Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 15 de xuño de 2024

A imposición lingüística


por Alfonso Eiré, no Nós Diario:

 

Mentes ben pensantes non acreditan que o sector maioritario do PPdeG aprobase un plano para reverter a normalización lingüística. Vou tratar de explicar aquí como foi a cronoloxía deste cambio que logrou que a imposición do galego e a falta de liberdade acabase por aceptarse socialmente como feito incontestábel.

 

Xa antes de que se aprobase por unanimidade no ano 2004 o Plan Xeral de Normalización Lingüística, no PP de Madrid acusaban un sector do PPdeG de estar branqueando o BNG e de propiciar o medre do nacionalismo coa súa política cultural-lingüística. Foi despois de que M. Fraga publicase o libro A lingua galega cara ó ano 2000. 
En xullo do ano 2002, o filólogo Andrés Freire arremetía contra a Normalización Lingüística en Libertad Digital, afirmando que "os que acumulan poder e diñeiro tentan torcer o curso da historia". Ao mesmo tempo, sen importarlle as contradicións, tamén escribía que "a recuperación do galego está desmentida polos datos". 
Xa que logo, a batalla contra a normalización lingüística non só comezou moito antes da aprobación do Decreto de Bilingüismo en xullo do 2007 polo Goberno Bipartito, senón xa antes mesmo da aprobación do Plan Xeral de Normalización Lingüística promovido polo sector autóctono do PPdeG, convencendo Sixto Seco a M. Fraga. 
No momento que Xosé María Aznar se desfai de Fraga Iribarne e Cuíña Crespo, derrotado Xosé Manuel Barreiro e Xosé Luis Baltar pactando con Madrid para "conservar Ourense ", desde a FAES deseñan un plan para "impedir que se conculque o dereito dos españolfalantes en Galicia". 
Nun argumentario interno do PP deseñaban as liñas mestras dun plano para impedir que "se avance cara a desaparición do castelán". 
Para iso argallaron grupos de presión independentes para diversificar as súas áreas de actuación e tomas de posición públicas contra o galego. O PP aínda non tería que aparecer para rexeitar a normalización lingüística. 

 

Desprestixio 
A primeira medida era desprestixiar o idioma, difundindo a idea de que as normas aprobadas convertían o galego oficial nun idioma "inventado" e culpando os nacionalistas, "divididos", de non poñerse de acordo, ao tempo que trataban de exacerbar as polémicas reintegracionistas. 
A segunda idea interna a espallar, moi ben recibida, foi que co uso do galego non só desaparecía a distinción social, senón que os que falaban español terían moito máis problemas nas oposicións e no acceso aos cargos. Unha guerra rural-cidade. 
A outra idea forza sería a imposición do galego, como algo antidemocrático. 
E a última medida "suxerida" pola FAES era sacar o galego do coñecemento académico para metelo no coñecemento oficioso. 
Todas estas ideas están presentes nun traballo publicado por Andrés Freire no Nº 95 dos Papeles de las FAES, que a Xunta colgaría na súa páxina oficial 
Neste traballo, critícase ao propio PPdeG cando afirma: "Esta política, inusitadamente denominada normalización, é a última extravagancia que atravesa a historia de España, medrando nos últimos 30 anos independentemente do partido que gobernase". 
O mesmo autor que, uns anos antes afirmaba que o proceso normalizador era falido e que neste artigo tamén defende que o seu "uso é anecdótico sobre todo nas cidades", denuncia que "a ignorancia de algúns e o interese doutros ameazan por reverter o proceso de séculos", pois, "cando todo comezou, non existía o galego" e a historia de Galicia xunguiu castelán e galego, que se converteu nun "patois". 
Defende que, desaparecido o latín, se impuxo a variante castelán ás outras da península con "facilidade e precocidade", acusando os nacionalistas de pór en perigo o "proceso histórico". 
Este filólogo foi o impulsor do manifesto "Tan gallego como el gallego". Antecedente da campaña, agora si preparada a sociedade, asumida publicamente polo PP, da imposición do galego, logo da aprobación do Decreto de Bilingüismo.

 

Plurilingüismo 
Aparecen como impulsoras catro asociacións que son unha mesma, Galicia Bilingüe, o apoio mediático sen precedentes e tamén empresarios, principalmente, de Vigo.
Núñez Feixóo anuncia que, de gañar as eleccións, reformará o Decreto de Bilingüismo, e que contará con "30 especialistas". 
En plena campaña electoral, ano 2009, o aínda presidente Pérez Touriño, asume as posturas do PP e declara "non pasarei polo aro da imposición lingüística", aínda que esta área fose do PSOE. 
Nuñéz Feixóo cumpre a súa palabra e decreta trilingüismo. Os intentos de disuadilo son inútiles e o sector autóctono queda en minoría. 
Este decreto incide sobre todo en sacar o galego do coñecemento académico e que o alumnado vexa o seu idioma como unha imposición. 
A RAG enfróntase, por primeira vez, á Xunta recorrendo o Decreto nos tribunais, pero unha pléiade de "defensores" do galego asumen o discurso da imposición, indirectamente, facendo súa a cantilena do PP sobre a "cordialidade" e acusando os que defenden o galego como idioma propio de Galiza de ser causantes da crispación que impide a normalización. 
Cando se darán conta que hai unha guerra contra o galego!

Ningún comentario:

Publicar un comentario