Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 29 de xullo de 2010

As verdades de Ferrín contra as mentiras de Anxo Lorenzo

Hoxe foi a clausura do XXIII Curso de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e Españois de fóra de Galicia. No curso participaron máis de 80 estudantes procedentes de 27 países de todo o mundo. No acto estiveron presentes Anxo Lorenzo, secretario xeral de política lingüística, e Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG. Anxo Lorenzo declarou que a aprendizaxe de galego "fóra das fronteiras administrativas de Galicia é unha realidade consolidada", que "contribúe á difusión exterior" do idioma e cuxos alumnos se converten "en embaixadores" da cultura e achegan "prestixio" ao idioma propio.

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, referiuse aos actos do Día Nacional de Galicia do pasado 25 de xullo como a evidencia da "contradición" de ver "o catolicismo unido ao Estado español no Día da Patria Galega, que nada tiña que ver co Rei de España. "Viñan pasar uns días nun país en contradición, comprobaron que a contradición é consigo mesmo", dixo Ferrín. Por iso, comparou a participación de estudantes de diferentes países e o seu contacto co idioma con aqueles "galegos que se avergoñaron da lingua".

Anxo Lorenzo afirmou que "en Galicia hai moitas formas diferentes de entender a lingua propia, o galego, de entender e practicar a outra lingua cooficial, o castelán, e tamén hai moitas diferentes formas de entender a nación ou a nacionalidade e iso conforma a nosa identidade", polo que ve "importante" que os poderes públicos cumpran con "o deber" de promocionar e defender a lingua propia de Galicia, cuxa difusión permitirá situala "ao mesmo nivel" que os idiomas doutros países de referencia internacional.

Ferrín indicou que "ese auto odio propio dos pobos colonizados, é aquilo que nós temos que arrincar do noso corpo social para ser libres, para ser plenos e para ser donos de nós mesmos colectivamente",

A web da SXPL destaca que amais das clases teóricas e prácticas de lingua galega, os cursos inclúen conferencias impartidas por escritores e por persoas de recoñecido prestixio en distintos aspectos da realidade sociocultural de Galicia e mais excursións e visitas a lugares de principal interese cultural e paisaxístico.

Ferrín situou a lingua como "un fenómeno colectivo", construído polo home e "expresión" da "nación galega". "Esa nación galega está en conflito, hai persoas que queren que Galicia se siga chamando nacionalidade histórica", dixo, tras lamentar que "neste momento así suceden as cousas".

Fontes: Xornal de Galicia, SXPL

Ningún comentario:

Publicar un comentario