Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 1 de xullo de 2010

O saco

Cando acaba o curso adícome nos primeiros días a outras ocupacións que procuro non adiar máis. Transplanto xeranios. Algunhas veces non teño esterco bastante e teño que procurar un saco de cagallas de galiñas nunha granxa de pitos. Segundo Bragado isto é o que fixo o PP nas últimas eleccións galegas. A nova vén dun artigo de Galicia Hoxe no que relatan o sucedido  nunha mesa redonda no Consello da Cultura Galega (CCG): o deputado popular Agustín Baamonde comentou que "O tema da lingua non era nun principio un obxectivo fundamental. Pero a aparición de colectivos como Galicia Bilingüe, de clases urbanas que expresaban a súa frustración co decreto do bipartito, xerou un caldo de cultivo que preocupou ós estrategas do PP. Feijoo contaba con gañar, pero por unha marxe axustada. E a aparición de Galicia Bilingüe, e de UPyD, fixo temer que podía haber aí unha bolsa de votos que podía afectar ó último deputado que resolvería o mapa electoral. Por iso o PP introduciu o tema da lingua dun xeito claro, e formulou dúas promesas: derrogar o decreto e consultar os pais. Tras gañar as eleccións, tivo que cumprir as promesas".
Segundo a miña opinión, este deputado, ou ben minte, ou anda algo despistado. Ao PP o tema da lingua non lle interesa demasiado, os seus intereses son de carácter político e ideolóxico. O que sucede e que a estratexia na que anda metido pode darlle bos réditos políticos e electorais. En primeiro lugar trátase de diminuir o poder do sector galeguista do PP, é a loita máis importante e a única que lles pode facer variar a dirección da súa estratexia. En segundo lugar, adoptado unha actitude radical en contra da lingua galega, están forzando as loitas internas dentro do PSdeG. No caso de que este partido se achegara algo ás súas teses terían unha batalla ganada: o isolamento dos nacionalistas. No caso de que o PSdeG se manteña firme en contra da política lingüística do PP, agardan recoller un saco dos descontentos deste partido.
O que si teño moi claro é que a promesa de derrogación do decreto e consulta aos pais non tiña por que cumprirse. As promesas electorais, todos sabemos o que son, e o normal é que non se fagan realidade. Ou é que o PP prometeu aumentar en educación a ratio profesor/alumno?, ou é que prometeu desmantelar todo o sistema público de atención á terceira idade para que tivésemos que pagalo? ou é que prometeu  destrozar o sector cultural galego?. Se están a facer unha política completamente lingüicida é porque o tema da lingua non lles interesa nada, e porque hai uns obxectivos ideolóxico-políticos que teñen en máis alta consideración e que pretenden acadar a costa de reducir, aínda máis, a presencia do galego na nosa sociedade.
Ou non?, como diría o outro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario