Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 9 de xuño de 2010

Equilibrio no ensino

por Nel Vidal, do número 505 da edición en papel da Peneira:
Vía: CTNL
Se nunha das partes da balanza hai máis peso ca na outra, para intentar equilibrala non se pode incrementar en igual medida a carga de cada lado. Iso só fará estabilizar o desequilibrio.
Por iso é de xustiza social a normalización lingüística, que o goberno da Xunta fai desaparecer, implícita e explicitamente, no que chamaron decreto do plurilingüismo. Lonxe de procurar novos ámbitos de uso, obriga, impón, sen ningún motivo pedagóxico nin sociolingüístico, que o profesorado teña que abandonar o uso do galego en determinados espazos e retiralo das súas clases, libros, exercicios e exames. Disque, por tradición, as matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía obrigatoriamente en castelán...
E, como acadarán as rapazas e os rapaces competencia lingüística en galego sen teren que usalo? Pódese aprender un idioma sen practicalo? Pódese aprender a montar en bici cun manual de instrucións, e sen bici?
Dá igual que non aprendan. Xa anunciaron que, aínda que non se cumpra o obxectivo primordial de acadar plena competencia en galego, o decreto non se mudará. Iso si que é planificación! Xa teñen planificado o que vai pasar, que é, pase o que pase, non mudar o seu unilateral decreto. Porque o importante é manter o equilibrio no ensino. Porque o importante é manter o desequilibrio na sociedade.
E se tamén queren equilibrio na TVG?
Éche o que ten a súa Galicia Bilingüe.
Éche o que ten a súa Liberdade Lingüística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario