Parece ser que as Letras Galegas do 2011 van para Lois Pereiro. Teño que confesar que só coñezo a un seu irmán, e que este escribe con intelixencia. Pois xa temos deberes: ler a Lois Pereiro.
por Iago Martínez, no Xornal de Galicia:
Que equivocados estabamos. Durante os catro anos que levamos traballando en Contra a morte, o noso documental sobre Lois Pereiro, Alexandre Cancelo e mais eu fixémonos cen veces a mesma pregunta: que clase de Real Academia Galega lle dedicaría o Día das Letras Galegas a un poeta coma o de Monforte? Ningunha, claro, contestabámonos afoutos. Que soberbios. Vaia mantra de saldo o noso.
Parecía difícil que na casa da lingua se acordasen de Lois Pereiro. Publicou pouco, fardou menos e morreu axiña. Perdón pola crueza, pero deixou un cadáver perfecto. Foise con 38 anos e dous libros que mancan: Poemas 1981/1991 e Poesía de amor e enfermidade. O resto é póstumo, inacabado ou noso. A biografía prestábase. Convertémolo no reverso de todo o que hai. A falta de comité de empresa, lanzámolo contra a patronal da literatura. Desculpa, Lois.
Case mellor así, pensabamos. Deixádeo estar. Mentres as vosas sucias mans sigan nos petos, nós seguiremos sendo apóstolos na seita secreta de adoradores de Lois Pereiro. O poeta de Berlín. O único punk con galóns para estar no panteón laico dos galegos ilustres. A poética bisturí dos oitenta. O tráxico narcisista do cabalo e a colza. O enfermo. A ver como llelo explican aos cativos nas escolas.
Que equivocados estabamos. Había unha Real Academia Galega capaz de dedicarlle a Lois Pereiro o Día das Letras Galegas. Cando mo dixeron onte, fixen dúas cousas, por esta orde: lanzar a noticia no Twitter coma un pailán e acordarme dun mundo de xente. De Inés, de Xosé Manuel, de Pedro, de Raúl, de Geluca, da outra Inés, do pequeno Lois, de Piedad, de Saco, de Couso, de Amelia, de Pepa, de Suso, porque a biografía de Luisón está chea de xente. Só despois pensei nas Maribolheras Precarias: mellor descontroladas que institucionalizadas.
Tamén niso estabamos equivocados ao principio, supoño. Primeiro buscamos esa voz radical que nos lixara a mocidade toda dende un número solto de Luzes de Galiza que atopamos en Librouro. Despois pasamos do abraio á épica e intentamos reconstruír entre os cascallos o home atrás dos versos. Que idiotas. Coma se alguén puidese obrar semellante milagre. Coma se fose necesario. Coma se non abondasen xa as momias e os exorcistas neste país tan antigo.
Ao final acordamos. Decatámonos de que Lois Pereiro eran eles e elas. Os lectores, as amigas, os cómplices, os que se chaman coma el, todos os que perderon antes. Esa estirpe da fame e os grillóns que o poeta invocaba na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. Porque teñen dereito. Porque temos dereito. O ano que vén van ter que facer sitio no Día das Letras Galegas. A ver se cabemos todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario