En decembro de 2014, no concello de Teo nacía un periódico deses que xa non se levaban e que eu aspiraba a poñer de moda no meu concello. O Teovivo era un periódico mensual en papel, dos que se manchan coa cunca do café. E en galego, por riba!
O idioma elixido xa foi o primeiro que me recriminou un avó nada máis botar a andar. “Como podes facernos isto aos vellos? Nós non sabemos ler en galego!”. Por sorte, pouco tempo despois díxome: “Tiñas razón, érache cuestión de práctica. Pero xa estás facendo dous periódicos ao mes, que un non nos chega a nada!" (risas).
Hoxe están encantados co xornal que fala coma eles, descubriron que nunca é tarde para ler na lingua que falan e ven que pagou a pena o esforzo, como nos contaron no seu día nun obradoiro que realizamos ao ano e medio de saír á rúa para desvelarlles o significado das palabras galegas que aínda se lles resistían no Teovivo.
Ver como os avós e avoas de Teo gozaban lendo no idioma que de cativos lles prohibían na escola é sen dúbida unha das maiores satisfaccións deste periódico, que naceu co reto engadido de ter o atractivo suficiente non só para atraer lectores nos tempos que corren, senón para que estes considerasen que merecía a pena esforzarse cunha lectura ao principio custosa.
Porque foi difícil para os avós, que non foron escolarizados neste idioma, pero tamén cando menos diferente para os seus fillos e netos, acostumados a que a prensa normalmente fala en castelán. Da man do Teovivo descubriron que tamén en galego se poden contar historias e informar, un xeito de prestixiar o noso idioma desde un medio de comunicación.
Unha única xornalista
Tras moitas especulacións, confirmouse que detrás deste só hai unha xornalista do lugar que con total naturalidade escribe e informa na lingua na que fala, esa coa que leva máis de catro anos dándolles a coñecer aos teenses o que teñen á beira da casa, moitas veces descoñecido; contando as historias da nosa xente, que doutro xeito nunca veriamos escritas en ningún outro lugar, e facéndoo cun estilo propio e desenfadado que non só atraeu os maiores, senón tamén a mozos e nenos. Así é que, nun tempo récord, en Teo rexistrouse un fenómeno digno de estudo... Disparouse o índice de lectura!
"Nós nunca liamos a prensa, pero é que isto é distinto: O Teovivo engancha! É divertido, fala de nós, descóbrenos unha chea de cousas... ¿Viches a de cines que houbo en Calo? ¿E que temos béisbol e un club de billar? E con algunhas historias humanas, emocionámonos", contábannos no primeiro aniversario os rapaces dun equipo de fútbol no bar. Na mesa, un balón, cervexas... e o periódico local.
A día de hoxe, son moitos os veciños que nos din que o Teovivo xa forma parte da idiosincrasia teense, porque ademais de contar mes a mes a vida do noso pobo, dándolles o protagonismo aos veciños e ás súas historias, tamén axudou a facer comunidade.
Unha prensa en galego si que é posible
Polo camiño, non deixamos de poñer en valor o feito de que en Teo o periódico fala galego todo o ano, algo que celebramos o pasado mes de maio polo Día das Letras Galegas cunha campaña de "márketing rural" na que espantallos sementados por cada unha das trece parroquias presumiron deste feito, á vez que deixaron unha mensaxe moi importante: que é que na man de todos está manter viva a nosa lingua. Usémola, pois, os 365 días do ano ao falar, ler e por que non, escribir un periódico local como este. Non permitamos que desapareza!
Ver como os veciños se sumaron orgullosos a unha campaña que se fixo viral, e comprobar como levan catro anos agardando con ilusión que chegue fin de mes para ter o novo Teovivo nas súas mans é sen dúbida o mellor premio ao meu traballo, e tamén a constatación de que unha prensa en galego si é posible.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 15 de marzo de 2019
Teovivo, o periódico local que fala galego
por Ana Conde Miranda (editora), nas Voces de ProLingua:
Etiquetas:
Ana Conde Miranda,
Medios,
Normalización,
Opinión,
Prolingua,
Teo
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario