Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 3 de xuño de 2010

Volve "Ben falado!"

Na Nosa Terra dan conta da volta do progrma Ben Falado cunha entrevista a Xesús Ferro Ruibal, membro da RAG e secretario do centro Ramón Piñeiro é o condutor do programa.
Curiosamente da redación da nova desaparece a palabra normalización. A carga ideolóxica do goberno penetra nos medios, lembremos que unha das teimas deste goberno é eliminar o discurso normalizador da lingua. Se falamos de normalización é que a situación da lingua galega non é normal. Se deixamos de falar diso, entón é que estamos presupoñendo prexuizosamente que si é normal.
Outro día falaremos do programa. Que ten os seus puntos positivos, os máis, e negativos.
Caramba coa Nosa Terra!. Velaquí a entrevista:


O microespazo sobre lingua e dinamización lingüística Ben Falado emitirá a súa nova tempada a partir do luns 7 de xuño ás 15h30 de luns a venres. Trátase da segunda entrega de 230 programas, continuación dos 250 que se emitiron entre o 2008 e o 2009.

Por que se deixou de emitir Ben falado?
Cando remataron os 250 programas o novo Goberno pediume que non parase pero fun eu quen pediu un descanso porque a miña cabeza non daba para máis. Somos un equipo moi pequeno os que facemos o programa, que aínda que na súa fase de emisión dura catro ou cinco minutos, ten moitas horas de traballo.

Teñen todos os programas gravados?
Temos algúns. Agora estamos en fase de despegue. O noso compromiso son 230 programas e imos facelos.
O formato seguirá sendo o mesmo?
Si. Serán programas de catro minutos monotemáticos. Como novidade imos introducir nun principio dúas seccións mensuais. Unha delas situará a lingua galega no contexto das linguas románicas para ver como evolucionaron as verbas do latín ao galego e coñecer como foi esa conversión noutras linguas romances. A outra sección nova, baixo o título Ecoloxía Lingüística Internacional, presentarase como un noticiario no que se darán a coñecer os acontecementos e procesos semellantes de normalización lingüística que se están facendo en todo o mundo para situar o esforzo de normalización lingüística do galego no contexto mundial.

Cal é o obxectivo do programa?
En realidade sempre foi a de dar unha pinga de mel e un pouco de luz na lingua. Hai momentos e situacións nos que a lingua necesita de actividades reivindicativas. Este programa pretende deixar unha sensación agradábel e máis claridade no espectador que nos ve. A través de entrevistas e reportaxes nas que amosamos o esforzo normalizador dun centro escolar ou unha empresa, nas que falamos con persoas que en universidades estranxeiras aprenden o galego e o falan con naturalidade, ou recollemos expresións da nosa fala, queremos que a xente se sinta mellor coa súa lingua. Porque como dicía Uxío Novoneyra, "a lingua é o único sitio onde os mortos seguen vivos". O galego é un patrimonio e nós queremos darlles visibilidade ás emocións relacionadas coa lingua da xente.

A volta de Ben falado á grella de programación da TVG foi a petición público?
É certo que hai unha demanda e que moita xente, cando se deixou de emitir o programa, me preguntou porque paraba. De feito no Facebook creouse un grupo de máis de 1.000 persoas que pedían o programa que, por certo, segue a emitirse nas canles internacionais da TVG e tamén en Correo TV.

O que está claro é que os seus programas son atemporais...
Os temas que tratamos teñen vixencia sempre porque, precisamente é a lingua a que tira por nós. De feito dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística enviáronse aos centros de ensino de toda Galiza e a universidades do estranxeiro unha selección de 80 capítulos de Ben Falado que me consta que se usan como material didáctico nas aulas para explicar moitos temas lingüísticos. Isto tamén quere dicir que o galego é un dos elementos máis vivos da nosa cultura.

Falaremos mellor vendo o seu programa?
Non o sei. Descoñezo se co programa a xente vai falar mellor ou vai ter maior interese polo galego. O que descubrín nas gravacións é que a xente das aldeas fálao moi ben e, aínda que non sexa consciente, ten unha maneira literaria de falar porque usa figuras estilísticas e ten unha vontade de estilo. Grazas á xente do rural o galego conserva unha gran riqueza léxica e fraseolóxica. Por iso lles teño moito respecto.

A televisión é un medio eficaz para educar?
Para educar e para deseducar. Agora ben, a Televisión de Galicia é unha das mellores cousas que lle aconteceu á lingua galega nos últimos 1.000 anos pola súa capacidade de difusión e por ter o noso idioma como un  feito diferencial. Conseguir que cousiñas tan pequenas como o Ben Falado se sigan diariamente nos cinco continentes ou se garden para usar cos alumnos de galego de todo o mundo é posíbel pola existencia da TVG.


Ningún comentario:

Publicar un comentario