Ian Wright, a estrela de Discovery Channel seguramente será o presentador do documental sobre Compostela, o Xacobeo e algúns dos atractivos turísticos de Galiciaque que está a preparar esta canle televisiva. O programa está subvencionado pola Secretaría Xeral de Turismo, é de prever que se verá o Camiño de Santiago, a Catedral, tamén aparecerán percebes, supoño que vistas das rías,.... Mais de seguro que no documental non aparece a lingua galega, nin Rosalía, nin Castelao, nin a Cultura con maiúsculas. Por que sei isto? Basta con ler a información que nos dá hoxe El Correo Gallego: os anfitrións do documental serán Gerardo Conde Roa (cabeza de lista do PP de Santiago) e Carmen Pardo (secretaria xeral de Turismo). Se quixeran unha recomendación eu substituiríaos por alguén con máis predicamento fóra e dentro das nosas fronteiras como o actor Luís Tosar, ou mesmo por Farruco, vamos, persoas que quedan ben diante das cámaras e que non están postas a dedo pola Secretaría Xeral de Turismo, que é quen subvenciona a produción do programa. Curiosa forma a de aparecer diante das cámaras a de Carmen Pardo, ela desvía os cartos públicos cara Discovery Channel a cambio duns segundos dun documental de distribución internacional.
Como vén sucedendo nos últimos tempos, o caso ten o seu punto de escarnio. Ademais dos mariscos e do cocido de Lalín, no documental non veremos o botafumeiro percorrendo nunha curiosa curva os espazos da Catedral de Santiago, en troca aparecerá o cantante Tito Losada nunha misa flamenca na compostelana igrexa de San Francisco. O socialista Fernández Leiceaga xa se queixou diante da mesa do Parlamento, se non lle fan caso, a idea de Galicia que se transmitirá ao mundo, a idea de Galicia de Carmen Pardo, será a que aparece neste vídeo, un Xacobeo por bulerías.
E a lingua ficará fóra de toda referencia á cultura galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario