Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 23 de xuño de 2010

A soidade tráxica do freaky galegofalante

por Silvana Castro García, en Terra e Tempo:
Non estou a descubrir nada novo se digo que o futuro da lingua está na mocidade, realidade de hoxe e alicerce dos falantes de mañá.
Neles (mais non só) deben recaer especialmente as medidas de fomento e dinamización da lingua galega porque as crianzas non nacen con prexuízos, senón que os adquiren a partir do contacto co mundo que os rodea e das fobias que lles transmite a sociedade.
Porén, moita mocidade galega ve coutada a súa liberdade para se comunicar con normalidade e dignidade na lingua de noso en todos os ámbitos da sociedade por medo. Medo a ser o diferente, o bicho raro, o freak. Prodúcese entón o que os expertos en Sociolingüística chaman a latencia ou ocultación da lingua B, da lingua marxinada, da lingua freak.
Hai pouco máis dun ano, cando eu estaba a impartir aulas no CPI de Zas, onde o 99% do alumnado é galegofalante e ademais fai un uso máis ou menos normalizado da lingua galega (na medida en que a sociedade e as leis que a rexen llo permiten) a rapazada de 3º da ESO contoume a súa experiencia nunhas xornadas de convivencia das que acababa de chegar.
Xunto a este alumnado acudían ás xornadas outros mozos e mozas do mesmo curso escolar de Ferrol e mais dun instituto convidado de Cataluña. O asunto foi que cando o alumnado ferrolán viu con abraio que os de Zas empregaban o noso idioma sen vergoña, isto é, sen ocultala, preguntáronlle con estupefacción se falaban galego sempre, ao que os e as zasenses responderon afirmativamente. A resposta dunhas alumnas ferrolás foi absolutamente esclarecedora dos prexuízos aos que a nosa mocidade está sometida: "Que freakies soys!!".
A rapazada catalá non acreditaba no que oía, estrañáballe que a mocidade galega non empregase a nosa lingua propia sendo de aquí e moito menos que se mofasen dela. Os de Zas explicáronlle en castelán que aquí era "o máis normal nas cidades", mais que eles sempre falaban en galego, a pesar de dominar perfectamente a outra lingua e incluso algunha máis, e non con pouca destreza (todos eles participaran en intercambios con alumnado francés e algúns mesmo tamén con alumnado inglés a través de programas subvencionados pola Xunta de Galiza).
O alumnado de Zas comunicábase perfectamente en dous idiomas mentres durou a convivencia: en castelán cos cataláns e en galego entre eles e cos ferroláns. O alumnado ferrolán só empregaba unha, o castelán, para todos os contextos. No primeiro caso, o emprego do castelán foi un vehículo de comunicación, algo carente de prexuízos e connotacións. O emprego do castelán no segundo caso foi a única opción que lle queda a unha mocidade á que non se lle deu o dereito de escoller. Velaí a "imposición" do galego na Galiza.
Mais isto foi hai pouco máis dun ano. Un ano no que desgraciadamente, a mocidade galega foi coartada un pouco máis, vía decretazo, da súa liberdade de escolla.
Pode a escola ser empregada para facernos sentir desposuídos de algo tan intrínseco ao propio ser (individual ou colectivo) como é a escolla da lingua de cada un, a lingua propia, con todo o que ten de significativo?
A resposta, a día de hoxe é ben simple: pode. Outra cousa é que o consiga. E aí é onde xoga o papel máis importante a sociedade na que a mocidade medra. Porque só se lle proporcionamos información serán libres e só sendo libres poderán apreciar, no sentido máis etimolóxico do termo, ao diferente. Só recibindo unha educación e un ensino onde se respecten as liberdades individuais e sociais, a historia común e os símbolos que nos fan sermos unha comunidade diferenciada poderemos formar individuos libres de prexuízos que respecten ao outro e que poidan expresarse tal e como queren ser, sen ataduras. Pero para isto fan falta dúas cousas: información e acción.
A información é algo que debe partir de todos os axentes implicados no proceso normalizador, é dicir: da sociedade. A acción é algo ao que nos temos que atrever todos e todas, e ao que a mocidade se debe enfrontar, mesmo en soidade (caso das cidades e grandes vilas de Galiza), soportando situacións de marxinación física e moral, correndo o risco de ser o freaky da clase, do instituto ou da facultade.
E que fai o Goberno galego do Partido Popular para mellorar estas situacións de acoso escolar? Pois elaborar un Decreto no que, entre outras cousas, deixa caer o seguinte con respecto á Educación Secundaria:
"En todas as áreas, materias ou módulos, agás nas sinaladas no parágrafo anterior [as de lingua e literatura galega e castelá] e nas materias de lingua(s) estranxeira(s), o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo".
É dicir, que isto abre a porta para que nas materias de ámbito científico, o alumnado sexa obrigado, non só pola situación de presión social ou polo condicionamento de ter diante a quen o vai avaliar, senón por imperativo legal (véxase a dupla visión que pode ter o verbo "procurarase"), a usar a lingua A, a dos vencedores, a dos "normais", afundindo nunha soidade tráxica ao alumno ou alumna da última fila, ao freaky que fala galego. Si: ese que se senta só e que disque veu da aldea...

Ningún comentario:

Publicar un comentario