Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
luns, 21 de xuño de 2010
O auto-odio
Hai quen nega que o auto-odio sexa un sentimento profundamente enraizado na sociedade galega, mesmo hai quen nega a súa existencia. Pero basta con botar unha ollada ao noso arredor para comprobarmos que a realidade, desafortunadamente, é moi outra, e así como un cacereño típico está moi orgulloso de selo, o galego estándar avergónzase da súa condición porque lle aprenderon a ser así.
Este feito, o do auto-odio, é probablemente o obstáculo máis grande que temos que salvar para non seguir retrocedendo no ámbito da normalización lingüística. Quen con máis lucidez explica este fenómeno é Francisco Rodríguez mentras que Valentina Formoso é a autora que nos indica o camiño polo que debe discorrer o discurso público, o do imaxinario colectivo para inverter a situación e comenzar a avanzar, por fin, nos chanzos da normalización e deixar de escorregar polo discurso do auto-odio.
Eu, como non teño formación en sociolingüística tampouco podo elaborar tratados sobre o auto-odio só podo contar o que vexo. Isto aconteceume o sábado pasado.
Joaquín é un home bo de natural, mais é un desgraciado. Basta con botarlle unha ollada para identificalo. Viste con roupa vella e sucia porque é o borrachiño oficial do barrio. Na entrada da panadería métese cun neno:
- Dasme un caramelo?.... Así, bonito, moitas gracias, bonitos… Mmmmmm está moi rico –dixo comendo a gominola.
Xa dentro do establecemento:
- Que vai ser Joaquín?
- Mira, dame un deses.
- O que?, un molete?
- Si, si.
- E como o queres, con pirucho ou sen pirucho? A ver, dime Joaquín.
- E canto custa?
- Un euro.
- E se é con pirucho?
- Tamén un euro. Valen o mesmo.
- Entón dame o pirucho e véndelle o molete a outro!
Todos rimos. O panadeiro dalle unha barriña pequena: “regálocha”, e Joaquín marcha agradecido cun soriso baixo o bigote, gardando o pan no peto da chaqueta.
O panadeiro fala con outra cliente:
- Este hace así simpre, no tiene mal. Ya ves, tiene mucha retranca…. Es muy gallego.
Por fin tócame a min o turno.
-E que vai ser, o de sempre? –pregúntame o panadeiro.
- Non, hoxe quero un molete…
Pénsoo un pouco e continúo:
- Pero que sexa con pirucho.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Alédome de verte no teu novo domicilio, pois, que mellor casa que unha carta que o abrangue todo!
ResponderEliminarE aproveito para dicirche que cando coma o corrosco do molete lembrareime de ti e de Joaquín!
Grazas por aturar este tostón.
ResponderEliminarE aproveito para che dicir que fas ben, eu vivo amargado, porque a cada bocado de pan lémbrome do panadeiro.