por Susana de la Gala, en Galicia Hoxe
Esgótanse as verbas para cualificar a política lingüística que está a executar o presidente. Nin a dimisión dos cinco coordinadores das Equipas de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) provoca a de Anxo Lorenzo. Este sábese apoiado non só por Nuñez Feijóo senón tamén polo PP que dirixe Mariano Rajoy. Capítulo á parte merece este antipatriota. Porque non só non merece o título de galego senón tampouco o de español, que por lóxica é o que prefire. E o aspirante a sucedelo, ou ir collendo sitio para botalo fóra, ou acadar un ministerio -a todo aspira don Alberte- vén en cambio aplicando políticas que en Madrid están sendo cuestionadas dende que dona Espe as puxo en práctica. Como privatizar a sanidade pública sen ir máis lonxe.
Nuñez Feijóo lembra cada día máis a un señor feudal. E a Galiza semella xa o seu feudo particular. Non abonda con gastar os cartos en tempos de crise en facerlles aos pais e ás nais unha enquisa sobre que lingua prefiren para lles dar aulas ás súas crianzas. Nin ten en conta a ditame do Consello Consultivo verbo da presunta inconstitucionalidade desta. Goberna de costas ao pobo, como demostra o feito de que teima en facer o que todos os sectores do país critican con forza. E dedica o orzamento que debería investir na promoción dos intereses da Galiza en desbotar libros en galego para impartir materias da área científico tecnolóxica. Ademais, quérenos vender este atentado contra a nosa lingua como unha cuestión de cumprimento ao 100% do seu programa electoral. Se con 5.000 votos máis que o bipartito se considera lexitimado para gobernar sen negociar, que sería de nós se nas próximas autonómicas tivera 50.000 de vantaxe.
Existe a percepción de que este decreto do plurilingüismo durará pouco. Mais non porque os responsábeis desta desfeita vaian recuar, senón porque somos maioría os/as que pensamos que estes políticos nosos queren selo dos outros, dos/das que non somos nós. A Anxo Lorenzo quedaralle a Universidade, o concelleiro de Educación (!) tamén seguirá ese vieiro . O que non sabemos é que será de don Alberte se perde as próximas autonómicas, coa que se está a enlear no PPdeG, se don Mariano e dona Espe prescinden del. Hai políticos que fixeron o que está a facer el e despois foron despedidos con amábeis palabras porque xogaron a dúas bandas e ningunha delas pensaba promocionalos. Se alguén merece este trato, que non llo desexo a ninguén, é don Alberte. Sexa que perda na Galiza, sexa que o desboten os seus, máis dano dende logo non pode facer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario