por Miguel Anxo Fernán Vello, escritor, no Galicia Hoxe:
Xa vén resultando un tópico para algúns pregoar aos catro ventos que a literatura galega está subvencionada e que os editores maman igualmente do teto das subvencións. Como diría o presidente da Academia, estamos diante dun "mito urbano", pois isto que se afirma de xeito tan frívolo é absolutamente falso. Na actualidade, como ben lembra Xosé Luís Méndez Ferrín, a Xunta de Galicia non concede premios nacionais de literatura nin promove ningunha clase de subvencións nin de axudas aos escritores en lingua galega: "a nosa -di o autor de Con pólvora e magnolias- non é unha literatura subvencionada senón unha literatura subalterna e minorizada". E así de claro é. A literatura galega existe por ela mesma, contra os accidentes da historia e a pesar de todos os atrancos vividos, primeiro porque ten unha riquísima tradición -vexamos aí, por exemplo, a poesía galega medieval: unha das xoias da humanidade (Octavio Paz)- e, en segundo lugar, porque existen escritores e escritoras -un auténtico río de fertilidade- que, conscientes da realidade do noso idioma e da nosa cultura, apostan por unha creación literaria galega moderna, aberta ao país e aberta ao mundo, universal. Se algún dos poetas ou escritores actuais monolingües en galego optase por escribir directamente a súa obra en castelán, o seu éxito, sen dúbida, sería moi superior, pois é ben certo que no caso da poesía, por exemplo -así o sabe ver un Gamoneda ou un Gimferrer-, mostras hai da fábrica lírica galega que están entre o mellor non só da península ibérica senón tamén, índomos máis alá, do espazo europeo actual no seu conxunto. En xeral, os escritores e os editores galegos, tantas veces acusados de viviren do conto ou da Administración, son auténticos produtores literarios e culturais que levan a cabo serios esforzos, nunca ben recompensados, para culminaren o seu traballo e sobreviviren. A literatura galega non está subvencionada. En absoluto. E a edición galega tampouco. No país das falsidades a imaxinación produce deformados monstros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario