Ante a necesidade de deixar escollidos os libros de texto, a elaboración do Plan Lingüístico de Centro (PLC) e a necesaria previsión para o vindeiro curso nas inminentes convocatorias de Comisións de Coordinación Pedagóxica (CCP), achegamos a seguinte información:
Plan Lingüístico de Centro: tal e como está arestora a situación da lingua galega no ensino cómpre, máis ca nunca, o traballo dos ENDL, e nomeadamente dos seus/súas coordinadores/as, para incidir todo o que sexa posible na presenza da lingua galega tamén co novo decreto. Debido á nova lexislación, as nosas capacidades decisorias son poucas, mais si temos capacidade de influír a través da nosa participación nos PLC, entre outras cuestións, nos tres seguintes apartados:
- Elaboración dos PLC. Tentaremos que o reparto de linguas sexa o menos prexudicial para o galego. Dependendo da idiosincrasia do noso centro trataremos de incluír na porcentaxe asignada ao castelán aquelas materias con menor peso lingüístico, as que non adoitan usar libro de texto (Educación Física, Relixión...) ou ben aquelas en que o libro non exista en galego ou sexamos conscientes de que o profesorado non usa habitualmente o galego. Tamén podemos ver a posibilidade, para que saian as contas mellor, de que se inclúan as horas de lingua estranxeira (principalmente inglés: 3 h.) no castelán xa que as linguas estranxeiras na ESO teñan lingua vehicular, e normalmente é o castelán, independetemente do libro de texto.
- Libros de texto. Pódese propor nas CCP ou ben directamente aos departamentos directamente afectados, apoiándonos no despilfarro que supón o cambio, que aquelas materiais que pasan a impartirse en castelán obrigatoriamente e, polo tanto, que teñan que mudar o libro de texto:
- Que indiquen que NON VAN USAR libro de texto. Evitan que os rapaces o compren e logo na aula infórmaselle que se precisan o apoio do texto se lles pasan os que hai nos departamentos ou nos bancos de libros das ANPAS (ou quen non o queira o que hai, pode compralo). Pode haber departamentos que non acepten porque se queren asegurar de que van ter libro de texto e non queren ter problema; ou ben que saiban que os libros existentes non lles chegan para futuros alumnos, daquela, podemos propoñer tamén a opción b:
- Indicar na listaxe para comprar o libro de texto en castelán que se corresponda á tradución do que hai en galego, pero engadindo unha nota de que non se compre até falar co profesor correspondente. Así, cada docente poderá valorar se se pode arranxar cos que xa hai no centro, ou se precisa pedir outros novos con cargo ás axudas existentes.
- Materias do Bacharelato. Procuraremos que as materias de ciencias de Bacharelato, nomeadamente Matemáticas e Física e Química, sexan en galego para compensar o feito de que foran en castelán ao longo de toda a ESO, así como para aproveitar os libros de texto deste ano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario