Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 31 de marzo de 2019

O galego é a fórmula.Vídeo de primaria e manifesto Correlingua



Vídeo gañador do concurso de vídeo do Correlingua na categoría de Infantil e primaria. Foi realizado polo grupo Paroleiros do CEIP Albeiros (Lugo) quen argallou unha estupenda canción para a ocasión. Parabéns merecidos.
Alén disto, As rapazas e rapaces de 4º da ESO do IES de Carral gañaron o concurso de elaboración do manifesto para o Correlingua 2019,  o texto que se vai ler en todas as celebracións do Correlingua deste ano. Con moito acerto fixeron protagonista á química da súa proposta. Lembremos que estamos a celebrar o 150 aniversario da publicación da primeira táboa periódica dos elementos químicos; e lembremos tamén que a Química é unha das materias sobre as que o funesto decreto de exclusión do galego no ensino non universitario determina a súa prohibición para impartilas en galego.

sábado, 30 de marzo de 2019

Ana Peleteiro versus Feijóo






Arderon as redes sociais con esta curta e agarimosa defensa da lingua galega realizada pola deportista Ana Peleteiro nun programa de televisión. Por que foi? Seguramente pola sinxeleza da mensaxe, o sentimento posto nela, e a confesión de que ela mesma se avergoñara de usar o galego, mesmo de ser galega, pero que se sobrepuxera a estes prexuízos.
Quen non se sobrepuxo, quen si se avergoña de usar o galego, mesmo de ser galego é Feijóo. Lembremos a felicitación que lle fixo a esta atleta hai unhas poucas semanas.

xoves, 28 de marzo de 2019

O galego prohibido e agora perseguido nas ciencias

Necesario comunicado de ProLingua sobre a persecución do ensino en galego:

O obxectivo fundamental deste comunicado de ProLingua é o de mostrarmos todo o noso apoio a Sabela Núñez Singala, profesora na Pontenova, ante a recriminación e advertencia da Consellaría de Educación por impartir clases de matemáticas en galego. Este apoio leva implícita a reprobación rexa do celoso inspector que a amoestou.

martes, 26 de marzo de 2019

A poesía das praias de Marín



Alumnos de 1º curso de Primaria do CEIP do Carballal de Marín saíron ás praias do concello a realizar diversas actividades. Entre elas, a gravación deste vídeo co que celebraron o Día da Poesía cun recitado dunha obra do poeta local Eduardo Víctor Castro López.

domingo, 24 de marzo de 2019

Non sen a miña lingua

por Marta Dacosta, no Sermos Galiza:



Non son a única que, en múltiples ocasións, ten posto en paralelo a situación da muller e a situación da minorizada lingua galega. Ao fin e ao cabo, estamos a falar nos dous casos de desigualdade. E fronte a estas inxustizas vimos empregando desde hai anos diferentes ferramentas.

venres, 22 de marzo de 2019

Instrucciones para empezar a hablar gallego




Adaptación (autorizada polo autor) do relato homónimo de Séchu Sende incluído no libro "Made in Galiza", feita ao estilo das curtas documentais educativas estadounidenses dos anos 50 e 60 do século XX coñecidas como "ephemeral films"

Dani non pode falar galego. Historias certas e apariencias falsas

por Miguel Rodríguez Carnota no Terra e Tempo:


Daniel existe e é un rapaz vilego que vai en primeiro de ESO. Hoxe ten como tarefa participar nun programa de radio que el e as súas compañeiras fan en galego nun instituto onde o alumnado utiliza o español na súa práctica totalidade. Soño, chámase a actividade do día. Nela, os rapaces e as rapazas deben expresar con poucas palabras precisamente iso, cales son os soños que ocupan as súas mentes, que é un xeito de dicir como é o mundo que lles gustaría ocupar nesa vida completa que os agarda.

Linguas superiores e inferiores

por L. C. Carballal, na Praza Pública:


Uso o substantivo “lingua” e non “idioma” porque algúns lingüístas fan unha lixeira diferenciación entre ámbolos termos, dando un carácter máis xeral a “lingua” e máis específico a “idioma”, que sería unha fala máis prestixiada polo seu status e tradición cultural fronte ao simple código de comunicación con trazos fonéticos, morfosintácticos e léxicos propios correspondentes a unha comunidade que sería unha lingua. Pódese dicir que todo idioma ten un estándar, mentres que este non é necesario pra catalogar unha fala como lingua e que todo idioma é unha lingua pro que non toda lingua é un idioma. Por tanto, vemos que dende a lingüística hai unha tentativa de xerarquización entre as linguas: dado que a inmensa maioría das linguas do mundo non posúen estándar ningún nin tampouco sistema de escritura.

mércores, 20 de marzo de 2019

A táboa periódica dos elementos en galego

En 1869 Mendeleev publicaba a súa célebre táboa periódica, na que establecía a súa ordenación dos elementos químicos até entón coñecidos. Isto marcaría un fito de gran relevancia na historia da ciencia xa que, aínda hoxe, se segue a utilizar para facer e construír a química. Por isto, as Nacións Unidas quixeron conmemoralo declarando o 2019 Ano Internacional da Táboa Periódica co obxectivo de que os membros da nosa sociedade, sobre todo os máis novos, coñezan e recoñezan a súa extraordinaria importancia para a ciencia.
Con este motivo o Consello da Cultura Galega organizou unha xornada, O ano internacional da táboa periódica: reflexións dende Galicia na que se presentou, unha táboa en galego. Isto lévanos outra vez a denunciar a política lingüística da Xunta que prohibe o uso desta táboa xusto onde máis se debe utilizar, nas aulas do ensino secundario. Este tipo de actitudes contra a lingua chocan con outras como a do grupo Ciencia NOSA que elabora excelentes materiais de divulgación da química na nosa lingua ou dos editores da Galipedia que elaboraron unha entrada para, precisamente, táboa periódica dos elementos de calidade excepcional e que é referencia para outras linguas da Wikipedia.
Coa recomendación de non seguir as directrices da política lingüística da Xunta, deixo por aquí a posibilidade de descargar a táboa periódica
Máis información en Ciencia NOSA , en GCiencia ou no CCG

martes, 19 de marzo de 2019

Sintaxe e calidade da lingua: a colocación dos pronomes

 Xosé Manuel Sánchez Rei, no Terra e Tempo:


O proceso de estandarización do galego, que principiou de modo institucional por volta de 1970, áchase na actualidade nun relativo estado de definición. A normativización centrouse na ortografía, na morfoloxía e algo menos na fonética, de forma que determinados aspectos doutras disciplinas gramaticais se encontran, no día de hoxe, sen propostas equivalentes de referencia, como é o caso da sintaxe. Neste ámbito, aínda que as persoas galegofalantes dispoñen xeralmente dunha serie de coñecementos que lles permite distinguiren o que é válido do que o non é ou do que é admisíbel ou tolerábel do que non se pode aceptar, a polivalencia de posibilidades é notábel. Hai que notar que a propia sintaxe favorece a existencia de diversas hipóteses de selección por parte do conxunto de utentes dunha lingua. Pensando en termos fonolóxicos, non se pode acrecentar nin diminuír o número de fonemas do idioma, nin, acudindo aos dominios da morfoloxía, tampouco seremos capaces de mudarmos a cifra das unidades morfemáticas flexionais do verbo. Mais na sintaxe, quen fala ou escribe escolle entre diferentes tipos de estruturas, pois a comunidade de falantes ten a posibilidade de producir, en número infinito, frases novas e comprensibeis ou repetir outras

venres, 15 de marzo de 2019

O Ku Kux Klan contra a lingua galega



Esta mesma semana o PP rexeitou a Lei de Memoria Histórica Galega a pesar da emocionante defensa que fixo dela o deputado nacionalista Luís Bará. Dito en positivo: o PP é o garante da defensa das esencias da dictadura franquista e hai un forte e contínuo fío que conecta esta defensa coa  negación da normalización lingüística.  Se hoxe sofrimos as consecuencias da discriminación da lingua galega é porque nunca se cortaron as ataduras coa dictadura.
Todo isto puidémolo comprobar por duplicado nas últimas sesións parlamentarias. O goberno está tomado por uns radicais supremacistas que someten á lingua galega. Neste vídeo Ana Pontón denuncia esta situación, agravada pola argallada do PP de prescindir do galego no acceso aos empregos públicos galegos. Fixéronlle algún caso? O Ku Kux Klan non atende a razóns.

Teovivo, o periódico local que fala galego

por Ana Conde Miranda (editora), nas Voces de ProLingua:


En decembro de 2014, no concello de Teo nacía un periódico deses que xa non se levaban e que eu aspiraba a poñer de moda no meu concello. O Teovivo era un periódico mensual en papel, dos que se manchan coa cunca do café. E en galego, por riba!

mércores, 13 de marzo de 2019

Malas linguas II: argumentos





Para a II xornada de Malas Linguas, organizada pola Deputación da Coruña, achegáronse os argumentos de Iria Ramos como experiencia de galega na sanidade pública. Cal é a actitude da Administración respecto do uso da lingua? A pouco que nos mergullemos no portal do Sergas (https://www.sergas.es/), cantas máis pantallas pasemos, máis se deturpa o uso do galego e nas pantallas ás que só teñen acceso os profesionais, o galego fica excluído.


"YO SOY UNA BURRA. YO NO SE HABLAR" Este era o lema dun cartel que lle colgaban a unha compañeira de Luz Fandiño por falar en galego. Luz é unha voz viva do sofrimento da represión lingüística durante a dictadura. Cómpre escoitala unha e mil veces para saber como se xeneralizaron os prexuízos.

luns, 11 de marzo de 2019

Outra vez as linguas na campaña

por Víctor F. Freixanes, en La Voz de Galicia:

Anuncia Pablo Casado, presidente do Partido Popular, unha Lei de Linguas Oficiais para España. Unha Lei de Linguas Oficiais que poña a cada quen no seu sitio, supoñemos que quere dicir.

sábado, 9 de marzo de 2019

Os segredos para aprender unha lingua


Velaquí un novo vídeo TED subtitulado en galego polos mantedores do blogue Televisión IES de Beade, do IES de Beade (Vigo). Se sempre é unha boa recomendación non perdelo de vista por traducións de vídeos como o presente, desta vez hai que sumarlle unha moi boa apreciación na presentación deste vídeo facendo un chamamento a seguir as recomendacións de Lýdia Machová para ver se así
moitos galegos aprenden por fin a falar o que para moitos deles é a lingua máis difícil do mundo: a galega.

Doma e castración lingüística de Galiza

por Elisa Quintas Albrorés no Sermos Galiza:



Análise da Sentenza do Tribunal Supremo sobre a Ordenanza do Uso do Galego na Administración Municipal de Lugo

A Sentenza, que ratifica os pronunciamentos da Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, ameaza a tímida incorporación do galego ás institucións locais.

O galego precisa liberdade

por Marcos Maceira no Sermos Galiza:


A agresividade secular contra a existencia do idioma propio de Galiza preséntase de sempre con argumentos tan vellos como falsos. Pretenden facernos crer que a realidade non é a que vivimos.

venres, 8 de marzo de 2019

Rosalía de Castro, sempre estás en min



Outro ano máis o concello da Estrada participa na celebración do Día de Rosalía cun vídeo de excelente realización. Nesta ocasión ademais buscouse a colaboración de músicos e bandas da Estrada que aparecen cantando en diversas localizacións ben recoñecibles polos veciños da Estrada.

Gabriel Estrada (Plan Siberia), Pablo Carracedo "Jasper" e Gustavo Brea (Nao), Xurxo Rodríguez (Esquíos), Andrea Porto (A Banda da Loba), Lucía Azurmendi e Juan Núñez (The Bichos Band) e artistas como Anxo Fernández, Manuel Brey, Paco Guerra, Fernando Sanmartín, Xosé Manuel Marque, Jesús Carbia, Sheila Carbia, Saleta Lueiro, Nuria García, Ángela Eiras, Lía Vázquez, Nagore Fernández e Noa Baloira participaron na gravación e filmación do proxecto audiovisual.
Parabéns por este magnífico produto que dignifica ao concello da Estrada ao facelo partícipe destacado dun Día de Rosalía

xoves, 7 de marzo de 2019

Transmisión da lingua, o valor máis importante do discurso de Rodrigo Vázquez nos Mestre Mateo


O discurso de recollida do premio Mestre Mateo ao mellor comunicador de televisión de Rodrigo Vázquez, o do chuculú, tróuxonos á memoria aqueloutra perla de Marga Pazos do 2015 da que lembramos estas palabras:

"a maior parte do mérito de que eu saíra na televisión era deles, porque eran dúas persoas moi valentes, moi comprometidas coa súa identidade, que me criaron, que me educaron, que me berraron temén algunha vez, pero me acariñaron sempre no meu idioma...en galego. [...]Grazas ao meu idioma teño traballo, e teño traballo no meu país, que hoxe non é fácil, traballo no meu país, para o meu país, e nese idioma sigo eu acariñando eu os meus pelouros"

mércores, 6 de marzo de 2019

Avergoñeime de falar en galego



Ana Varela é unha moza que acabou vivindo entre Ferrol e A Coruña e que agora reside en Corea do Sur. Agora é coñecida como Ladi Avellana, o pseudónimo de youtubeira. Neste vídeo, que me chegou do Galicia Confidencial,  cóntanos como foi o proceso que a levou a que se avergoñase de falar en galego, e como agora se avergoña de terse avergoñado.
Neste vídeo relátanos os ataques recibidos por falar en galego, sempre reproches cargados de prexuízos un uso dunnha lingua minorizada e maltratada. Así que deixou de falar en galego.
Ana Varela fala de varios desencontros con profesores polo feito de ter usado a lingua galega. Fala de que, xa na Universidade presenta un traballo, xunto cunha compañeira, en galego. Entón o profesor comenta:
- Y ustedes, por que hacen el trabajo en gallego?
Tiveron que dar explicacións. Con todo, a nota recibida era inusialmente baixa. A xustificación era que se utilizaba un vocabulario incorrecto. A compañeira de Ana, xa se vira en situacións semellantes, así que soubo reaccionar e reclamoulle ao profesor, dicionario en man, a puntualización desas supostas incorreccións. O profesor acabou incrementando a nota.

martes, 5 de marzo de 2019

A lexislación actual no ensino das matemáticas en galego





Esta presentación, que utilicei  nas II Xornadas de terminoloxía matemática celebrada o 29/11/2017 veume á memoria cunha cuestión que chiou JJ na que se interesaba como estaba a cuestión lexislativa no relativo ao uso do galego nas aulas de matemáticas na época da LOXSE.

Aquí explícase moito máis. Seguindo as diapositivas faise un percorrido polas distintas ordes e decretos desde o fin da ditadura, e inclúense algunhas reflexións de estudos sobre a cuestión ou diapostivas relativas á carencia de materiais didácticos na nosa lingua para a materia de matemáticas.

Se alguén se para a pasar as diapositivas, quizais considere algo incomprensibles as número 19 e 20. Explícanse dalgunha maneira na seguinte, na nº 21 e neste artigo de Paenza no que se relata o fracaso da enorme enquisa realizada pola revista Literary Digest no 1936 diante das eleccións presidenciais estadounidenses na que Roosvelt se enfrontaba a Landon. Ese fracaso tiña as súas raíces nun desastroso procedemento de escolla da mostra. Tomo esta referencia para explicar que o sistema é esencialmente o mesmo que o usado pola Consellería de Educación no ano 2009  cando realizou unha consulta "ás familias" do alumnado matriculado no sistema non universitario sobre distintos aspectos do uso das linguas no mesmo. Esta trapalleira consulta foi tida en en consideración para a elaboración do decreto 79/2010 (!) e así consta no preámbulo do propio decreto. Todo isto é indicativo do contido do funesto decreto.

Remata a presentación cun extracto dun artigo de D. Enrique Vidal Abascal do ano 1979, o ano en que se publica o coñecido como decreto de bilingüismo que tiña o obxectivo de prohibir a docencia en galego que comenzaba a abrollar naquela época. Pasaron 40 anos e seguimos nas mesmas.

luns, 4 de marzo de 2019

Isto pasa pola teima de reduplicar todo en español


Foi por un chío de Carmela S. Arines polo que souben do disparate que colgou a Consellería de Cultura (si, de Cultura!) e Turismo no seu portal, nese empeño de non producir nada en galego se antes non se redacte antes en castelán. Esta teima sáenos moi cara económicamente. Pensádeo, reduplicar toda a produción das Administracións para que o español sexa omnipresente. Pero non só económicamente, e aquí temos un exemplo: velaquí  *Chilles como parroquia da Estrada, no canto de Berres.

Sentenza ideolóxica contra o galego

por Xoán Antón Pérez Lema, no Sermos Galiza:



A mesma Sala do Tribunal Supremo que rectificou a súa doutrina para impedir que os Bancos pagasen o Imposto de Actos Xurídicos das escrituras notariais ven de fixar xurisprudencia a respecto do uso do galego nas Administracións locais declarando a ilegalidade de determinados contidos da Ordenanza lingüística que o Concello de Lugo aprobara no 2012 por unanimidade de todos os seus concelleiros (entón do BNG, PSdeG e BNG).

Notas ao vivo: O tesouro do idioma (41)

por Miguel Anxo Fernán Vello no Sermos Galiza:



Castelao tiña conciencia plena do valor do idioma galego e no “Sempre en Galiza” (Vol. I. Cap. XXXIV) deixouno ben claro: “Que diríamos se o Estado mandase derrubar o Pórtico da Groria? Pois eu digo que o noso idioma é unha obra de arte mil veces superior á obra do Mestre Mateo”. E, por outra banda, Castelao sabía moito ben, e así o afirma no seu ensaio político por excelencia, que o idioma galego era o “pai” e a “nai” do portugués.

domingo, 3 de marzo de 2019

Se todos nos apuntáramos a 21 días co galego, poderíamos salvar a nosa lingua



Alumnos e profesores do CEIP de Tirán (Moaña) mergulláronse na idea de 21 días co galego. Como lles foi? Aquí nolo contan.
Unha rapaza comenta: "se todos os colexios nos apuntáramos, poderíamos salvar a nosa lingua"
Outra di: "sería mellor que faláramos o galego en Galcia. En *Castilla que falaran o castelán"
Máis:
"Os nenos nunca falan o galego e [21 Días co galego serve] para aprender máis"
"Eu aprendín como se di tijeras en galego: *tixeiras"
"Eu aprendín paraugas,...., arco da vella"
Un profesor: "Ás veces falan entre eles en galego, cando antes non o facían"