Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 28 de xullo de 2010

Ciencia galega e ciencia en galego

Como se fala de ciencia, do CERN, quixen acompañar o artigo de Eduardo García Parada, en Terra e Tempo dun vídeo da campaña da UDC "En galego tamén se fai ciencia":
En galego tamén nos dan as contas
Tanto o Conselleiro de Educación como Anxo Lorenzo téñennos dado sobradas mostras do que opinan sobre o galego. Unha das súas máis importantes aportacións é que o galego non vale para as materias científico-tecnolóxicas, e iso deben sabelo os nenos e nenas desde pequenos, aprendelo xa na escola. O galego vale para a poesía, para comunicarse cos aldeáns e nas feiras, para as festas folclóricas (ciencias sociais), e para describir a paisaxe e para falarlle ás vacas (ciencias da natureza). Pero non para a tecnoloxía ou a informática, cousas modernas, e moito menos para as chamadas ciencias duras como as matemáticas ou a física, que de toda a vida se desenvolveron e avanzaron grazas ao castelán e á histórica contribución do estado español ("Viva España!", como argumenta Manuel Fraga) ao coñecemento ("Que inventen otros", máxima do pensamento español).
O Secretario Xeral de Política Lingüística di que o das ciencias en castelán é unha cuestión de tradición. Non querería dicir de traizón? Porque disto último si que sabe. Non cabe dúbida de que se por algo pasa á historia -á historia negra do noso país- será por traidor e renegado.
Xa o dixo hai máis dun ano o presidente da Confederación Gallega de Asociacións de Padres de Alumnos de Colegios Privados (Congapa), José Ramón Hermida Iglesias, que reclamaba a utilización do "sentido común", porque materias como "Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego". Engadindo, para rematala que "no se puede retroceder". Querería dicir que hai que dalas en castelán? Ignorancia, prexuízos ou razóns puramente políticas de acoso e derrubo da nosa dignidade como pobo? Será este señor un dos ideólogos -xunto co "filólogo" Andrés Freire, creador do famoso informe das FAES sobre o galego- da política lingüística do goberno Feixóo?
Tal vez se refería -adiantado ao seu tempo- que había que impartilas directamente nalgún deses idiomas nos que se fan as "nomenclaturas internacionales". Isto xa é outro falar, e tería -ao meu entender- algo máis de sentido. Sacar o idioma estranxeiro do seu cinguimento na escola á aula de idioma estranxeiro e darlle un aquel cotián coido que é unha experiencia didáctica que merece a marxe da proba para ver os resultados. Claro que tamén aquí as luces que nos alumean desde a Consellaría de Educación interveñen para enfastiar a innovación. Para empezar, vaise dar a situación de que en Galiza non se pode impartir a Física e Química en galego pero si en inglés ou francés (e en portugués?). Iso si, o cidadán ceibe que é o alumnado pode logo responderlle ao profesorado ou contestar o exame en castelán. Imaxinamos unha aula de inglés na que o alumno ou alumna decide responder un exame en castelán tendo que facelo en inglés? E outra boa que anunciaron hai uns días: a Xunta vai contratar como lectores para o rural xubilados ingleses, pois os nativos (ingleses) novos queren aprender castelán ou galego (?), polo que preferirán ser destinados a ámbitos urbanos (será para aprender galego?), e aos xubilados ingleses, que xa pasan de aprender, poden ir ao rural, que aínda que algún aborixe de aquí lles fale algo en galego non pasa nada. Velaí unha mostra máis do seu "currículo oculto", velaí o que valoran a nosa lingua.
É verdade que a nosa lingua precisa aínda desenvolverse en eidos científicos e tecnolóxicos nos que a longa noite de pedra fixo que se descolgara. Pero tamén o castelán precisa inventar ou adaptar os neoloxismos que case nunca se crean nin en galego nin en castelán, nin en francés ou italiano, senón que actualmente se crean en inglés, gústenos ou non. O cal non desbota para nada o uso da nosa lingua para a ciencia. Para iso está a comunidade científica galega e as academias: para fixar a lingua. Neste sentido hai uns días a Real Academia Galega anunciaba que procurará no brasileiro unha terminoloxía axeitada para os neoloxismos vinculados a unha disciplina emerxente, a Ciencia do Solo. Como xa hai anos fixeron (fixemos) moitos outros científicos e profesores para poderen desenvolver a súa ciencia ou dar as súas aulas en galego.
Cando eu mesmo redactei a miña tese de doutoramento en Física dos Láseres hai quince anos tiven que acudir ao escaso vocabulario científico que existía en galego, ao portugués e á tradución asesorada de termos e expresións do inglés ao galego (non existía gran parte dese vocabulario tampouco en castelán). Fixen a defensa da miña tese en inglés, acadei a máxima cualificación, premio extraordinario de doutoramento, e non precisei para nada do castelán. A Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galiza (ENCIGA), con máis de 650 socios e unha das máis antigas do estado español e de Europa, ten promocionado de xeito exemplar o uso do galego nas ciencias, na súa ensinanza e divulgación, coa publicación de centos de artigos nos case 70 números publicados da súa revista e coa creación de materiais comunicados nos 22 congresos realizados. Un importante grupo de físicos e enxeñeiros galegos do Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) de Xenebra, un dos laboratorios punteiros no mundo, presentaron á opinión pública un manifesto para defender o galego como idioma tan plenamente válido como calquera outro para a investigación científica (imaxino as dificultades e a vergonza que deberon pasar cando os seus colegas lles preguntaron como era posíbel que tiveran que facer ese manifesto!). E poderiamos seguir dando exemplos que parecen obvios para calquera que entenda a nosa lingua como unha lingua. Sen máis cualificativos. Importantes científicos das tres universidades galegas explican nunha campaña recente a normalidade que significa dirixirse ao alumnado en galego ou a vantaxe que lles supuxo para achegarse a idiomas semellantes como o portugués ou o francés. E o que desde logo está claro, que tan útil para comunicar a investigación é o castelán como o galego, pois isto faise fundamentalmente en inglés.
Se o Conselleiro o e Secretario Xeral souberan algo de física decataríanse de que son a máxima expresión do segundo principio da termodinámica: con eles, a entropía sempre aumenta, e a un ritmo tan forte que é difícil aminorar: son os reis do caos, viven nel e del se alimentan. Mentres a nosa lingua precisa dun consenso e dun equilibrio difíciles de construír e manter para avanzar de vagariño, calquera cousa que eles fagan só beneficia ao castelán e alimenta os bechos que están á espreita, agardando a súa débil presa para devorala.
O futuro que desexan ou ao que nos levan coas súas políticas xa está aquí: hai uns días nunha vila próxima a unha cidade galega un neno galego duns oito anos dicíalle á súa irmá referíndose a min: "¡mira, habla gallego!". Cando menos era quen de identificar esa lingua que tamén debería ser a súa. Por desgracia, en boa medida a actual Xunta segue a máxima de Don Frabizio, Príncipe de Salina, en "O Gatopardo": cambialo todo para que todo siga como está, pero con peor estima social da lingua, con maior desprezo. Acaso estaba a cumprirse o "impositivo" e "radical" decreto 124/2007, baseado no Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no 2004? Ou o anterior decreto 247/1995, tantos anos regulando o uso do galego no ensino? Calquera coñecía incumprimentos en centros públicos, xa non digamos nos privados. Dubido que houbera algún centro de ensino en todo o país que cumprira ao 100% o decreto.
Como dixo un famoso deportista galego no 2007, non hai que impoñer o galego, como mínimo o 50% en cada lingua. Vese que as matemáticas non eran o seu punto forte... Aprenderíanllas en galego?

Marcos Mariño from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario