Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 15 de xuño de 2010

A lingua materna contra o galego

Queremos Galego presentou na mañá de onte en conferencia de imprensa unha iniciativa que pretende achegar desde xa a todas as nais, pais e titoras/es de cativas e cativos de nenas e nenos en educación infantil.
Fronte á cuestión sobre a chamada “lingua materna” das nenas e nenos que a Consellaría de Educación vén de incluír no sobre de matrícula, e que a plataforma cidadá xa cualificou de “trampeada” e “ilegal”, tal e como definiu o Consello Consultivo de Galiza no seu ditame xurídico do decreto 79/2010, Queremos Galego comezará a difundir entre as familias un modelo de escrito dirixido ao Conselleiro de Educación reclamando “garantías plenas” para o dereito básico a recibir o ensino en galego, de acordo co estipulado pola Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e a Lei de normalización lingüística.

Os escritos que a plataforma anima a enviar masivamente exíxenlle á Consellaría “información por escrito” sobre as medidas pedagóxicas que pensa adoptar para garantir a aprendizaxe “tamén en galego” e que explique en que consisten as “medidas concretas de atendemento individualizado” recollidas no artigo 5.3 do decreto 79/2010 para as nenas e os nenos cuxa denominada “lingua materna” non sexa a maioritaria da aula.
Paralelamente, Queremos Galego anima a marcar a opción “galego” na cuestión sobre a lingua incluída no sobre de matrícula “con independencia de cal sexa ou cales sexan a lingua ou linguas de uso habitual no ámbito familiar dos pequenos”, ao ser esta a única resposta que vai garantir, segundo indicou Carlos Callón, presidente da Mesa e portavoz da plataforma, que tanto as nenas e nenos de familias galego falantes como os de familias castelán falantes “poidan ter contacto co galego antes dos seis anos”. Indicou, neste sentido, que hai “moitas familias que non desexan que ás súas fillas e fillos se lles prive do dereito a un ensino tamén en galego”.
Carlos Callón criticou duramente “o dispendio económico” que están a supor todos os ataques de Alberto Núñez Feijóo contra a lingua propia de Galiza. “É inmoral e indecente que, nun contexto de crise económica como o que estamos a vivir, Feijóo ordene gastar elevadas sumas de diñeiro público en atacar a lingua galega”. Salientou, entre outros exemplos, o da “pseudoconsulta” sobre as linguas elaborado a finais do pasado curso escolar, a campaña propagandística sobre o decretazo contra o galego anunciada recentemente –cuantificada nun millón de euros – ou, moito máis grave, “a barbaridade que supón tirar ao lixo millares de libros de texto cunha vida útil por dous cursos escolares completos polo simple ‘pecado capital’ de estaren redixidos en galego”, aseverou. “Indo só aos datos oficiais, encontrámonos cun dispendio de 5 millóns de euros só en reducir a presenza do galego no ámbito educativo no tempo que leva Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta”, apuntou. Carlos Callón sinalou que “para facer a suma, tomamos en conta só os datos oficiais, aínda que estes son sempre tirando á baixa e en moitas ocasións non resultan moi críbeis”.
Así, o presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego nomeou os 40.000 € que, segundo a Consellaría de Traballo, custou reformar as Galescolas en Galiñas Azuis; os 160.995 € que Educación consignou á pseudoconsulta ás familias; os 819.000 € máis IVE (en total, case un millón de euros) que, segundo Alfonso Cabaleiro, vai custar a campaña sobre o decretazo que vai presentar agora a Xunta. A todo isto hai que acrecentarlle os 3,8 millóns de euros que, segundo a Asociación Galega de Editores, vai supor ás economías familiares que se tiren 190.000 libros de texto que comprar o bipartito e que o goberno de Núñez Feijóo pretende desbotar polo feito de estaren en galego, aínda que teñen unha vida útil para dous anos máis.
Callón, que chamou no nome de Queremos Galego a unha “rebelión cívica” de toda a sociedade, especialmente das familias con nenas e nenos que van ver afectados os seus dereitos lingüísticos polo decretazo, estivo na comparecencia de hoxe acompañado por un grupo de nais e pais cuxos cativos comezan precisamente en infantil para este vindeiro curso.
Ligazón ao escrito para presentaren os pais de alumnos de infantil

Ningún comentario:

Publicar un comentario