Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 5 de xuño de 2010

‘O xuíz é o que marca a pauta na lingua’

A Nosa Terra entrevista a Xoán X. Barreiro, xuiz, presidente da sala segunda da Audiencia de Pontevedra recibiu o recoñecemento de Galego Egrexio, por parte do xurado dos Premios da Crítica. Fundador da Irmandade Xurídica Galega, entidade formada por xuíces, fiscais, notarios e avogados que fomentan o uso do galego na xustiza, Xosé Xoán Barreiro (Foz, 1958), reivindica a importante produción de sentenzas e autos en galego dos últimos anos, 'paradoxicamente por riba de Euskadi e Cataluña'.

O premio que vén de recibir ten moito que ver co seu compromiso co galego na xustiza, un ámbito no que se avanza moi de vagar. Por que?
Neste campo interveñen moi diferentes elementos. Os funcionarios pertencen, na actualidade, á comunidade autónoma; nós ao Consello Xeral de Poder Xudicial; os fiscais ao Ministerio de Xustiza e todos estamos traballando cunha serie de profesións liberais, desde avogados a procuradores, notarios ou graduados sociais. Toda esa amalgama de funcionarios e esa procedencia diversa fai que ao mellor o galego non estea tan implantado como nunha area que só depende da Xunta de Galicia.
E cal é a actitude xeral respecto ao idioma de tan dispares procedencias?
Cando comezamos se non hostil si era bastante belixerante, no sentido de que todo o traballo noso era en columna dobre (para galego e castelán) e tiñamos que aturar as andrómenas de que o galego non tiña prestixio e precisión como o castelán. O da dobre columna superouse, aínda que hai que traducir textos porque van operar nun tribunal de fóra de Galicia. Co paso do tempo os prexuízos sobre a capacidade do idioma foron caendo e as dificultades son comúns ao castelán, que tamén ten que operar con terminoloxías como renting, leasing e tantas outras que ás veces permanecen no inglés orixinal.
Agora operan cun novo sistema informático?
Entrou en vigor o 4 de maio a lei da Nova Oficina Xudicial. Reformouse todo o sistema operativo. Se eses programas, que nos fornece a Xunta, arrincasen por defecto en galego sería como no SERGAS, onde os casilleiros a cubrir polos médicos xa poñen doente ou causa da lesión, e aínda que algúns os cubran en castelán, xa están indicando un camiño e familiarizándose cun léxico. Na xustiza non se fixo e sendo fornecido pola Xunta sería moi útil que ao prenderse cada mañá estivese en galego.
E cal é a actitude e a práctica co galego dos variados profesionais que interveñen.
É moi cambiante. Se o xuíz fala galego hai unha tendencia a adaptarse e en materia idiomática a súa actitude marca a pauta. Do que sucede na sala de vistas e as actitudes lingüísticas podía escribir moito. Hai acusados aos que lle resulta sospeitosa a miña actitude e pensan que busco unha complicidade para que cante o que non dixo á policía. O acusado sempre está á espreita, pero as testemuñas sexan particulares ou funcionarios policiais están relaxados e falan moito máis o galego. Nos avogados hai unha tendencia maior a falar galego pero, agás nos novos, está a eiva da escrita. A miña experiencia, con avogados e fiscais chegados de fóra, é que nunca tivemos problemas cos xuízos en galego e se alguén pide aclaracións fanse.
Desde cando emite sentenzas en galego?
Desde o ano 1984. Sempre presumo de que superamos ao País Vasco e Cataluña en sentenzas redactadas en galego. Aínda que vascos e cataláns contan desde hai moito tempo con apoio lingüístico-informático, nós gañámoslle e somos a comunidade autónoma con máis sentenzas, autos e providencias redactadas en galego. A explicación a este feito insólito é que en Cataluña e no País Vasco hai moitos xuíces de paso, pero en Galiza case todos os xuíces son galegos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario