Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 26 de xullo de 2010

O Panteón de Bonaval

por Xosé Antonio Perozo, na Nosa Terra:
A manifestación cívica para reivindicar a laicidade e apertura permanente do Panteón de Galegos Ilustres da igrexa de San Domingos de Bonaval foi un acerto. Pero, desgraciadamente, un éxito máis, reivindicativo, que topará co silencio da institución relixiosa e a estéril boa vontade da Consellería de Cultura, que correrá co mantemento das instalacións.

O proceso de recuperación por parte da Igrexa católica deste templo volve ser unha mostra máis do gran poder eclesiástico no Estado español e da inadmisible voracidade material da curia, da dobre moral coa que predican a pobreza e acaparan riquezas improdutivas. O templo, o mosteiro, o cemiterio e as hortas permaneceron en abandono e decadencia ata que o poder civil tomou a decisión de asumir a súa recuperación, rehabilitación e posta en servizo, xa que se trataba dun edificio exclaustrado. Só unha vez salvado da ruína, a Igrexa decidiu reivindicar a propiedade. Para que? Para que, como tantos templos, permaneza pechado, sen utilidade e consumindo subvencións públicas para a súa conservación.
Teño a certeza de que se a Igrexa católica pagase os mesmos impostos con que todos contribuímos ós concellos polas nosas propiedades, semellante voracidade posesiva decaería. Sería unha boa solución para que revertesen á sociedade esas propiedades, produto de 500 anos de monopolio relixioso, ou para que moitas delas pasasen a usos produtivos como museos, centros culturais, instalacións hostaleiras... que mesmo axudarían ó mantemento da Igrexa, sen recorrer ó erario público e ós impostos de crentes e non crentes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario