Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 13 de xuño de 2024

O crime perfecto

 


por Xabier Queipo no Nós Diario: Nós Diario:

Diría que cada vez teño menos tempo para pensar, por mor das múltiples ocupacións que fun amoreando. Non é verdade. Fun adquirindo responsabilidades para estar ocupado en permanencia e, daquela, evitar pensar. Pensar resulta cansado e moitas veces decepciona, pois a análise da realidade leva a descubrir a irracionalidade, quer no propio comportamento quer na irracionalidade da lóxica social que nos arrastra.

 

Hoxe recuperei para a re-lectura un libro que cría perdido, Le crime parfait, de Jean Baudrillard. Cando aínda estaba ao día das novidades en Francia pola lectura dos suplementos literarios de Liberation e de Le Monde, dinlle un repaso algo superficial, mais fíxome reflexionar entón e tamén o está conseguindo agora.

 Hoxe, acordado de boa mañá, lin o primeiro capítulo de Le crime parfait, do que, considerando o estado de torpor matinal, retiven metade, mais deu para pensar mentres cociñaba. Hai trinta anos escribía Baudrillard sobre a desaparición da realidade. Ese é un concepto que me quedou gravado e que hoxe asocio a outros como futilidade ou ausencia.

Os universos paralelos xa están aquí, con certeza, aínda que, ás veces, son difíciles de percibir como tales. Soñei aínda nun mundo onde habería tantos universos paralelos, coas súas dimensións e os seus parámetros irreais, que non poderiamos distinguir entre o que é realidade e o que é ficción. Dese xeito, a sociedade seguiría funcionando mentres existira transmisión dixital e enerxía para sustentala. Os individuos non se decatarían da desaparición da realidade pois estando permanentemente inmersos nas pantallas e nas redes sociais, o importante para a súa vida (de aí a asociación co concepto de futilidade) estaría acontecendo aí onde mandan os algoritmos e non na contorna física máis próxima.

Disque o crime perfecto non existe, mais volvendo a rego diría que entendo por crime perfecto aquel no que o móbil resulta aleatorio ou múltiple, no que non se identifica a arma do crime e no que non se pode chegar a sinalar un asasino único.

 Asasinos da lingua

 Poñamos por caso a lingua galega e a súa desaparición progresiva do uso público e privado. Neste proceso insidioso de desaparición danse varios parámetros que a definirían como crime perfecto. Non é doado identificar un móbil claro, unha causa única e particular que teña como obxectivo a desaparición da lingua nin no terreo político, nin social, nin persoal. Hai ataques contra o uso da lingua, por descontado, mais eses ataques nin sempre se poden identificar como causantes do desafecto xeneralizado dunha ou varias xeracións.

 Quen comezou coa non transmisión da lingua entre xeracións, foron os nosos avós, os pais, nos mesmos que decidimos militar no galeguismo e non falar coas nosas parellas, cos nosos pais, cos nosos fillos ou netos en galego? Non atacamos o galego cando empregamos unha gheada impostada (j en troques de g aspirada) como símbolo distintivo da nosa modernidade? Non atacamos o galego cando importamos do portugués palabras que á súa vez o portugués importara do castelán? Non atacamos o galego, cando escudándonos na sabedoría popular, adoptamos castelanismos que xa foran adoptados polos nosos maiores? E así, nese magma de confusión, nun país onde todos nos cremos lingüistas de mérito, por diversas vías e non todas elas conscientes nin de ma fe, asestamos golpes mortíferos á lingua que a desacreditan como lingua propia e que a sitúan nun terreo de hibridación entre as linguas dos veciños.

 Non existe un móbil único identificábel como tal (unha conspiración política e comercial destinada é eliminación programada do galego). Tampouco un asasino identificábel, senón unha restra de responsabilidades individuais e colectivas. Ende máis, non existe unha arma do delito única (os compromisos non cumpridos de normalización lingüística). Tratase dunha responsabilidade social, dunha deriva lingüística global, dunha suma de responsabilidades individuais. Así, cando admitimos que un funcionario público nos obrigue a mudar o rexistro lingüístico, cando desertamos do uso da lingua por razóns de pragmatismo social, nos tamén somos os asasinos, tamén contribuímos á desaparición dunha realidade e á instauración de realidades paralelas.

 Nun universo impalpábel que se move entre a realidade virtual, a desinformación como arma de guerra política e social e a intelixencia artificial, como paradigma ou anticipo experimental de universos paralelos, pouco espazo vai quedando para a realidade, que vai morrendo sen remedio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario