Saco un anaquiño da entrevista que Manuel Vidal Villaverde lle fai a Ánxeles Penas, quen acaba de publicar o seu primeiro poemario en galego. Para ver a entrevista completa xornal Galicia Hoxe, premer na ligazón.
Cal é o teu nexo ou sentimento coa nosa nación, cales as túas emocións e posíbeis amarguexos?
Nin eu, nin a miña poesía podemos prescindir do sentimento da terra; é algo que vai nas raíces, algo moito máis fondo ca unha loita política, algo que non se pode desarraigar. Somos galegos "de nación", é dicir, de nacemento, pero dende o século XVI veu a confusión de nación con Estado. O que se mama da nai, iso é o que nos alimenta, o que configura o noso ser; pode que, ás veces, o leite sexa un pouco agre, pero aínda así non deixa de ser leite. Ás veces, eu choro porque desaparezan as carballeiras, porque desaparezan os oficios, porque se perda a memoria e porque barbaries de ecuménico signo destrúan o que custou tantos séculos erguer.
A consideración de Galicia como unha nación dona dos seus destinos, independente, solidaria, socialista e internacionalista, é unha utopía ou un soño imposíbel?
Eu non entendo moito destas cousas, pero penso que hoxe os pobos minoritarios só poden sobrevivir, se se lles declara patrimonio da humanidade ou especie protexida e, por suposto, hai que refugar como sexa o intento uniformizador da globalización. A natureza ten millóns de especies ¿por que non pode ter millóns de pobos? O problema, penso, xa non é independizarse de España, senón que os galegos se sintan orgullosos de selo e defendan o que son, non contra ninguén, senón contra o autoodio. O peor inimigo sempre está na casa.
A eliminación do Decreto de Normalización Lingüística, por certo ben de mínimos para impoñer ese –para min disparate– que atenta contra o noso idioma e nos perpetúa na perversidade da diglosia, en mans de lingüicidas e galegófobos; ao teu ver, cal debe ser a resposta a este despropósito?
Pois a min tamén me semella un disparate nun país que está a perder falantes a diario. O español non precisa protección, porque o falan moitos millóns de persoas e, xa non digamos nada, da colonización do inglés. A resposta é amalo, falalo e atraer novos falantes, o que xa está a suceder en moitos lugares do mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario