Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 24 de xullo de 2010

Que pasará se a RAG perde o decreto?

A Mesa, Queremos Galego, CIG-Ensino, FETE-UGT, a RAG e posiblemente ENCIGA sexan os seis organismos que presenten un recurso contra o decreto de plurilingüismo. A nova de hoxe é que o fixo a RAG, e Xosé Luis Barreiro reflexiona, como sempre, con moito fundamento, sobre o tema. Eu non o vou volver a poñer aquí por unha razón de peso. Os artigos de Barreiro son excelentes e dá gusto lelos aínda que un non estea algunhas veces de acordo con todo o que di. Barreiro ten os pés na terra, acórdase de quen é, e por esta razón fala moitas veces das súas orixes en Forcarei. Barreiro ten ademais unha formación que hoxe non se estila, e por esta razón escolle en moitas ocasións esas frases en latín para nos explicar os avatares da política, e ese latín soa máis moderno que os anglicismos que usan outros. Barreiro é unha voz necesaria e lúcida, e sempre foi un defensor da nosa lingua. Porén hai unha cousa que non entendo e que tampouco lle podo perdoar a Barreiro, que escriba en español, por iso non vou poñer aquí o seu artigo.
Segundo o que comenta Xosé Luís Barreiro o fundamental non é que a RAG gañe ou perda o recurso ao decreto, a loita fundamental contra o mesmo é política. A RAG continuará sendo o que é independentemente do resultado do recurso, no entanto a RAG é agora máis nosa, é máis merecente do noso respecto e recoñecemento. Eu tamén conclúo que se o recurso vai adiante os máximos responsables do decreto deben demitir, isto é Anxo Lorenzo, Jesús Vázquez e Feijóo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario