Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 27 de outubro de 2012

A imposibilidade de vivir en castelán en Galiza

por Alfonso álvarez Cáccamo, no Sermos Galiza:

En primeiro lugar teño que dicir que escribo en galego por imperativo legal, e como precaución para evitar sancións ou persecucións como as padecidas pola miña heroína Gloria Lago. Tamén escribo en galego para que me comprendan ben todos os lectores/as. Sufro enormes dificultades para comunicarme e para que me comprendan nesta Comunidade Autónoma na miña língua nai, o castelán, brutalmente perseguido desde as garderías infantís até a Universidade. Incluso xa non podo escoitar o meu programa favorito da radio, Domingo Deportivo Español, e teño que utilizar o dicionario para comprender frases como “fóra de xogo” que agora xa sei que se trata do orsai. Padezo en silencio, e traduzo en silencio, eses deplorables verbos galegos que carecen de tempos compostos, esas expresions adverbiais galegas dificilmente comprensíbeis como “paseniño” que en castelán se resolven doadamente. Busco no diccionario da Real Academia Española o termo “pasenito” e non aparece, e non falemos das burdas expresións como “non dou rematado” ou “hai que ir indo” ou “ a velas vir”. ¿Quen entende isto? Sucédeme o mesmo que á sufridora Ana Martínez Piñeiro quen denunciaba, con tristura e resignación, nunha carta ao director do Faro as dificultades terribles que atopa na vida cotiá para poder expresarse libremente sen que a sinalen como un becho raro. ¡Estou contigo descoñecida cidadá! Eu tamén padezo eses atrancos: na comunidade de veciños onde tiven que relacionarme chamábanme “el castellano” e case ninguén me saudaba. Non hai maneira de atopar un cartel, un anuncio, un aviso, unha información que non estea escrita en galego. Non hai forma de que che falen en castelán en ningún organismo público, nos comercios, nos centros de saúde, nos parques infantís, nas peaxes da autopista…
¡E qué dicir da Prensa, se mesmo traducen ao galego expresións como “Ayer se celebró la festa do cocido en Lalin” ou “Gran éxito de las fiestas de San Xián en San Julián”. ¡En fin paciencia! Eu propoño que fagamos como as nais de maio e comecemos a reunírmonos con precaución na Alameda de Vigo, todos con pañoletas vermelligualdas, para protestar contra esta imposición lingüística atroz. Eu mesmo levarei un cartaz da nosa infatigabel loitadora Gloria Lago, exemplo das mulleres oprimidas polo fascismo separatista galego. Estou contigo Ana. ¡Os galegofalantes non pasarán!

Ningún comentario:

Publicar un comentario