por Marcos Maceira Eiras, en Terra e Tempo:
O anormal é que ningunha institución faga nada por lembrar a unha das figuras máis senlleiras da nosa cultura
A piques de se cumpriren os 125 anos do pasamento da nosa Rosalía, chegábanos a nova da expropriación por parte da Igrexa e con escuros cómplices, do Panteón de Galegos Ilustres. A reacción por parte do goberno de Galiza a estes dous acontecementos foi, por unha banda, obviar o aniversario da nosa poeta máis representativa e pola outra, tentar salvar a posición da igrexa católica camuflando o expolio do Panteón a través dun convenio que autoriza a súa apertura, mais que só permite a celebración de actos previo nihil obstat da Santa Inquisición.
Demostrouse máis unha vez o alto grao de anormalidade que se vive no noso país. Os únicos actos de homenaxe á fundadora da nosa literatura contemporánea, tiveron que ir por conta dun amplo movemento popular con máis de 200 colectivos baixo a organización da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
O anormal é que ningunha institución faga nada por lembrar a unha das figuras máis senlleiras da nosa cultura, aínda que só for por recoñecer o contributo á toma de conciencia do pobo galego de si mesmo, sen a cal non habería hoxe institucións que puideran adoptar o nome de galegas.
Que Rosalía os incomode non só é normal, é tamén a demostración empírica de que Rosalía non é esa choromiqueira que nos queren vender, e do seu grande nivel de compromiso intelectual, que por selo resulta incómodo aos poderosos de sempre. Mais facer ocultación dela é tan obsceno que ningún país do mundo sería capaz de facelo cos seus persoeiros máis destacados, e menos co descaro que mostra a Xunta de Galiza no caso de Rosalía.
É anormal o grao de provincianismo cosmopaleto do goberno do noso país, que teima en agochar por todos os medios a súa galeguidade, única razón pola que existe, e de todo aquelo que producido pola nosa existencia como nación.
O acto Rosaliano celebrado en Santiago, reproducindo o traslado dos restos da Poeta nacional desde Adina a San Domingos de Bonaval, é con todo, unha mostra de que somos moitas e moitos quen estamos dispostos a romper coa anormalidade, a non permitir que o anormal siga a ser o normal no noso país. Alí estivemos con Rosalía, volveremos a estar con ela e con Castelao o 24 de xullo na homenaxe de Galiza Nova, e volveremos á Quintana para dicir ben alto que queremos ter unha nación normal: soberana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario