por Pilar García Negro, política e sociolingüista, no Xornal de Galicia
Alguén, por decreto (sen dúbida contaxiado pola moda decretal imperante), decidiu eliminar o verbo “cerrar” do vocabulario galego, supresión que leva a xeneralizar o verbo “pechar” (moito menos, “fechar”, porque é reo –horríbel pecado!– de coincidir co portugués) para todo uso. Rin os meus alumnos cando á pergunta de “Pilar, pecho? [a porta da aula]”, eu respondo, alarmada, que de nengunha maneira, pois a ver como sairíamos dela se non temos chave para despechar…: abrir/cerrar; pechar/despechar. Non son sinónimos ambos verbos: cerrarei a porta coa man; pechareina con chave, pechadura ou calquer outro mecanismo que se utilizar. Por suposto, a partir destas significacións iniciais, os dous verbos adquiren e desenvolven outros moitos sentidos: cerrar un trato, pechar os ollos, a zarra (= chousa), noite pecha… e tantos máis. Ora, o que non é admisíbel nen decoroso é proceder a eliminar, cal aprendiz de bruxo, conceitos e termos que proveñen dunha vontade colectiva e dunha sanción social, a que orixinou e arrequeceu a propria lingua, en definitiva…
Algo semellante acontece coa eliminación, igualmente decretal, do verbo “desfrutar” ou do seu substantivo deverbativo “desfrute”, equivalente a “usufruto” por parte dos seus utentes ou “usufrutuarios”. Líbrenos Deus de pensarmos que tal eliminación ten algo a ver co que estes termos coincidan co estándar portugués, porque, se así fose, e comezasen unha razzia exterminadora de todos os termos galegos coincidentes co idioma do Estado meridional, o galego resultante había ser, abofé, ben escuálido ou anoréxico: figúrense que lles dese aos fiscais da lingua por suprimiren porta, roda, terra, eu, nós, vós, elas, eles, casa… e tantos miles máis… Mais dáse a circunstancia de que o verbo mencionado pasou ao rinche, como diciamos na miña infancia luguesa cando perdiamos un xogo, e foi substituído inclementemente por “gozar”. ¿Como van ser o mesmo?! Eu, ou calquera, desfrutarei de certas avantaxes na concesión dun empréstimo bancario, por exemplo, mais ¿¡como vou “gozar” con elas?! Esixirei desfrutar de iguais condicións no acceso a tal ou cal asunto; que “goce” ou non será cousa miña, non sendo que, en tantos casos, “gozar” se afilie ao masoquismo…
Todo isto vén a conto da infausta noticia que lin neste xornal hai xa dúas semanas: o Panteón de Galegos Ilustres pechado (aquí, ben) indefinidamente. Incribelmente, San Domingos de Bonaval, por sentenza xudicial, pasa de novo, despois de século e medio, ás mans da Igrexa. É ben simbólico, negativamente, que o ano en que se cumpren 125 do falecemento de Rosalía de Castro e 60 do de Castelao, unha e outro, cuxos restos mortais se encontran neste lugar, fiquen cerrados, pechados e re-mortos para a memoria e a homenaxe de nós, os seus descendentes. Que sarcasmo! Sintomático que tal se produza cando graves ofensas se están a inflixir á lingua e á cultura que ambos esplendidamente serviron.
Así que, amigas-amigos, a pechar e a gozar! A pechar inmisericordemente portas de acceso á nosa historia e a gozar da ignorancia, direito maior que se nos concede!
Ningún comentario:
Publicar un comentario