Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 16 de xuño de 2010

Previndo os riscos da burbulla do decreto

Xa o sabemos todos, andar no andamio andamio ou  na tarima ten o enorme risco de caída no baleiro.
A burbulla inmobiliara estoupou, pararon as construcións e como consecuencia colateral diminuíron os accidentes laborais nas obras. Agora está a agrandar a burbulla do plurilingüismo polo que ser profesor de ciencias convertiuse nunha profesión perigosa en Galicia desde que se publicou o funesto decreto 79/2010. Para defenderse dos accidentes laborais cómpre poñer en marcha un plan de prevención. Os profesores de ciencias traballan no andamio, a gran altura e, xa o adiantan os gurús do tema, a burbulla vai a estoupar e temos que estar preparados.
Hai varios tipos de risco: seguridade ou ausencia de risco, risco trivial, risco tolerable, temén temos o moderado, o importante e o  intolerable. Ou moito me equivoco ou estou no certo cando penso que o  profesorado de ciencias está neste último caso, o de risco intolerable,  polo que, seguindo as recomendacións das leis de seguridade no traballo,  non debe comezarse ou continuar o traballo ata reducir o risco. Se non é posible reducir o risco, débese prohibir o traballo. Está claro que antes de lle ensinar aos nenos, á xuventude, que o galego non é unha lingua apta para a ciencia, é preferible non darlles clase de ciencias. Está claro que antes de manipular a todo o alumnado de primaria e secundaria desta maneira, é preferible pechar as portas dos centros de ensino.
Menos mal que xa hai quen comenza a moverse. Neste caso é a CIG-ensino quen promove unha xornada de prevención de risco laboral, non sexa que o profesor de ciencias caia no pozo excavado polo decreto 79/2010, e cando o contratista di que a obra vai ir adiante malia que a inspección de sanidade e seguridade di que é ilegal. Celebrarase o vindeiro venres 18 de xuño, ás 18:00 no Museo do Pobo Galego, en Santiago, e eu, aínda que non estivese afiliado ao sindicato, iría, máis que nada porque podemos aprender a traballar cos arneses, que non che están os tempos para traballar no andamio sen protección.

Ningún comentario:

Publicar un comentario