidade norteamericana no ano 1895 con destino a Guatemala onde é recibido moi agarimosamente polo presidente Reina-Barros. Non tarda en entrar en conflito con altos cargos do goberno guatemalteco. Os puntos de descordo estaban relacionados coa interpretación da historia e da política hispanoamericana.
Buscando un lugar onde as súas ideas fosen mellor acollidas marcha de Guatemala no 1897, desta vez con destino a Arxentina onde tiña algúns familiares. En Buenos Aires volve a poñer en marcha un xornal, tamén coa cabeceira de El Progreso. Nesta nova edición chega a publicar 164 números pero por mor dunha infección pulmonar Ramón Verea morre só dous anos despois da súa chegada á capital arxentina.
Nunca deixou de ter relación con Galicia pois o mesmo ano da súa morte 1899, o xornal compostelano Gaceta de Galicia daba a noticia de que Ramón Verea donara á Universidade de Santiago dous tomos coa revista que publicaba en Nova York.
Ao seu enterro asistiron dúas ducias de persoas entre as que destacaban personalidades do partido socialista arxentino. Os seus restos xacen no cemiterio bonaerense do Oeste nunha tumba sen lápida.

Un librepensador
Verea cualificábase a si mesmo como un librepensador. Non se ten coñecemento de onde parten as súas ideas sociais e políticas. Nas notas biográficas que se lle fixeron establécese como un feito que  había de influirlle moito: a execución en Carral dos sublevados contra o goberno de Narváez que reivindicaban un trato máis xusto para Galicia e a restauración das liberdades abolidas. O historiador da USC Ricardo Gurriarán apunta a que posiblemente recibiu formación na Sociedade Económica de Amigos do País ou co Ateneo  Popular e alí entraría en contacto con ideas alonxadas da escolástica. As ideas políticas de Ramón Verea están tinxidas de republicanismo:
"O Rei pasou de moda nos países civilizados. Conserva o nome, pero foi despoxado das bárbaras facultades que asumira [...]. O poder que antes se supoñía vir de arriba, descubiruse agora que vén de abaixo. As árbores non están prendidas á atmosfera polas pólas; estano á terra polas raíces"
Tamén foi un firme defensor dos máis desfavorecidos. Nun seu artigo do que dá conta Waldo Álvarez Insua, denuncia que non se condene a un policía por asesinato dun mariñeiro galego. Moitas veces a súa crítica social vóvese en crítica política:
"Pesoume a morte deses compatriotas meus que traballan toda a vida, famentos e espidos, que viven en chozas que non serven para animais, e todo isto para manter na folganza un exército de gobernantes e pretendentes"
Dóelle que os gobernos actúen como opresores dun pobo ao que utilizan e esquilman para manter unhas estruturas de goberno atrasadas. Usa a súa voz para denunciar as inxustizas sociais e ataca o trato que o poder mantén cos que teñen menos recursos. Encol dos campesiños di que
"Cando os seus fillos son crecidos e poderían axulado, arrebátanllos para o servizo das armas, onde van ser sacrificados, tal vez por un principio político que el non entende ou non lle importa, e en todo evento para apoiar ao goberno que o oprime. Antes de comer ten que pagar as contribucións á Igrexa e ao Goberno. Se non lle chega, élle forzoso empeñar as súas terras ou polo menos, o produto das súas futuras colleitas, en mans dalgún usureiro"

Un exemplo mala xestión procedente de Europa, en concreto de España,  é para Verea o caso de Cuba, "levamos a Illa ás portas da bancarrota e da miseria". Pola contra é moi belixerante cos movementos pola independencia pois consideraba que se Cuba chegara a romper os vecellos coa metrópoli sería para caer nas gadoupas doutra potencia, posiblemente os Estados Unidos.
Verea identifica a Europa co atraso e xustifica que moita xente queira fuxir do vello continente para fuxir da miseria ou librarse dunhas levas que recollen o mellor do sangue social para devolver un zume inútil cando se xa se lle sacaron os mellores produtos para utilizalos en guerras ou campañas sen xustificación algunha.
Para que serven eses millóns de homes que compoñes os exércitos permanentes, máis que para soster autócratas e defendelos dos seus mesmos pobos?
Dadas as circunstancias sociais, a extrema pobreza xustificaría que se promovese a emigración pois "neste caso non é obra de utilidade soamente: éo de humanidade". Pon como exemplo o edificio "Castle Garden" de Nova York onde empregados estatais e tradutores orientan aos inmigrantes como un caso de boa política de acollida que pode facerlle frente aos malvados que queren aproveitarse dos estranxeiros. Ramón Verea chega a ir moito máis alá ao opinar sobre o problema da emigración, problema que el ve como unha oportunidade chea de ventaxas:
"Cantos máis sexan os que se ausente, mellor estarán os que queden, porte faltando brazos será mellor remunerado o traballo"
O estradense ve en América as potencialidades do progreso. Trátase dun continente por construir e que pode ser levantado polos emigrantes procedentes de Europa. En América aínda son posibles os ideais de liberdade e avance. Un dos aspectos nos que destaca como adiantado ás ideas imperantes na súa época é no da defensa da igualdade para a muller:
"Mentres o home se considere o amo da muller, mentres lle negue a igualdade civil, menres non a mida coa mesma vara que a si mesmo, non poderá dicir con verdade que dou un paso no sendeiro do verdadeiro progreso"
Probablemente a bandeira da defensa das mulleres recóllea despois de romper coas forma tradicionais de poder simbolizadas polo altar e o trono (El altar y el trono é tamén o título dun dos seus libros). Do segundo xa falamos máis arriba. No relativo ás súas discrepancias coa Igrexa sabemos que xa as comenzara a dixerir estando no Seminario pois cando o abandona declara sentirse aliviado.
"Estudei a teoloxía e vin que era un castelo de naipes; que non resistía nin o máis leve sopro da razón"
Usa reiteradamente un argumento que revela o seu carácter humanista, superador dos chauvinismos. Consideremos que nacemos noutro lugar, entón no canto de crer fervorosamente no noso deus, serímos xudeos, musulmáns,... en consideraríamos por simple filiación estarmos en posesión da única verdade. Non ten sentido a idea dun deus que non incrustara en toda a humanidade a luz da fe, cunha claridade total semellante á que inspira as verdades matemáticas, agás que ese deus sexa un ser cruel:
"Os que eninan que fóra da verdadeira relixión non hai salvación, non teñen entrañas nin llas supoñen a Deus. Se o mundo fose creado por un xenio infinitamente malo, explicaríase que fose imposible distinguir a relixión verdadeira das falsas, porque era o xeito de perder ao home; pero o que fixo o aire para o pulmón e aluz para a vista non podía, sen deixar de ser quen é, ocultar o aire e a luz da via espirtual"
Así considera ás relixións como "as maiores pragas da humanidade". É especialmente crítico coa venda do perdón dos pecados, o cobro da impartición dos sacramentos,...en definitiva o abuso de poder da Igrexa
"A idea de Deus foi enxendrada polo medo, e as relixións positivas son enxendros da codida, alimentadas pola ignorancia"
A máquina de calcular
Non pode ser casualidade que cada vez que fundaba un xornal a súa cabeceira fose sempre El Progreso. Ramón Verea confiaba no desenvolvemento da sociedade por medio do avance na tecnoloxía , aseguraba que o futuro viría por este camiño e laiábase de que se ensinara únicamente
 "filosofía, ciencias, literatura. Temos sobrados médicos e avogados, algúns pintores e moitísimos literatos e poetas. Os enxeñeiros son moi escasos e educados case todos en países estranxeiros"
Nesta mesma liña propugna o ensino da mecánica desde a secundaria. En coherencia con estas ideas establece dicotomías entre o progreso e o atraso:
"O deber fórzanos a censurar aos mexicanos, país onde case todos os progresos son importados, aplicouse a luz eléctrica ás corridas de touros. Se ese adianto moderno non poidese ter mellor aplicación, prefiriríamos que se suprimise"
Despois de moitos esforzos e de dous intentos fracasados Ramón Verea consigue fabricar o que el mesmo cualifica como primeira máquina de calcular. Para alcanzar este obxectivo comenzara estudando a historia das máquinas aritméticas. Fai referencia á inventada por Pascal, a coñecida como Pascalina e presentada no 1642, tiña un mecanismo que só lle permitía facer sumas e restas. O invento de Leibniz, aínda que realizaba tamén produtos e divisións, nunca chegara a funcionar correctamente ata que a reloxería avanzou o suficiente Charles-Xavier Thomas de Colmar, director dunha compañía de seguros en París, inventara o seu aritmómetro mellorando o deseño de Leibniz, unha máquina da que fabricaría diferentes versións.
Todas as máquinas aritméticas inventadas ata o 1878 partillaban un inconveniente pois os produtos efectuábanse con procedementos non automáticos. As multiplicacións obtíñanse por medio de adicións sucesivas. Verea explicaba isto moi claramente diferenciando entre os procesos de contar  versus o de calcular:
Se nos dan seis montóns con sete grans cada un e imos contando 1, 2, 3,..., 40, 41, 42, entón contamos: pero se decimos 7x6 = 42, facemos un cálculo en pequena escala. É verdade que contando podemos chegar ao mesmo resultado que calculando; por exemplo 6.729.465 x 38.976 podemos pescudar o resultado sumando o primeiro factor 38.976 veces, ou viceversa; pero, canto máis breve e simple non é facer a multiplicación? O primeiro fano as máquinas coñecidas, o segundo só o fai a miña.[...] Aquilo é contar, isto é calcular.
Sendo fieis ao sentido destas palabras, a máquina de Ramón Verea foi propiamente a primeira calculadora. Desafortunadamente o invento non chegou a comercializarse. Se atendemos ás súas declaracións foi porque o seu interese non residía nos cartos ou na celebridade que podía adquirir coa venda da calculadora, senón que o seu empeño era o de contribuir ao avance da ciencia e o de demostrar que a pesar da súa orixe era tan capaz na inventiva e na imaxinación como como un oriundo dunha nación culta.
Despois de dous intentos sen éxito, o terceiro modelo,cun peso de 22 kg, funcionaba sen problemas. Tiña unha capacidade operativa para nove cifras no sumando, multiplicando ou divisor e para seis no multiplicador ou cociente. En consecuencia podíanse obter resultados de ata quince cifras. As súas dimensións en centímetros son de  36x30x20 cm.

Para saber máis:
ARCA CALDAS, Olimpio, Ramón Verea. Inventor estradense. Editado por galeguizargalicia.com

martes, 30 de outubro de 2012

Ximnospermas con sorpresa


Interesante publicación do IES Elviña que presenta un dos traballos dun proxecto didáctico e de lecer que se desenvolve nese centro d´A Coruña. Trátase do "Botánico de Elviña" . O seu obxectivo e transformar parte do patio de recreo do insituto nunha aula da natureza.
Eu non deixaría de consultar a publicación que invito a ler aquí, pois ademais de estar moi coidada ten unha sorpresa ao final. Gústavos a música? Queredes saber algo máis das ximnospermas?
Vía Xiada dixital.


domingo, 28 de outubro de 2012

A máquina de calcular, por Ramón Verea


No número XVIII de La Ilustración Gallega y Asturiana, publicado en Madrid o 28 de xuño do 1881  é  noticia a unha nova máquina de calcular creada por "un inventor galego". Tratábase de  Ramón Verea. Nese mesmo número reprodúcese un artigo de Verea aparecido no xornal Las Novedades de Nova York que reproducimos aquí. Nel o inventor explica con moita claridade o significado da súa aportación.
As características principais da calculadora xa as explicara así: "A máquina que teño é a terceira que fixen: a súa capacidade é para nove cifras no sumando, multiplicando ou divisor, seis no multiplicador ou cociente, e quince no produto ou dividendo" e pasa a dar as súas dimensións: 36x30x20 cm.
É impresionante a lucidez con que Verea nos explica a importancia do seu invento:

Das numerosas invencións hoxe coñecidas, non hai unha soa na que fracasaran tantos e tan eminentes xenios como na máquina de calcular. Entre outros moitos, os nomes de Pascal e Leibniz, tan célebres no mundo das ciencias exactas son testemuña deste, polo que parece, atrevido aserto.
Antes de ir máis lonxe debo facer notar a diferenza esencial que existe entre as máquinas de contar e as de calcular para demostrar que o terreo relativamente facil no que traballaron os inventores das primeiras e as dificultades coas que loitou o que subscribe para substituir un mecanismo que calcule, palabras que a primeira vista se rexeitan, e que parece imposible dixerilas xuntas.
Non sei se algún dos inventores que me precederon soñou algunha vez cunha máquina de calcular; pero sei que todos os aparatos ata o de hoxe inventados non fan máis que contar, pois o seu alcance non fai máis que sumar e restar, operacións que nada teñen de cálculo. Se nos dan seis montóns con sete grans cada un e imos contando 1, 2, 3,..., 40, 41, 42, entón contamos: pero se decimos 7x6 = 42, facemos un cálculo en pequena escala. É verdade que contando podemos chegar ao mesmo resultado que calculando; por exemplo 6.729.465 x 38.976 podemos pescudar o resultado sumando o primeiro factor 38.976 veces, ou viceversa; pero, canto máis breve e simple non é facer a multiplicación?
O primeiro fano as máquinas coñecidas, o segundo só o fai a miña. Para pescudar cantas son nove veces nove, contan nove, dez, once, etc., ata oitenta e unha. Eu saco o resultado a un golpe facendo aparecer simultanemente 8 nunha roda e 1 na que lle segue á dereita; e se no canto de 9x9 poñemos 846.728.235x9, o produto de cada cifra do multiplicando aparecerá a un tempo, formando o total completo. As primeiras, á maneira da materia non poden ir dun punto a outro sen pasar polos puntos intermedios; a segunda, como o espíritu pasa dos factores ao produto como se entre éstes non mediara distancia ningunha. Aquilo é contar, isto é calcular.
Por ser precisamente tan mal aritmético, pensei nunha máquina que fixese máis ca min: que non se equivocase. Con este pensamento púxenme a estudar a historia da invención, e o que a outro o faría desistir do proxecto, a min animoume: Parecíame por unha parte excesiva presunción acometer unha empresa onde homes tan grandes sucumbiran; pero, por outra parte, seducíame a idea de deixar atrás esa falanxe de celebridades. Tiña as miñas presuncións de mecánico e inventor: e onde probalas mellor que nunha máquina de calcular?
Cábeme a satisfación de dicir que de nada me serviron os traballos dos que me precederon. Non mellorei ningunha das máquinas existentes: inventei unha enteiramente nova no principio fundamental e nos seus detalles máis esenciais. Ata aquí fixéronse máquinas para substituir as mans do home, para facer traballos mecánicos; pero ningunha para executar os traballos puramente intelectuais; nunca unha combinación de pezas metálicas substituíra ao entendemento; nunha a máquina competira, nin tan siquera igualara, ao espíritu en rapidez
Coñezo os principios da mecánica; teño unha idea dos mecanismos máis difíciles; pero non souben nunca dunha máquina que encerrara tantas dificultades
O meu obxecto ao emprender unha invención a primeira vista imposible non foi a esperanza de reembolsar xamais nin unha parte dos vaios miles de pesos que gastei; nin será tampouco coa celebridade qeu outros por menos adquiriron, e que eu non ambicionei; os meus móbiles foron: 1) un pouco de amor propio; 2) moito de amor nacional, o desexo de probar que en xenio inventivo un español pode deixar atrás ás eminencias das nacións máis cultas; 3) o afán de contribuir con algo ao adianto da ciencia; e 4) o último, un entretemento conforme aos meus gostos e inclinacións

sábado, 27 de outubro de 2012

A imposibilidade de vivir en castelán en Galiza

por Alfonso álvarez Cáccamo, no Sermos Galiza:

En primeiro lugar teño que dicir que escribo en galego por imperativo legal, e como precaución para evitar sancións ou persecucións como as padecidas pola miña heroína Gloria Lago. Tamén escribo en galego para que me comprendan ben todos os lectores/as. Sufro enormes dificultades para comunicarme e para que me comprendan nesta Comunidade Autónoma na miña língua nai, o castelán, brutalmente perseguido desde as garderías infantís até a Universidade. Incluso xa non podo escoitar o meu programa favorito da radio, Domingo Deportivo Español, e teño que utilizar o dicionario para comprender frases como “fóra de xogo” que agora xa sei que se trata do orsai.

Ramón Verea por Olimpio Arca


Ramón Verea García por Olimpio Arca Caldas from A.C. Vagalumes

O Día da Ciencia en Galego ten como principal obxectivo denunciar a exclusión do uso do galego do ensino das materias científicas. Esta exclusión foi levada a cabo pola Xunta mediante un decreto, o 79/2010, que constitúe o maior ataque á normalización lingüística acometido polo goberno de Núñez Feijóo.
Cada ano escóllese un científico galego para poñer en valor  figuras, normalmente descoñecidas, que teñen feito aportacións importantes no desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía. Nesta edición escolleuse a Ramón Silvestre Verea García (1866-1899) destacando a invención do primeiro mecanismo multiplicativo na historia das maquinas calculadoras.
Quen máis estudou e fixo por divulgar a obra deste inventor foi o mestre Olimpio Arca Caldas, autor dunha biografía sobre Verea desde a que se nos ofrece a aportación máis completa que podemos atopar ata o momento. Así o podemos comprobar tamén nesta conferencia que Olimpio Arca impartiu no Recreo Cultural d´A Estrada.
Nunca poderemos agradecer na medida en que o merecen, traballadores pola cultura como Olimpio Arca, sen o que a figura de Ramón Verea ficaría completamente esquecida. Como pagar a asociacións como a A.C. Vagalumes que é todo un referente cultural nas terras estradenses pol seu traballo de recuperación e divulgación do coñecemento xurdido na nosa terra?. Pola contra, que lle temos que agradecer á secretaría xeral de política lingüística (SXPL)? O ano pasado sacou un comunicado de apoio ao Día da Ciencia en Galego, e o apoio ficou só niso... e en manter e continuar defendendo un decreto moi agresivo contra o uso do galego no ensino.

xoves, 25 de outubro de 2012

O Consello de Europa insta á Xunta a rectificar a súa política lingüística

O Consello de Europa suspende a política lingüística da era Feijóo, especialmente a substentada pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística e derivada do agresivo decreto contra o galego, o decreto 79/2010. Xa ventábamos que algo así podía suceder segundo o analizado hai uns dias neste mesmo blogue encol do incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM).
O Comité de Expertos que realizou o informe está  "preocupado pola redución da lingua galega en todos os niveis e da súa estrutura de apoio", sobre todo despois de comprobar in situ os atrancos que a Xunta lle pon ao non fornecer ao Comité dos informes solicitados para poder determinar se realmente se cumpre a normativa determinada na CELRM.
Outros puntos de crítica son os relativos ao uso do galego na administración de xustiza. A Xunta pretendeu enganar ao comité de expertos afirmando que "se facilitan procedementos en galego", porén o Comité chama a atención sobre o programa Minerva para a tramitación dos procesos non está habilitado para a lingua galega.
Tamén se puxo de manifesto a redución do uso do galego por parte das autoridades e institucións e fan unha chamada de atención sobre a lei 2/2009 de 23 de xuño pola que se elimina a única esixencia que garantía o coñecemento da lingua galega como requisito para o acceso á función pública.
Critícase tamén o incumprimento do compromiso de que todas as administracións forneceren de textos en galego. Poñen como exemplo o caso da Axencia Tributaria.
Encol dos medios de comunicación tamén hai notas negativas emitidas polo Consello de Europa. Dase conta do peche de varios xornais en galego: Galicia Hoxe, A Nosa Terra, Xornal. Outra crítica vén do incumprimento de que non se garante a existencia de medios audiovisuais e radiofónicos privados en galego.
En resumo, a Xunta e o estado nin protexen nin promocionan abondo a nosa lingua.

Reaccións.
Visto o caso, as asociacións en defensa da lingua reaccionaron rápidamente. A Mesa destacou que o Consello de Europa constanta que os ataques ao idioma vulneran os tratados internacionais e insta a Feijóo
a non caer na tentación de continuar igual despois desta advertencia do Consello de Europa: gañar as eleccións non o converte en monarca absoluto que poida desprezar os nosos dereitos”.
Pola súa banda, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística considera que a Xunta debe rectificar a súa política lingüística en materia educativa xa que a Consellería de Educación non demostrou ante o Comité de Espertos que poida garantir a plena competencia lingüística do alumnado. Aínda máis o informe insta á Xunta a ofetar ensino en galego a aquelas familias que o desexen, especialmente na etapa infantil, que como xa se ten denunciado sofreu por mor do decreto 79/2010 unha erradicación brutal nos centros escolares urbanos.
A Consellería de Educación non dixo nada. A única saída que lle queda é a mentira. Pero non importa, xa están habituados a facelo.

CGENL sobre o informe lingüístico do Consello de Europa.25.10.2012

P. S. :A noticia en:
O Consello de Europa censura a política lingüística da Xunta, no Praza
Europa critica a política lingüística do PP en Galiza, no Sermos Galiza
El Consejo de Europa insta a devolver al gallego la prioridad en las aulas, en El País
Aviso desde o Consello de Europa a Feijóo para que o galego volva a ser prioritario nas aulas, no Galicia Hoxe

Correlingua 2012 en Vigo



Xa sei que foi no mes de maio. Pero nunca está de máis lembrar ao Corrrelingua, esa impagable iniciativa sustentada pola AS-PG, a CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización e algúns concellos que aínda teñen un mínimo de sensibilidade pola promoción da lingua entre os máis novos. Lembremos que por exemplo n´A Estrada, o concello no que traballaba Valentín García, o actual secretario xeral de política lingüística, esta festa da lingua foi expulsada con moi malas formas.
1.500 rapaces percorreron as rúas de Vigo antes de rematar a xornada en Castrelos, onde tiveron lugar as actuacións musicais e  outras actividades lúdicas. Parabéns a todos os que o fixeron posible.


mércores, 24 de outubro de 2012

Un mundo ao revés

por Ana Martínez Piñeiro, escribe unha carta ao director, no Faro de Vigo, aínda que alí aparece cun título que creo que é menos acaído:

Veño de ler neste xornal un artigo segundo o cal Galicia Bilingüe denuncia a imposibilidade de vivir en castelán nos colexios galegos.
Escribo esta carta para amosar o meu total apoio a esa teoría. Eu aínda diría máis, vivimos nun país no que é imposible vivir en castelán.

Mini-documental sobre Ramón Verea na TVE



O III Día da Ciencia en Galego, xornada que reivindica a derrogación do funesto decreto 79/2010 que intenta erradicar o uso do galego do ámbito científico, está adicado a Leonardo da Vinci e Ramón Verea. 
Grazas aos compañeiros de Lalín, desde  A Marela Tarabela, enterámonos deste documental do programa tres14 da TVE que nos relata a importante aportación deste galego, Ramón Verea, á historia da tecnoloxía do cálculo coa invención da primeira máquina que multiplicaba.

Etiquetas en galego

por Alfonso Vázquez Monxardín no diario ourensán La Región:

Se hai tres ideas espalladas que nos apoñen os de fóra, son que Galicia ten unhas paisaxes moi bonitas, que chove bastante e que a nosa gastronomía é excelente; non hai moito deseño no prato, escuma ou redución -Deo gratias- pero temos inmellorables produtos e tradicións, digo percebes, nécoras, pementos da Arnoia, viño de Monterrei, lacón con grelos, por dicir algo, pouco, que se digo moito xa teño o artigo solucionado cunha ristra de cousas que nos fan concordar ?poñer os corazóns xuntos, etimoloxamente- a todos mediante a activación colateral das glándulas salivares, se a lectura do xornal se fai, claro, contra horas finais da mañá.
¿Erguinme hoxe chauvinista? Non creo. Simplemente pensaba sobre esa campaña de promoción do etiquetado dos produtos en galego e do seu consumo. De partida, como me gusta ladear a cabeza e mirar as cousas de esguello deixando a mente en branco para que flúan, entren e saian, as ideas, pasoume unha fugaz: '¡Que parvada! Cada un que etiquete no que lle pete e que consuma outro tanto'. Pode ser unha forma de velo, claro. Pero non a miña, pois o biodisco duro da cabeza está para facer relacións evocativas entre o que temos alí pousado e as sensacións que nos producen as cousas que nos van entrando polos sentidos. Ou sexa, para pensar que é o mesmo que dar voltas ás cousas, sen se mover do sitio. Ou como diría o outro, para que a cabeciña non pare.

martes, 23 de outubro de 2012

{GL} Wikipedia en galego

Un novo paso adiante de Prolingua que nos achegará unha colaboración mensual da man dos administradores da Galipedia:

O administrador da Galipedia co nome de usuario Toliño principia co presente artigo unha serie deles dedicada á Wikipedia en galego, un instrumento de cultura e lingua de enorme poder normalizador. Distintos administradores e usuarios activos da enciclopedia tratarán para ProLingua, cunha periodicidade mensual, os diversos aspectos da edición wiki, con opinión, claro, máis tamén con datos e con estatística interna que os máis de nós non coñecemos.***
Sobran as presentacións para a Wikipedia, a enciclopedia libre que calquera persoa pode editar. Este proxecto colaborativo realizado por voluntarios de todas as partes do mundo conta con versións en 275 linguas. Unha desas edicións é a Galipedia, a Wikipedia en galego.O 8 de marzo de 2003 naceu o noso proxecto e, nove anos e sete meses despois, conta con máis de 91.000 artigos na súa base de datos. O proxecto medra día a día coa colaboración dunha comunidade que traballa arreo sen descanso. Desde os 1.000 artigos creados durante o primeiro ano de existencia, ata eses mesmos 1.000 artigos que agora, de media, se crean cada mes.

Una escola a tot color



Neste precioso vídeo descríbese, cántase máis ben, o proxecto educativo do CEIP Gabril Miró en Calp (Alicante). Fálase de traballo, ilusión, dignidade, dereitos humanos, convivencia, multiculturalismo e coñecemento e respecto das linguas tendo en conta que a lingua propia ten que ser a clave de todo para construir un ensino sen perda de identidade.
Vía Milprimaveras

luns, 22 de outubro de 2012

III Día da Ciencia en Galego


A reivindicación do uso do galego nas actividades científicas e singularmente no seu ensino, co fin principal de denunciar un funesto decreto de plurilingüismo que pretende excluir o galego deste ámbito, é o eixo fundamental da celebración do Dia da Ciencia en Galego.
Para seguir as actividades arredor desta convocatoria:

  • Proposta de actividades de APETEGA (Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia)
  • Conferencia vía web organizada pola CGENDL para o 6 de novembro na que destacados investigadores galegos da Universidade de Santiago de Compostela achegarán temáticas de interese curricular para o noso alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Podedes apuntarvos; toda a información na ligazón.
  • Portal do III Día da Ciencia en galego

A vontade do colonizador de nomear os territorios que ocupa

Interesante artigo sobre a toponimia, por Xosé Manuel Sánchez Rei, en Terra e Tempo:

O colonizador xulga que pertence a unha sociedade suprema, máis refinada, e acha tamén que os territorios que invade son habitados frecuentemente por xentes de escasa ou nula civilidade

domingo, 21 de outubro de 2012

Comunicado de Prolingua en apoio dos procesados do 8-F

Despois do apoio recibido na rolda de prensa por parte do BNG e AGE, Prolingua tamén quer expresar a súa soliedariredade cos encausados por defender o galego frente á zunia.

O 8 de febreiro de 2009 a cidadanía de Santiago asistiu a unha protesta inédita na historia da democracia. Un grupo de persoas, convocadas pola asociación Galicia Bilingüe (GB), fixo ecoar consignas que abaixaban a dignidade da lingua galega e dos seus falantes. Os manifestantes non só clamaban contra os principais textos normativos que durante décadas veñen artellando a convivencia lingüística neste país –desde o Estatuto de Autonomía á Lei de Normalización a pasar polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento– senón que denunciaban a “opresión” sufrida polo castelán en Galicia. Non só. Falouse alí de “lingüicidio” e dunha pretendida “política impositiva” da administración galega, obrigada, por esas mesmas leis que os manifestantes deostaban, a defender a lingua propia de Galicia, que é o galego, segundo reza o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

'Llengua oficial: un conflicte?'

Chegoume vía Chuza! por Pau Vidal, en Vilaweb:

Imaginem que un enquestador ens truca a casa: vostè com creu que és la qualitat de l’aire de la seva ciutat? Puntuï de l’u al deu. Ha tingut mai problemes respiratoris per aquest motiu? Especifiqui’ls. Sabríeu què respondre?

O conflito lingüístico como o cerne das eleccións do 21-O


A Mesa pola Normalización Lingüística non se cansa de denunciar a exclusión que sofre por parte da TVG. Ningunha noticia, a falta de asistencia ás roldas de prensa, son o menú diario que a televisión galega ofrece á maior asociación cultural de Galicia e que ademais ten como fin principal a defensa da lingua galega, un obxectivo que debería compartir ao 100% a canle televisiva. Mais agora o presidente d´A Mesa xa non terá motivos para queixarse de non aparecer nas televisións autonómicas pois todos os galego puidemos velo o pasado venres 19/10/2012 no telexornal.... catalán da TV3.[minuto 25:22]
Con todo o máis impresionante deste vídeo [minuto 23:50 a 26:30] é a forma de tratar a noticia das eleccións do 21-O en Galicia. Despois de explicaren algunhas cuestións xerais centran o debate político na cuestión do conflito lingüístico. A reporteira introduce o tema con estas palabras: "un dos temas máis recurrentes e máis poléminos nesta campaña, alén da crise, estivo no tema da lingua e a cultura galegas". De seguido podemos ver unha pequena reportaxe na que uns nenos de 1º da ESO dun instituto d´A Estrada están a recibir unha clase de matemáticas en galego. Mesmo vemos que o material que usan é o do EDAD do Proxecto Descartes, tantas veces gabado pola súa calidade neste mesmo blogue e do que manteño unha ligazón permanente aquí mesmo, á dereita, desde o momento da súa publicación.
Alguén lembra ter visto unha reportaxe semellante a esta na TVG? Incluso máis, foi noticia nalgún momento o conflito lingüístico nos últimos anos ou, pola contra o ocultamento informativo, convertido en sinal de identidade da canle galega, disfraza a realidade devolvéndonos polos raios catódicos un retrato chocalleiro da sociedade? Esta manipulación informativa, estendida á xeneralidade dos medios é a principal causa de que non consideremos importante a situación da lingua galega. Na última enquisa do CIS só era considerada un tema de preocupación para un 0,6% da poboación. Tendo isto en conta conviña que avaliásemos o noso estado social desde certa distancia. Aínda que a información ofrecida nesta reportaxe da TV3 é necesariamente incompleta, acertan en establecer un diagnóstico sobre un futuro que para nós, os galegos, fica oculto. Queirámolo ou non,  no dia de hoxe, 21-O, estamos escollendo tamén entre dúas opcións: unha aplastante imposición do español e unha necesaria restauración da lingua galega.

sábado, 20 de outubro de 2012

"As doce persoas podemos entrar en prisión por defender o galego"



A vindeira semana 12 persoas van ser xulgadas por defender o galego. Hai procesados que non foron detidos nin identificados.
O conflito lingüístico aparece aquí con toda crueza, xudicializado. E coma sempre, no banco dos acusados vai estar o galego. Velaí o mazo da imposición do español, actuando contra os que izan a bandeira da defesensa da nosa lingua e a nosa identidade.

P.S.: dous vídeos sobre o sucedido:
Defender a lingua non é delito. Crónica do 8-F 1
Defender a lingua non é delito. Crónica do 8-F 2

Complexidade e planificación lingüística

seguen as voces de Prolingua con Sabela Labraña, da Universitat de Barcelona:

Se ben hoxe en día a crise económica centra as maiores cotas de preocupación individual e colectiva, esta problemática está inmersa nun modelo de vida que cómpre redefinir e no que entra de cheo a cuestión lingüística.

venres, 19 de outubro de 2012

Centenario da voda de Castelao e Vixinia


Hoxe, 19 de outubro do 2012, cúmprense 100 anos da celebración da voda de Castelao e Virxinia na Estrada. Con este motivo, e para lembrar a relación da figura máis relevante da nosa literatura e arte co noso Concello, a Asociación Cultural “Vagalumes” vai realizar unha serie de actividades que divulguen a obra, vida e pensamento de Castelao, ao mesmo tempo que poñemos en valor a nosa historia e patrimonio locais.

Roteiro amoroso Castelao na Estrada.
Así, o sábado 20, ás 16:30 dará comezo no cemiterio de Figueroa, diante da tumba de Virxinia e o seu fillo, un roteiro que nos levará polos espazos estradenses máis asociados coa presenza de Castelao no noso Concello pasando por Ouzande e Guimarei. Durante este roteiro darase conta daqueles lugares que foron marco dalgún acontecemento relevante da vida do escritor e político nacionalista
(Para chegar ao Cemiterio: na rúa San Paio, fronte a gasolineira, onda a Moblería García Lorenza, hai unha ruela que é a que vai cara o cemiterio estradense)


Presentación do comic "Titoán" sobre a vida de Castelao
Ás 20:00 h. No sala de exposicións de Caixanova da Estrada terá lugar a presentación do comic ([1] e [2]) sobre a vida de Castelao que dá conta da súa presenza na Estrada para o que contaremos coa intervención do seu guionista Ignacio Vilariño e unha representación dalgún fragmento a cargo de Fantoches Bag. Tamén o historiador Xoán Carlos Garrido lembrará a presenza de Castelao no noso Concello.

P.S.: fotos do acto

Que votar o 21-O. Propostas de lingua e educación.

O portal culturagalega.org vén de publicar un par de artigos titulados Eleccións culturais (I) e Eleccións culturais (2) nos que ante as eleccións do vindeiro 21-O fai un repaso das principais propostas dos partidos no ámbito cultural e das que diversas asociacións de defensa da lingua fixeron nas pasadas semanas.
Como penso que cada vez se vota máis coas tripas e menos co cerebro, o cal é unha tristeza que non pode traer nada bo, compría parar a reflexionar sobre o que realmente nos debe importar: as propostas que nos fan os partidos como guieiros da súa política nos vindeiros catro anos.
Como nos artigos mencionados xa se nos achegaba unha moi boa táboa na que se podían comparar as propostas dos tres partidos con representación parlamentar, o que fixen foi engandirlle as que atopei nos webs de AGE e CxG. Iso si, dado os intereses deste blogue, as propostas escollidas versan encol da lingua e o ensino.
Para reflexionar. Que cómpre.

Unhas contas ben traídas... (que pepes ghichiños)

sempre fiel ao seu estilo, con compromiso, o noso admirado amigo David Otero, en Sermos Galiza:

De primeiras convén preguntar ( pois non hai que andar de trileiros, nin a dar calotes) o de que… ¿ quen non fai política…? ( direi con todo o respecto que quen diga eu…non llo creo).

xoves, 18 de outubro de 2012

#OHomeQueOrdenouAMaiorDestruciónDeLibrosEnGalegoDesde1936NonMereceSerReelixidoPresidenteDaXunta



Vídeo d´A Mesa baixo o mesmo lema que a campaña que xa presentamos aquí hai uns poucos dias “Alberto Núñez Feijóo non merece ser reelixido”
Ademais disto, Carlos Callón invita a todos os que teñan perfil de Twitter, a participar nunha acción para recordarmos o aniversario da primeira manifestación da plataforma unitaria Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa. Así, a proposta é que o día 18 de outubro, entre as 12 e as 13 h, escribas mensaxes coas seguintes etiquetas:
#OHomeQueOrdenouAMaiorDestruciónDeLibrosEnGalegoDesde1936NonMereceSerReelixidoPresidenteDaXunta
#FeijóoFahrenheit451

Máis información no Sermos Galiza e en Praza Pública

mércores, 17 de outubro de 2012

Mentiráns e lingüicidas

Pasáraseme no seu dia este artigo. Como é habitual no autor, claro, sistemático e imprescindible. Así que non podía deixalo pasar. Lembramos así o escuro asunto no que a Xunta quixo pasar por ser quen conseguiu que o Twiter comenzara o seu proceso de tradución ao galego. Por Xavier Gómez Guinovart en Terra e Tempo:

O Twitter falará galego grazas á iniciativa de Carlos García Vieito secundada por milleiros de seguidores e ao traballo de centos de tradutores voluntarios

María Fumaça



Sermos Galiza informa que María Fumaça é unha locomotora a vapor que atravesa as terras do Brasil. Arredor dela vai a ilusión e a alegría. Tamén é un proxecto no que Uxía con Magín Blanco, Isaac Palacín, Carlos Blanco, Tanxarina Teatrto e un bo feixe doutros artistas ofrecen aos rapaces baixo o lema "Cantar e bailar para ser maís feliz".
María Fumaça vai máis alá da música, é un proxecto literario e audiovisual, constituído por un libro máis un cd e un dvd que gravita arredor da festa e da felicidade, pero tamén arredor de Ruí, un cativo que a pesar das súas dificultades pode gozar da música, cantar e bailar.
E para comprobalo, nada mellor que seguir gozando coas cancións e os bailes de María Fumaça. E este vai en inglés.

martes, 16 de outubro de 2012

A dinamización como negación da normalización. Un exemplo n´A Estrada.


Non cómpre que expoña aquí o que entendo por normalización, tanto porque xa o teño escrito por este blogue adiante como porque aqueles que detentan o mando na dirección da política lingüística
non poden refutalo, senón que as súas consideracións veñen a dicir en esencia que a normalización non é agora o obxectivo, senón que o único que lle intesa aos cidadáns é un certo concepto transparentísimo, a dinamización, que actúa como cristal ou diamante, totalmente imperceptible aos nosos sentidos; o cal, enchendo todas as actividades e cubrindo as máis elevadas posibilidades sociolingüísticas, cínguese arredor dalquel primitivo e, na altura, visible concepto de normalización, que non impide, no entanto, que o español o invada todo, de modo que poida mergullarse á beira das máis escondidas actividades dinamizadoras, provocando a multiplicación da súa presenza ante os nosos sentidos. Non cabe dúbida de que esta idea da dinamización é tamén unha fermosa obra da imaxinación; o único problema é que, na práctica,  está construída contra a normalización. Vexamos o seu funcionamento.

Un exemplo da dinamización contra a normalización.
A pasada semana chegou á Estrada "O señor das dunas", un bo espectáculo que mestura a narración oral de varios contos cun espectáculo visual de manipulación de area. Segundo a versión oficial esta programación é un exemplo paradigmático da dinamización creando espazos de uso e de aprendizaxe do galego. Habería que debullar moito para explicar por que este espectáculo se convirte en dinamizador polo simple feito de estar pagado pola SXPL mentres que outros, por depederen da Consellería de Cultura, fican fóra do eido dinamizador. Tería sentido que a SXPL se encargara de promocionar actividades que non se realizan en galego como pode ser o caso do cine. Porén organizar espectáculos teatrais non ten obxecto ningún pois este ámbito si que está normalizado. Eu só acho unha explicación a este tipo de actividades: a de facernos ver que o teatro en galego non é tan normal, por iso ten que vir da man da SXPLAsí ademais ponse en marcha unha acción que realmente non normaliza nada (se non fose acollida pola SXPL tería que selo pola súa administración natural: a Consellería de Cultura) e de paso ensinamos que o ámbito do galego debe ser restrinxido (facémolo en galego porque é da SXPL).
O dia anterior a esta representación montouse na praza do Concello unha aula de reciclaxe subvencionada pola Xunta e organizada por Ecoembes. O tempo era bo e estivo chea de nenos toda a tarde. Proxectaban un vídeo educativo, en español ( e iso que Sogama ten algún en galego). Varios monitores atendían o stand. Todos falaban en español. Todo o tempo. A razón debe de ser que o asunto do lixo non estaba organizado pola SXPL, aínda que o parecía. Iso si, no portal da Consellería de Medio Ambiente non divulgaban esta campaña como unha forma de creación de espazos para os prexuízos lingüísticos pois todos eles aprenderon que a lingua da Xunta, e por extensión, a lingua de Galicia, non é o galego.

Conclusión
Así pois, se nos permitismos imaxinar o que nos pete, se outros din que a  cristalina dinamización debe ser o cerne da política lingüística, aceptareino con tal de que con igual cortesía se me permita dicir que ese cristal posúe a subtil propiedade de reflectir a presenza do castelán aumentada trinta veces mentres que o galego se ve outras trinta veces reducido. Isto é o que sucede cando retiramos da acción da política lingüística o que tería que ser o seu obxectivo ineludible: a normalización.

luns, 15 de outubro de 2012

O galego, lingua tribal

por Francisco Borxa González Tenreiro, no Sermos Galiza:

Veño de ler un artigo dos académicos da Universidade de California, Stephen Chen e Qing Zhou, sobre o aspecto emocional dos cambios de rexistro lingüístico en contornas familiares onde se utiliza máis dunha lingua. Estes científicos chegan a unha conclusión que pode resultar, até certo punto, evidente para a maior parte dos membros reflexivos dunha sociedade diglósica como a galega: que a elección dunha ou outra lingua por parte dos pais, segundo as diversas situacións, xoga un papel fundamental no desenvolvemento emocional das súas crianzas.

Votar coa lingua e a cultura

por Marta Dacosta no Sermos Galiza:

Se vos preguntase a cada un de vós cal foi o voso mapa de Fontán particular, aquel que lle descubriu ao Adrián Solovio de Otero Pedrayo cal era a súa verdadeira identidade, moitas de vós diriades os versos de Rosalía: “pobre Galiza, non debes chamarte nunca española”. Outros dirían: “Galiza somos nós, a xente e máis a fala”, como escribiu Manuel María pensando nas nenas e os nenos das escolas galegas. Todas e todos mencionariamos o Sempre en Galiza, o irrebatíbel: “se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”.

domingo, 14 de outubro de 2012

A Xunta contra o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

A Xunta participou en Córsega na samblea xeral  da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD)  o pasado dia 3 de outubro. No mes de marzo houbera unha reunión en Santiago na que o conselleiro Jesús vázquez declarara:

“o Goberno de Galicia asumiu o compromiso de traballar en primeira liña para devolverlle á lingua galega a situación que lle corresponde como lingua propia deste pobo e como medio de expresión da nosa cultura secular”
O mesmo Jesús Vázquez, ante o vergoñento caso da admisión por parte do Valedor do Pobo dunha protesta porque un libro texto explicaba que o artigo 5.1 do Estatuto di que o galego é a lingua propia de Galicia, ordenou inmediatamente á editorial realizar unha corrección ao xustificar o curioso argumentario do señor Benigno López e que sería fundamental para que cinco meses despois tivera que presentar a súa dimisión.

Chama a atención comprobar como ante a NPLD a Xunta se mostra como a campioa da defensa da normalización. Ao consultarmos o web da NPLD podemos comprobar cal é a imaxe que ofrece a Xunta ante o organismo europeo. Alí presenta á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) como o organismo que produce as porpostas lexislativas de normalización lingüística e que realiza as tarefas de goberno establecidas no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Nos seguintes parágrafos analizaremos algúns dos aspectos do PXNLG en relación coa política lingüística desenvolvida pola Xunta na última lexislatura

Na educación.
As maiores dificultades que encontra o goberno no seu empeña de promoción da nosa lingua veñen precisamente do propio goberno. Basta con poñer uns poucos exemplos.
O PXNLG di, concretamente nas medidas 2.126 e 2.1.27 que as matemáticas e a tecnoloxía impartiranse en galego no ensino non universitario. O decreto 79/2010 asinado e promovido por por Jesús Vázquez explicita exactamente o contrario nos artigos 6.3 e 7.3.
O PXNLG di que se debe garantir que o alumnado do ensino non universitario reciba un mínimo dun 50% de docencia en galego. O decreto 79/2010 establece o 50% como máximo cun engadido de que tendencialmente se reducirá ao 33%..
O PXNLG di  que será un obxectivo o de 'garantir unha ampla oferta educativa en galego nos primeiros treitos educativos e na aprendizaxe da lectoescritura, na perspectiva de que este idioma se converta na lingua primeira do sistema educativo en Galicia' e para acadalo establecía as medidas 2.1.22, 2.1.23, 2.123, 2.1.24 , 2.1.25 e 2.3.4 que asegurase para todos os nenos galegofalantes un primeiro ensino en galego así como un mínimo dun terzo en contextos castelanófonos. A Mesa publicou un informe que establece nun 3% a porcentaxe de centros que traballan en galego nas etapas infantís.
A medida 2.3.9 do PXNLG propoñía que a ' TVG que sitúe en horarios de maior audiencia o programa “Preescolar na casa”'. En contra das protestas e das mensaxes de apoio á iniciativa "Preescolar na casa", a Xunta púxolle o peche definitivo a este programa educativo infantil.

Nas administracións.
A medida 1.2.3 do PXNLG establece que 'todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos (oficinas de atención ao público, instalacións deportivas, televisións e radios municipais, servizos de augas, etc.) teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita'. Pola contra as medidas adoptadas van na dirección contraria pois desde o 2009 pódese acceder a unha praza de funcionario sen realizar ningunha proba nin de nin en galego.
A medida 1.3.5 do PXNLG di que se debe 'verter ao galego os programas informáticos de xestión e os formularios de uso cotián e garantir a súa presenza en todos os órganos xudiciais de Galicia'. Desde o 4 de maio do 2010 púxose en marcha un novo programa de xestión das tramitacións xudiciais exclusivamente en castelán. Van dous anos e medio de exclusión completa do galego da administración de xustiza.

Na vida pública e na empresa privada.
A medida 2.4.19 di que se debe 'fomentar a dobraxe ao galego do cine exhibido en Galicia e garantir a súa distribución e exhibición en condicións de igualdade respecto do cine en castelán'. Hai alguén que poidera ver unha película en galego no cine nos últimos 3 anos?, e nos últimos 30 anos?
A medida 2.1.38 do PXNLG determina que debe haber un 'compromiso do Goberno para que os conselleiros e altos cargos da administración autonómica se comprometan a desenvolver o seu labor e a súa relación con administradores e administrados en galego'. Por mostrar só unha evidencia, lembremos que pretentación de Feijóo dos contratos con Pemex, alén de atentar contra a lei electoral, foi un desprezo a todo o pobo galego por ser realizado íntegramente en castelán. Durante toda a lexislatura multiplicáronse os casos nos que os conselleiros realizaron intervencións en español no labor de desenvolvemento do seu cargo.
Medida 2.4.2 do PXNLG indica que se debe  'fomentar o uso do galego nos ámbitos sociais de máis impacto e utilización por dos máis novos (pubs, discos, bares musicais, etc.)...', e a 2.4.11 aposta polo 'fomento da utilización do galego nas actuacións e actividades musicais'. Pola contra a propia Consellería de Cultura e Educación mantén un programa e un portal, Galicia importa, exclusivamente en español. Así que xa non pararemos a buscar os inexistentes soportes en galego (medida 2.4.12) que difunden actividades de interese para a mocidade, nin andaremos á procura deses programas en galego destinados á mocidade (mediad 2.416), pois os poucos que había, como o da Radio Galega, Aberto por Reformas, foi un dos primeiros en ser pechado polo goberno Feijóo.
Medida 3.1.11: 'A Administración Galega realizará a súa publicidade en Galicia en galego' . No mes de maio do 2010 a Xunta presenta a súa primeira campaña en castelán: Ahora Galicia conecta contigo. Isto converteuse nunha obsesión. Lembremos a estrañísima campaña: Galega 100%, referida ao leite galego.
A Xunta debería promocionar, segundo a medidas 3.2.15, 3.2.16 e 3.2.17, a tradución ao galego. A resposta:  baixan un terzo no 2011, e volven a reducirse nun 20% no 2012.
E sobre as medidas 4.2.x, que son as que teñen que ver co comercio galego? Aprobouse unha lei do comercio sen ningunha referencia á normalización. Lembremos que o anteproxecto presentado no 2008 si garantía os dereitos lingüísticos dos usuarios.


Rematamos como empezamos. Destacando as palabras de Jesús Vázquez na reunión da NPLD celebrada en Santiago en marzo deste ano:
“o noso empeño en tratar de avanzar día a día no proceso de promoción da nosa lingua”, un camiño “non exento de dificultades” no que a Xunta de Galicia “está a facer un grande esforzo para que a presenza do galego na educación, nas administracións, na vida pública e mesmo na empresa privada teña cada vez un peso maior”.

venres, 12 de outubro de 2012

Aplastados polo castelán

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou un estudo sobre o uso das linguas no ensino infantil logo de consultar a 282 centros educativos das cidades galegas. O resultado é estarrecedor: a suma daqueles que empregan total ou parcialmente o galego no ensino de nenos e nenas de 3 a 6 anos non supón máis que un 4,96% do total.
A exclusión do galego vai en aumento. Se na época do bipartito, a pesar de que o decreto 124/2007 establecía un mínimo dun 50%  de ensino en galego, únicamente o 35% dos centros das cidades o cumprían, despois do funesto decreto do plurilingüismo, as cifras indican que se está a promover desde a Xunta  unha fractura social da man do conflito lingüístico. As zonas urbanas, as máis necesitadas dun ensino en galego, levan o camiño de conformarse en espazos de exclusión para a lingua galega.
Como os gráficos resumen moito mellor as ideas, velaquí o panorama lingüístico do ensino infantil nas cidades








xoves, 11 de outubro de 2012

Nin lingua nin liberdade, é o poder

por Alejandro Tobar, voceiro da Cerna de Prolingua, no Faro de Vigo:

No Faro de Vigo do día 8 de outubro, o señor Ignacio López-Chaves publicou unha tribuna titulada Caminando hacia la libertad, onde expón as sobadas consignas que, tanto o actual presidente do Porto de Vigo como outros membros relevantes do PP olívico veñen reiterando desde hai ben tempo (como esquecer as imaxes daquela manifestación organizada por Galicia Bilingüe en febreiro do 2009, onde o señor Chaves compartía pancarta con Rosa Díez e outros coñecidos amigos da lingua galega!). O que amosan esas consignas é, en realidade, unha habelencia prodixiosa para enmascarar a realidade. Coñecemos ben tal uso da neolingua orwelliana, que moi cinicamente critica o autor deste texto. O Partido Popular é, de feito, unha experta factoría de creación deses termos enganosos: flexibilidade laboral (despedimentos masivos), racionalización do gasto público (recortes) ou liberdade para elixir (liberdade só para uns poucos).

Duottaraski: galescola sami en Finlandia



Finlandia presenta o mellor sistema educativo do planeta. Para conseguilo deben coidar a educación desde os primeiros anos. Presentamos aquí un vídeo que nos relata como é a xornada na gardería infantil Duottaraski, na vila finesa de Ohcejohka fronteiriza con Noruega, no territorio dos Sami, tamén coñecido como Laponia. Os alicerces están claros: respecto polo entorno e a cultura locais que implican a transmisión da lingua sami no entorno escolar.
Ao centro acuden nenos de entre 9 meses e 7 anos que reparten o seu tempo entre xogos libres e actividades guiadas. Os cativos reciben diariamente o almorzo, comida quente e un pequeno aperitivo. No vídeo podemos ver como antes da comida realizan unha  asamblea na que cantan unha canción achegada por artistas locais.
A maioría dos nenos son bilingüies, pero hai algúns que falan máis linguas. A comunidade de fala sami é pequena e hai moi pouco material para as garderías nesta lingua. Por iso o persoal de Duottaraski vese na obriga de crear por si mesmos unha gran cantidade de material pedagóxico.
A vida dos Sami aínda se rexe parcialmente polos ciclos naturais, así que as rutinas na gardería seguen as estacións e as tradicións Sami. Un dos aspectos nos que máis incidencia se fai é no uso razoable dos recursos naturais. Así, con moita frecuencia, os nenos saen ao exterior a camiñar, esquiar ou realizar excursións. Unha das actividades pode ser a visita a familiares nos seus lugares de traballo.
A lingua sami setentrional é a máis ampliamente falada de todas as linguas sami. Esténdese polo norte de Noruega, Suecia e Finlandia así como no noroeste de Rusia. A comunidade Duottaraski, grazas a esta linuga mantén vencellos e relacións de cooperación cos municipios veciños de Noruega.

A rede de Galescolas botaba a andar no ano 2007 confirmando un cambio de paradigma: incorporación dos máis cativos ao proceso educativo fundamentándose, como en Finlandia, no respecto á cultura, á lingua e ao entorno. Eran o primeiro paso para un ensino de calidade, normalizador, inclusivo, en igualdade, que ademais trasladaban estes valores ao resto da sociedade. A súa supresión evidenciou que os fins que se pretenden son os da desconexión do entorno cultural, da exclusión da lingua propia e , en difinitiva, a imposición dun modelo social ultra-radical máis propio do Ku Kux Klan, que dun goberno democrático que pretenda realmente a potenciación da súa cultura e a súa educación.

mércores, 10 de outubro de 2012

Galego en Leipzig




Dende outubro de 2010 existe na Universidade de Leipzig (Alemaña) un Centro de Estudos Galegos que ofrece cursos de lingua e cultura galegas, e tamén de tradución entre o galego e o alemán.
Por que se estuda galego en Leipzig? Por que tanto interese pola cultura galega en Alemaña? Estas son preguntas que nos fixeron moitas galegas e galegos... Parte do alumnado do curso 2011-2012 explica neste vídeo como foi a súa experiencia como estudantes de galego en Alemaña, para así resolveren as dúbidas de moitos e animaren a outros tantos a aprender a lingua galega.

martes, 9 de outubro de 2012

Desprezo á lingua:aquí como nas Baleares



Sempre que nos sexa posible é un bo exercicio botar un ollo ao que sucede fóra de Galicia para poder valorar mellor o que sucede dentro. Velaquí un vídeo no que Antoni Verguer de PSM-IV-ExM, nun pleno municipal de Palma defendía que non se excluíra o catalán dos requisitos para acceder ao postos do concello. Durante o debate a concelleira de Función Pública, Irene San Gil, do PP, mostra o seu desprezo ás vilas e concellos máis pequenos como Inca, dicindo que éstes non son comparables a unha poboación como a de Palma, máis cosmopolita (sic). É imposible desprezar unha lingua se, a un tempo, non se despreza aos cidadáns que a usan. Neste vídeo vémolo claro pois a concelleira do PP apunta que hai cidadáns de primeira, os de Palma, e de segunda, os do resto dos concellos baleares. Non é habitual que se fagan este tipo de delcaracións, pero a idea, por coherencia ideolóxica, anda a rebulir sempre polo fondo. Para ocultar este tipo de desprezables actitudes con frecuencia podemos escoitar cantos de amor á terra por parte de quen minoriza a lingua propia.
Alén disto a  argumentación de Irene San Gil é realmente pobre e extremista, pois, tal e como sinala Antoni Verguer, como se pretende fomentar o bilingüismo excluíndo unha das dúas linguas oficiais? O resultado da política lingüística nas Baleares poderase ver nas rúas de Palma, onde non será estraño atopar municipais que descoñezan o catalán.
En Galicia unha medida semellante foi a primera, en cuestión de política lingüística, que tomou o goberno de Feijóo: eliminar dos requisitos para o acceso a prazas municipais o do coñecemento do galego. Se atendemos aos feitos podemos comprender que ese pretendido bilingüismo que defende o PP non é outra cousa que a a exclusión do galego.

domingo, 7 de outubro de 2012

Lusofonía vs. cancro: notas sobre unha campaña da Xunta

A Xunta de Galicia vén de publicitar unha campaña, 'O galego, chave para os teus negocios no mundo' na que aparentemente fai unha aposta pola lusofonía pero que en realidade é só unha campaña de autopromoción e lavado de cara da propia Xunta. Explicaranse as razóns de por que isto é así fundamentándose en tres bases. A primeira consiste en que calquera acción política aillada e de pouca profundidade é tamén completamente inútil agás que como neste caso só se pretenda dar unha pátina propagandística de galeguismo a unha Xunta profundamente anti-galega. A segunda pasa por analizar a evidencia da repulsión a toda aproximación galego-portuguesa. A terceira consiste en tomar en conta cal é a realidade da normalización do comercio e a empresa en Galicia.
Os asinantes da iniciativa son a Xunta e a FEGAPE (Federación Gallega de Parques Empresariales), unha entidade que mantén un web e unha revista exclusivamente en castelán (esta última ademais, parece un boletín propagandístico do PP, basta con botarlle un ollos ás portadas) . Sospeitosamente dúas semanas antes da campaña aparece a primeira anotación en galego no seu portal. Isto fainos recordar o caso do semanario 'Terras de Santiago', unha publicación do grupo ao que pertence 'El Correo Gallego' que asinou un acordo coa SXPL asegurando un incremento da presenza do galego nesa publicación. Foi certo... durante un mes. Pasados os efectos do anuncio co que a SXPL se colgaba unha medalla no avance da normalización, 'Terras de Santiago' volvía aos niveis de uso do galego anteriores. Eu estou por apostar que sen tardar moito o web da FEGAPE volverá ao rego da exclusividade do castelán. Daquela comprobaremos o que xa se enxerga hoxe con completa claridade: a absoluta inutilidade e ineficacia da campaña da Xunta.
A campaña 'O galego, chave para os teus negocios no mundo' non se substenta en ningunha outra actuación. Pretendidamente é unha man aberta á lusofonía... pero onde están as medidas da Xunta de achegamento á lingua irmá? Onde se promocionou o ensino do portugués? Hai unha chea de profesores de ensino medio preparados para impartilo pero o portugués fica prácticamente excluído dos plans de estudo. En Estremadura hai 10.000 estudantes de portugués, promociónase o seu estudo mesmo con anuncios insitucionais, poténcianse programas educativos que se emiten na televisión autonómica,... Aquí non vimos nada diso. Pola contra, en Galicia vivimos de costas a Portugal e sobre todo de costas ao portugués. Ensínasenos a desprezalo e minusvaloralo. Aprendéronos que cando imos á feira a Valença, debemos falar en español pois Valença fica fóra de España. Trátase dun programa ideolóxico que nos destrúe como galegos pero que é coherente co centralismo que defende a imposición do español ou o que é o mesmo, a aniquilación do galego.
A hipocrisía da Xunta non ten cancelas. Como se pode pretender galeguizar o comercio exterior cando só se deron pasos atrás no comercio en Galicia? O goberno desta lexislatura aprobou a Lei do Comercio Interior sen incluir ningunha disposición para a normalización. Isto é unha clara porta pechada para a promoción do uso do galego. En Cataluña garántese que o consumidor ten dereito a recibir toda a información sobre o consumo en catalán, as cartas dos restaurantes deben estar en catalán, as empresas subvencionadas deben usar o catalán na rotulación e anuncios. Tamén deben estar en catalán os anuncios de restricción de venda de bebidas alcohólicas, os dos centros de bronceado, das tintorerías, das axencias de viaxes, as facturas dos servizos a domicilio,... Alén disto a Confederació de Comerç de Catalunya mantén un programa, 'Oberts al catalá', que promociona o comercio en catalán con campañas, convenios, guías, códigos de boas prácticas,... Algo semellante á iniciativa 'Abertos ao galego' que A Mesa está intentando poñer en marcha... sen que en ningún momento a Xunta dera o paso para apoiar e tutelar a iniciativa.
Temos pois un goberno que non apoia as iniciativas normalizadoras no comercio interior, non establece leis que apoien este tipo de medidas, non xestiona proxectos de ensino do portugués, reduce e estigmatiza o ensino en galego, non programa actividades de achegamento á lusofonía. Entón, que sentido ten a campaña 'O galego, chave para os teus negocios no mundo'?

Seguramente estes días chegarán aos parques empresariais os 1500 carteis e os 10.000 folletos da campaña  e nun par de semanas, se non antes, estarán nas papeleiras das oficinas deses mesmos parques empresariais. O obxectivo está cumprido: preséntase ante a opinión pública a un goberno como defensor da lingua galega cando en realidade é o seu maior cancro.

venres, 5 de outubro de 2012

Mapa peninsular da poboación castelán-falante


No web iberolingua podemos atopar este e outrs moitos mapas sobre a distribución de linguas na península.En Galicia podemos observar algunhas manchas escuras correspondentes cun maior uso do castelán precisamente nas áreas arredor das cidades. A maior parte de Galicia está marcada coa cor correspondente a un uso do castelán inferior ao 30% segundo o código de cores:

Tamén se evidencian as diferenzas entre os territorios das comunidades autónomas e os correspondentes ao predominio dunha lingua distinta do castelán.

xoves, 4 de outubro de 2012

Ollos de aula.1

A CGENDL achegaranos novos números desta publicación todos os meses. Trátase dunha revista para as familias na que a lingua e a normalización terán sempre o seu espazo.  Á marxe da portada, a revista conta con 6 seccións que xa aparecen explicadas na páxina 3 deste primeiro número
Ollos de Aula_n1

Escordar un pé, inventar unha lingua, votar en galego

por Susana Méndez, vicepresidenta d´A Mesa, no Sermos Galiza:

Lembro unha ocasión, cando vivía en Valdeorras, en que unha compañeira de traballo se queixaba porque o seu fillo non superara a materia de lingua galega na escola, e o que esta compañeira poñía como xustificación dese feito era que o neno dificilmente podía ser quen de aprobar esa materia cando a maior parte das palabras do galego son, ao ver dela, inventadas. Poñía como exemplo unha das expresións polas que lle preguntaron ao rapaz, que non era outra que “escordar un pé”, e dicía que na súa vida tal cousa escoitara, e que era unha frase inventada. Eu retruqueille que debía de ter sido a miña avoa, de Punxín, no Ribeiro, a que a inventou, porque sempre lle sentira falar así cando algún de nós voltabamos á casa con algunha mancadela nos artellos despois de moito correr e xogar.

mércores, 3 de outubro de 2012

bUSCatermos: un John Deere para o deserto

Coincidindo co comenzo do mes de outubro, o Servizo de Normalización Lingüística da USC puxo a disposición dos internautas o acceso libre á base de datos terminolóxica bUSCatermos.
Esta ferramenta achéganos información sobre 150.000 conceptos de áreas especializadas en galego, español e inglés aínda que tamén conta con datos doutras linguas como o catalán ou o italiano)
Esta nova posibilidade é un paso adiante na divulgación da terminoloxía. Ata o momento dispoñíamos dos materiais do SNL da UdC, 'Profesionaliza a túa lingua' e do Andel de traballos terminográficos do SNL da USC. Por centrar o tema, no campo das matemáticas podíanse consultar os seguintes manuais: Profesionaliza a túa lingua. Estatística e Profesionaliza a túa lingua. Matemática,extraídos dos recursos da UdC, ou este outro da USC:Vocabulario de matemáticas. Santiago de Compostela. Universidade., de Xosé Masa Vázquez (1995)
Pero a min, o que máis me chamou a atención da presentación desta base terminolóxica foi a cara de Manuel Núñez Singala, o director do SNL. Que estaría pensando nese momento? Estaría remoendo en como medir a incidencia deste recurso? Andaría a darlle voltas a se a SXPL se apropiaría mediáticamente do traballo realizado pola Área de Terminoloxía do seu departamento? Non o podemos saber, mais si é posible analizar, desde o punto de vista de quen se interesa na normalización, cal é a aportación do bUSCatermos.

O bUSCatermos e a normalización
Para que queremos o bUSCatermos? Se lle facemos caso á SXPL, hai dúas razóns principais coas que esta ferramenta contribúe á normalización. A primeira é que isto é unha mostra da potenciación do galego na internet. Tamén é a única mostra destas características que veu da man da SXPL nos últimos tres anos. Se un traballo realizado por máis de 200 expertos conclúe que o galego está en risco de extinción dixital por mor de que o apoio recibido é "feble ou inexistente" estaremos achegándonos a cal foi a política real da Xunta en materia de promoción nas TIC da lingua galega. Vou citar só un exemplo. No caso da Consellería de Educación, crearon toda unha plataforma, a do Abalar, procedente dun programa do MEC para a implementación das TIC na escola, coa obsesión de abrir unha porta todo aquel que quixera excluir o galego da navegación pola mesma. Isto dou lugar á creación dun recompilatorio de unidades didácticas nas que por cada unidade en galego aparecen dúas en castelán.
O outro vector normalizador do recurso bUSCatermos, segundo a SXPL, consiste en poñer a disposición dos profesionais os medios terminolóxicos suficientes que faciliten o emprego do galego nas actividades profesionais. De certo que o maior colectivo que podería sacar partido desta ferramenta sería o dos docentes. Claro que, se isto se fai nun campo no que por medio do decreto 79/2010 se lle prohíbe ao profesorado a impartición das clases en galego, para que queremos o bUSCatermos? Sabendo que a Consellería de Educación fixo todo o posible para boicotear este material didáctico da materia de matemáticas polo feito de estar en galego podemos entender ata onde chega o extremismo dos que só mediante unha radical hipocrisía intentan disimular a súa zunia anti-normalizadora. Intentando levantar un muro que tape a política que procura asegurar espazos de exclusión e prohibición do galego, izan a bandeira do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Isto só poden facelo ocultando que as medidas 2.1.26 e 2.1.27 do PXNLG establecen un mínimo do 50% de mínimo (non de máximo) de docencia en galego no ensino non universitario asi como o establecemento das áreas de matemáticas e tecnoloxía como principal referente para impartírense en galego. O decreto 79/2010 establece xusto o contrario.
Temos pois unha boa maquinaria, o bUSCatermos, que como un moderno Jonh Deere  vainos ser completamente inútil porque... quen se vai poñer a arar no deserto?