Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 3 de xuño de 2010

Un millón de mentiras

A Xunta vai gastar un millón de euros contra o galego. E para máis inri, tal e como informa Galicia Hoxe, o organismo autonómico considera que o millón de euros destinado a darlle publicidade ao Decreto do Plurilingüismo servirá para fomentar o galego.
Para explicar en que vai consistir a campaña basta con ir á nosa páxina favorita: á da secretaría xeral de política lingüística (SXPL). Alí xa colgaron o que nós supoñemos que van ser as mentiras directrices da campaña.
Primeira mentira: A Lei de normalización lingüística establece que a primeira ensinanza deberá impartirse na lingua do alumnado. Xa que logo, cando o idioma maioritario da aula sexa o galego, en educación infantil as clases impartiranse nesta lingua.
Invócase a Lei de normalización lingüística a pesar de que se incumpre e que o decreto vai en contra do seu espíritu ata tal punto que se elimina calquera referencia á normalización.
O que non se di no parágrafo anteriormente citado é en que consiste o método para elixir a lingua para impartir o primeiro ensino. Segundo o decreto do 2007 había que ter en conta os estudos sociolingüísticos, e no caso de entornos castelán-falantes había a obriga expresa de uso do galego. Neste decreto elimínase a presenza do galego destes entornos, e redúcese no resto pois determinarase a lingua segundo consulta ilegal, ou no mellor dos casos paralegal,  aos pais.
Segunda mentira: No resto das etapas, [excepto infantil] o galego deberá ter unha presenza horaria semellante á do castelán
Segundo o decreto do 2007 o galego debería usarse polo menos no 50% das clases. Segundo un estudo publicado polo Consello da Cultura Galega, con este decreto en vigor, o uso do galego no ensino non universitario era de aproximadamente o 35%. O novo decreto reduce aínda máis esta porcentaxe ao establecer aulas en castelán en materias que se viñan impartindo en galego, cando en ningún caso hai un cambio no sentido contrario.
Terceira mentira: En primaria, por ser unha área que permite adquirir un léxico variado de uso corrente e que esixe do alumnado unha importante capacidade de desenvolvemento textual á hora de facer exercicios e exames, estableceuse a materia de Coñecemento do medio natural, social e cultural. Esta materia presenta, ademais, a vantaxe de incluír contidos propios das ciencias e contidos propios das humanidades. En secundaria obrigatoria, as materias fixadas veñen corresponderse co que na etapa anterior abranguía Coñecemento: Ciencias sociais, xeografía e historia; Ciencias da natureza e Bioloxía e xeoloxía.
Non se di que o decreto obriga en primaria a impartir en castelán a materia de matemáticas, que ata o momento, tiña que ser en galego, e que ademais é unha materia que goza de gran prestixio social e que se identifica co coñecemento científico, que é básica para o desenvolvemento das novas tecnoloxías. Non parece ésta unha medida de fomento do uso do galego. Na educación secundaria sucede outro tanto do mesmo: deben imparitrse en castelán matemáticas, tecnoloxía e física e química. Segundo o decreto do 2007 estas materias impartiríase ben obrigatoriamente, ben en maior medida en galego. Outra vez a pretendida medida de fomento do galego é xusto ao contrario, unha medida de redución de uso da lingua minorizada.
Cuarta mentira: O Decreto para o plurilingüismo establece que deberá procurarse que o alumnado utilice o galego nas materias que se impartan nesta lingua. Tamén os libros de texto e restantes materiais deberán estar en galego.
Non se di que tamén deberá procurarse que o alumnado utilice o castelán nas materias que se impartan nesta lingua. Tamén os libros de texto e restantes materiais deberán estar en galego. Cómpre sinalar que actualmente hai moitos casos de materias que teñe libros de texto en castelán porque non o hai en galego o cal indica que o que hai que fomentar é a edición e o uso de libros en galego, lingua, na que por outra parte, só hai un 5% de lectores habituais.
Non se di que, xusto o parágrafo que estamos comentando como cuarta mentira, acaba así: o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Así que esa procura é inútil, sobre todo no caso de contextos castelán-falantes, onde o galego en virtude desta terrible disposición vai ficar desaparecido. Por non falar do desprezo que supón ao profesorado. U-la a tan anunciada autoridade do profesor?
Quinta mentira: Para asegurar a promoción da lingua galega nos centros de ensino, o Decreto de plurilingüismo dispón que se establecerá un programa regular de actividades de fomento do galego, con especial atención ao incremento do seu uso nas actividades extraescolares e complementarias.
No deseño e posta en práctica deste programa terá un papel determinante o equipo de dinamización da lingua galega
A existencia dos equipos de normalización lingüística non é un invento deste decreto de  plurilingüismo, vén xa da Lei de Normalización do ano 1983. Suprimilos é imposible. O que non se conta é que lle cambian o nome e que os equipos de normalización pasan a ser de dinamización. O cambio da denominación, está claro, é ideolóxico. A idea manipuladora subxacente é que o uso social da lingua galega é normal, polo tanto non hai nada que normalizar.
Lembremos que neste curso houbo unha redución do 20% para os equipos de normalización, cun gasto final total de 800.000€. No entanto vaise gastar 1.000.000 € en facer propaganda fundamentada nestas mentiras, dun decreto que, como vemos, reduce, elimina, pon trabas ao uso do galego no ensino, e ademais vai crear múltiples problemas nos centros educativos a partir do curso vindeiro.
Sexta mentira: Para que sexa posible a docencia e, en xeral, a vida dos centros en galego, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desenvolverá un plan de formación lingüística e sociolingüística dirixido tanto ao persoal dos centros educativos coma ao dos servizos de apoio. Tamén se impartirá formación específica para o profesorado funcionario en prácticas que se incorpora ao sistema educativo galego despois de cada oposición.
Todo isto xa o había no anterior decreto. Xa que logo, non se pode citar como virtude exclusiva do actual. Mais si podemos lembrar que neste curso.
 Resumo:
•A educación infantil impartirase en castelán na maioría das aulas en contra de leis vixentes tales como a de normalización ou da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, e en contra do establecido no Plan Xeral de Normalización. Idem para os niveis de primaria e secundaria
•No resto das etapas educativas, o castelán terá unha presenza horaria abrumadoramente maioritaria pois se co decreto do 2007 só o 35% de aulas eran en galego, con este que establece unha importante redución, o que se conseguirá é un aumento significavo das horas en español.
•O decreto fixa o castelán como lingua vehicular das materias de matemáticas, en primaria, e matemáticas, tecnoloxía e física e química en secundaria obrigatoria.
•Nas materias impartidas en castelán, os materiais didácticos estarán redactados nesta lingua e procurarase que o alumnado utilice o castelán nas súas expresións orais e escritas. Ademais está expresamente recollido o dereito a que o alumno utilice a lingua que lle pete nun contexto de gravísima perda de falantes en galego, sobre todo entre a poboación máis nova.
•Redúcense e póñenselle trabas ás  actividades de fomento do galego.
•Con clara intencións ideolóxicas subtitúese o termo normalización polo de dinamazación.
•A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Xunta gastarán 1.000.000 € do fomento do uso do galego nunha propaganda que vai na súa contra.



Ningún comentario:

Publicar un comentario