Hoxe, 19 de outubro do 2012, cúmprense 100 anos da celebración da voda de Castelao e Virxinia na Estrada. Con este motivo, e para lembrar a relación da figura máis relevante da nosa literatura e arte co noso Concello, a Asociación Cultural “Vagalumes” vai realizar unha serie de actividades que divulguen a obra, vida e pensamento de Castelao, ao mesmo tempo que poñemos en valor a nosa historia e patrimonio locais.
Roteiro amoroso Castelao na Estrada.
Así, o sábado 20, ás 16:30 dará comezo no cemiterio de Figueroa, diante da tumba de Virxinia e o seu fillo, un roteiro que nos levará polos espazos estradenses máis asociados coa presenza de Castelao no noso Concello pasando por Ouzande e Guimarei. Durante este roteiro darase conta daqueles lugares que foron marco dalgún acontecemento relevante da vida do escritor e político nacionalista
(Para chegar ao Cemiterio: na rúa San Paio, fronte a gasolineira, onda a Moblería García Lorenza, hai unha ruela que é a que vai cara o cemiterio estradense)
Presentación do comic "Titoán" sobre a vida de Castelao
Ás 20:00 h. No sala de exposicións de Caixanova da Estrada terá lugar a presentación do comic ([1] e [2]) sobre a vida de Castelao que dá conta da súa presenza na Estrada para o que contaremos coa intervención do seu guionista Ignacio Vilariño e unha representación dalgún fragmento a cargo de Fantoches Bag. Tamén o historiador Xoán Carlos Garrido lembrará a presenza de Castelao no noso Concello.
P.S.: fotos do acto
Ningún comentario:
Publicar un comentario