De Vieiros:
A Irmandade Xurídica Galega celebra esta fin de semana en Lugo un seminario para contribuír á formación dos profesionais da Xustiza que desexen traballar na nosa lingua.
Da web da Iramandade Xurídica Galega: O obxectivo xeral deste Seminario é contribuír á formación teórica e práctica de todos os operadores xurídicos que desexen manexarse e desenvolver o seu traballo cotiá en lingua galega. Pretende ofrecer desde unha perspectiva multidisciplinar as características deste traballo, os fundamentos legais e as ferramentas técnicas existentes que os poden facilitar, a posta en común das experiencias xa existentes e afortalar os vínculos entre as persoas que xa os practican, todo con vistas a facer os esforzos individuais neste eido máis eficientes, co obxectivo último de visualizar plenamente a lingua galega na Xustiza, desde todas as perspectivas.
O xenio creador do pobo galego foi quen de se dotar de formas propias para organizarse socialmente. O dereito consuetudinario, que regulou durante séculos aspectos tan diversos como a propiedade, dereitos reais, montes en man común, etc.. foron normas non escritas que segundo dicía o dereito positivo “en defecto de lei, aplicarase o dereito consuetudinario”. Efectivamente, así foi durante moitos anos. Coa promulgación do Estatuto de Autonomía o Parlamento de Galicia promulgou a Lei de Dereito Civil Galego, convertendo o costume en Dereito positivo.
A reivindicación dese Dereito propio de Galicia fíxose sempre en lingua galega. As quendas das regas, os muiños de herdeiros, os morgados… e outras institucións reguladoras da actividade social, instrumentos fundamentais na vida dos galegos, foron sempre invocados na nosa lingua. De aí que o Dereito e a lingua foran sempre da man. Velai porque Galicia tivo unha tradición xurídica propia, que se manifestou mediante unha antropoloxía cultural que a literatura popular e a cultura recolleron e recrearon.
Galicia foi terra de xuristas que exerceron a súa actividade profesional rentes da realidade cultural e lingüística do País. A Irmandade Xurídica Galega quere recuperar o fío desa tradición xurídica para devolverlle a súa función a indiosincrasia do seu contexto social. Eís, porque está a propiciar encontros, seminarios e outras actividades que espallen ese espírito de galeguidade que debe volver aos despachos dos profesionais do Dereito como unha maneira de prestaren os seus servizos, consonte co que dispoñen as leis e demais normas reguladoras do uso da nosa lingua nas instancias xudiciais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario