por Susana Méndez, vicepresidenta d´A Mesa, no Sermos Galiza:
Lembro unha ocasión, cando vivía en Valdeorras, en que unha compañeira de traballo se queixaba porque o seu fillo non superara a materia de lingua galega na escola, e o que esta compañeira poñía como xustificación dese feito era que o neno dificilmente podía ser quen de aprobar esa materia cando a maior parte das palabras do galego son, ao ver dela, inventadas. Poñía como exemplo unha das expresións polas que lle preguntaron ao rapaz, que non era outra que “escordar un pé”, e dicía que na súa vida tal cousa escoitara, e que era unha frase inventada. Eu retruqueille que debía de ter sido a miña avoa, de Punxín, no Ribeiro, a que a inventou, porque sempre lle sentira falar así cando algún de nós voltabamos á casa con algunha mancadela nos artellos despois de moito correr e xogar.
O que tén vivir nunha terra que non se pode desenvolver por si mesma e na que a lingua propia está inmobilizada por outra allea, é que se produce un illamento entre os/as propios/as falantes que leva a episodios como o que acabo de relatar. Despois de varios séculos nos que a nosa lingua sobreviviu malia ser desprezada, perseguida, e mesmo prohibida, cando por fin chegou o momento en que parecía que podía normativizarse, regularse, desenvolverse un estándar, resultou que verbas e expresións autóctonas que nunha comarca se mantiveron, noutra, quizais nin demasiado afastada, se perderon en favor doutras alleas. E así, o traballo de recuperación da nosa lingua é inxente e chegamos a lugares comúns, lendas urbanas se se preferir, como que o galego de hoxe é unha lingua inventada. Nada máis lonxe da realidade, trátase dunha lingua en proceso de recuperación, á que non lle cómpre inventar nada, porque afortunadamente o galego é riquísimo en léxico e fraseoloxía. O que nos queda por diante é, precisamente, o traballo de recuperalo.
Estas “lendas urbanas”, como adoita suceder, instaláronse facilmente no imaxinario colectivo, de xeito que se dan situacións preocupantes como que persoas galegofalantes de sempre, que se expresan correctamente porque viviron sempre nun entorno galegofalante, tenden a cambiar certos modismos patrimoniais por outros híbridos ou mesmo por castelanismos ao pensaren que se trata das formas “correctas”, cando é xustamente o contrario. E non só iso, senón que se afonda na diglosia, e vemos tristemente como nais ou pais galegofalantes non lles falan galego ás crianzas porque sosteñen que o seu non é “o galego correcto” e prefiren que aprendan o castelán (inda que non sexa o “castelán correcto”).
Nun país normalizado, a recuperación dunha lingua costa moito traballo. Nun país coma o noso, que vive unha situación a-normal, o traballo é duplo, ou mesmo triplo cando durante os últimos anos tivemos un goberno que, no canto de cumprir a súa obriga de fomentar esa recuperación e normalización, poñendo en marcha medidas de protección e difusión, se dedicou, cos cartos de todas e todos, xustamente a facer o posible por evitar esa normalización.
A miña avoa, de Punxín, falaba un galego fermoso que eu mesma tento recuperar. Ela nunca tería dito que “escordar un pé” é inventado. Mais se cadra algo tivo que ver ela na súa invención. Se cadra foron todos os nosos antepasados, desde hai séculos, os que foron “inventando” a lingua a base de usala. E se cadra o que pretendeu o goberno de Alberto Núñez Feijóo durante estes tres anos e medio foi que deixara de “inventarse”.
A Mesa pola Normalización Lingüística botou a andar nestes días unha campaña co acertado lema de “Alberto Núñez Feijóo non merece ser reelixido”, porque motivos hai a esgalla, mais os ataques á nosa lingua xa debe ser motivo abondo para votarmos en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario