A Consellería de Educación vai ser a primeira en incumprir o funesto decreto de plurirlingüismo, o decreto 79/2010, e non tarda moito, só hai 13 días entre a publicación deste e a a orde que paso a comentar.
Hoxe, como comenza o verán para a xentes do ensino coma min, decidín coller un feixe de DOG e púxenme a ler. Non llo recomendo a ninguén, mais aínda que pensedes o contrario, algunha vez pode resultar gratificante, incluso divertido. O resultado foi que atopei a seguinte Orde do 2 de xuño de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Un dos dous requisitos para que o texto editado sexa subencionable pola Consellería de Educación:
Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente […]. Malia o anterior, admitiranse proxectos trimestralizados de primaria en que cando menos o 60% da proposta se realice en lingua galega e en que as materias de obrigada impartición en galego, segundo o Decreto 79/2010, do 20 de maio, estean en galego,
Concreto. Unha editorial pode elaborar un texto que conteña, poñamos por caso, un 60% en galego tratando as unidades de Coñecemento do Medio, e un 40% do seu contido en castelán da materia de Plástica. Non sería raro que nun centro no que figurara a plástica como materia a impartir en galego, escolleran este material como libro de texto, e aínda poderían argumentar que a elección está máis que xustificada por ser un libro coas características idóneas para que a subvencionaran con fondos destinados á edición de materiais didácticos en galego!.
E digo eu: se a Consellería de Educación promove e promociona que se editen textos en castelán para meterias que, vía o decreto 79/2010 terían que se impartir obrigatoriamente en galego, cal será o problema para que un profesor de matemáticas, que segundo ese mesmo decreto debería impartir a materia en castelán, o faga en galego? Ningún, o máis probable é que a Consellería de Educación o subvencione nunha vindeira orde.
Vou seguir a recomendación da Consellería de Educación. Por se cae algo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario