Páginas
domingo, 28 de febreiro de 2010
Feijóo contra o galego
Feixóo: 'O PP rexeita calquera inmersión lingüística' nas comunidades con lingua propia. Non así nas comunidades monolingües, que xa teñen de por seren monolingües, a inmersión de serie.
Pois uutro chanzo máis no equilibrio lingüístico: en Toledo todo en español, en Ourense, un terzo en galego.
García Negro gaña o Premio Vicente Risco de Ensaio

A UNED contra o galego
O BNG asegura que a UNED trata o galego "como unha lingua estranxeira" O portavoz en Madrid, Francisco Jorquera, denuncia que "se lle prohibiu a varios estudantes" ler as súas teses no seu idioma.
Será isto o equilibrio lingüístico? ou a inmersión en castelán?
Un "gallego" coma nós
Seica o señor Zapatero ven sendo de por aló, por onde hai un pobo que lle chaman “Ponte Ferrada” ou “Ponferrada” e unha terra chamada do “Berzo” ou, coma din os do bilingüismo armónico, do “Bierzo”. Pois ben, a discípula de dona Gloria Lago, que seica non ten outra cousa que facer, pois a complicación da Unión, máis Progreso, máis Democracia seica non funciona moita cousa, atopou o mellor xeito de lle chamar “galego” a quen lle podía chamar galego perfectamente, xa que o é, pero púxolle un engadido de “pexorativo”, que mellor sería que o gardara xa que encerra un claro menosprezo racista ao que os galegos nos opoñemos coma pobo que somos.
O problema, ademais, xa non é da ocasión, agora, na que a “Diputada de UPyD” fai o símil pexorativo do cualificativo desprezativo de “gallego” para identificar aos galegos cos tontos, pois aínda que xa noutra ocasión seica se referira a Feijóo co mesmo termo e desprezo racista ao dicir del que, “para ela, Feijóo estaba sendo demasiado ‘gallego’ no senso pexorativo do termo”, co cal enténdese perfectamente o que supoñemos os galegos no ámbito político no que se move o partido UPyD, neste punto, sería bo facer unha pequena referencia ao programa electoral deste partido, xa que, na súa propaganda, afírmase que se opoñen á discriminación “por razóns lingüísticas ou identitarias” e que, ademais, son un partido nacional e, para eles, “España é unha nación de cidadáns libres e iguais dun Estado unitario”.
Habería que preguntarnos a onde manda aos “gallegos” que a votaron e, sobre de todo, como se pode ser responsábel político nun Estado igualitario e democrático acadando un lugar no Congreso dos Deputados se usa a característica identitaria dun pobo dese Estado para se meter con outros políticos que non sexan do seu partido. Un deputado do PP remata de deixar a Comisión de Tráfico na que traballaba por ter un exceso de alcool nunha ocasión. A cando espera dona Rosa Díez para se ir do mesmo Congreso dos Deputados por discriminar ás persoas cidadáns de España por razóns “lingüísticas ou identitarias”? Ou haberá que agardar a que os membros de Galicia Bilingüe sexan tamén “gallegos” a un 50%?
O malo de todo isto, con ser moito ese desprezo aos galegos, por seren galegos e, polo tanto tontos, como dicía a anterior palabra no dicionario aínda é peor o pouco que se pensa no pobo ao que teñen que servir os políticos.
sábado, 27 de febreiro de 2010
Imposición do castelán nas teses.
A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) non permitía presentar teses en galego, en catalán nin en vasco. Non obstante, podíanse presentar en ruso ou en chinés, entre outros idiomas.
A UNED rexeitoulle a Heitor Mera a súa tese de doutoramento Vida e obra sobre Bernardino Graña por estar redactada en galego.No momento de presentar a súa tesiña sobre a obra e vida do poeta cangués no 2002, Mera tivo que loitar para poder redactala en galego. “Puxéronme centos de pegas porque dicían que a lingua da UNED é o castelán”.
Mera non cedeu, usa un tradutor automático e volve a presentala e xunto coa tradución ao castelán, pero tampouco lla admiten. “Foi entón cando me dixeron que a tradución debía ir encadernada en rústico, como a tese e advertíronme de que na UNED só se poden presentar os traballos en castelán ou en calquera idioma estranxeiro oficial"
Concretamente o texto que Mera recibe é o seguinte:
"la redacción y presentación de tesis puede ser en castellano o en cualquier otra lengua oficial extranjera, siempre que lo autorice la Comisión de Doctorado del Departamento. Por lo tanto, el doctorando debe presentar su tesis en castellano", e resulta que esa Comisión rexeitaba a admisión de teses en galego nunha resolución que tomaron o 28 de marzo de 2008. Atentos! Non estamos falando do franquismo.
Nese mesmo ano, despois de poñerse en contacto cos deputados do Bloque en Madrid. Jorquera pide que a UNED admita teses de doutoramento en galego. O BNG acusa a UNED de darlle ao galego un trato "peor a unha lingua estranxeira". O caso debe chegar ao Parlamento para cambiar o regulamento de racismo lingüístico. Que pasaría se o BNG non tivese representación nas Cortes Españolas? Probablemente aínda hoxe a tese seguise sen ser admitida.
Por fin o 12 de agosto do 2009, e con sete anos de retraso, Mera consigue un Sobresaliente cum laudem, tamén en galego.
Velaí outro exemplo da imposición. Como sempre, imposición do castelán.
Por último presentamos ao propio Heitor Mera relatando o caso para a bitácora Falantes. Escoitade como berran as gaivotas polo fondo.
“Publicar as teses en galego e inglés pode ser moi positivo para a nosa lingua”
Nos primeiros anos que se ofertaban estas axudas, produciuse un aumento nas teses en galego, mais actualmente estamos estabilizados en torno ao 10%. Que impresión lle causa ver estes datos?
Non é un feito positivo, mais non me causa sorpresa, xa que é un problema da Universidade en particular e de toda Galicia en xeral. O que percibo nesta Facultade, logo de levar 25 anos impartindo clase é que non houbo un avance no uso do galego, senón que, máis ben, dáme a impresión de que os profesores máis novos utilizan o galego nas clases aínda menos que os que xa temos máis idade. E isto, evidentemente, ten o seu reflexo nas teses.
Por que hai tanta desproporción entre as teses elaboradas en galego fronte ás que se fan en español?
É por mor dun problema xeral do país. Aínda que falar e, sobre todo, escribir en galego se converteu en algo máis normal nos últimos 25 anos, globalmente creo que unha parte da sociedade dubida moito da utilidade da lingua. Esta percepción tamén se traslada en importantes proporcións a un ámbito tan específico como a investigación universitaria. Mantense a idea de que para investigar, por exemplo en química, hai que facelo en español ou inglés. Esa é a grande falsidade que cómpre combater no futuro. Non tanto apelar só ao compromiso de falar en galego por fidelidade aos nosos antepasados, senón tamén pola súa utilidade. A nosa lingua tamén pode ser utilizada na investigación; de feito, a través das variantes do galego-portugués pódese chegar a un público de algo máis de 200 millóns de falantes. Teño unha anécdota persoal que serve de exemplo. Coa miña tese cheguei a obter un premio a nivel de Estado para publicacións agrarias, pesqueiras e alimentarias. O feito de estar en galego, reintegrado ademais, non me impediu acadar ese galardón.
Aínda que a publicación de resultados en moitas ocasións haxa que facela en inglés ou noutra lingua, cre que é posible investigar na lingua propia?
A investigación é construír novos coñecementos sobre a base de elementos que un ten. Logo pódense rematar plasmando en distintos idiomas, mais estou convencido de que a lingua na que moitos investigadores e investigadoras fan os seus razoamentos é o galego, aínda que logo publiquen noutro idioma. Polo tanto, creo que é posible investigar en galego en calquera disciplina. Mais tamén vexo posible publicar na nosa lingua, sabendo que para dirixirse a determinados ámbitos terá que publicar tamén noutros idiomas, sobre todo inglés.
Pode ser que unha publicación se tome en menor consideración por estar en galego?
Ese problema existe, xa que o que está máis valorado son as revistas en inglés; así que, guste ou non guste, rematas publicando nesa lingua. Pero tamén é un prexuízo contra as linguas minoritarias dentro do Estado. Despois do inglés, se un publica en revistas en español, pode ver que están moito mellor avaliadas que as revistas en galego. Por este motivo, xente nova que comeza a súa carreira académica e investigadora opta por publicar en castelán, aínda que teña unha actitude positiva cara ao galego. Este é un problema que é importante resolver. Se se acepta que o Estado é plurilingüe, este feito debería reflectirse á hora de avaliar a investigación. E isto agora non pasa. De feito, eu teño asistido a oposicións para prazas de profesor titular ou de catedrático onde a algún candidato se lle avaliu negativamente o feito de que boa parte do seu curriculum estivese publicado en galego.
En canto á divulgación, hai menor utilización da lingua galega da que debería?
Si, pero de novo ten que ver coa imaxe da utilidade do galego. Se un mira o mercado editorial no noso idioma, pode ver que é de tiraxes moi curtas e moi dependente das compras institucionais. Isto remata por condicionar a lingua de publicación. Mais todo depende do mercado ao que te dirixas. Se as obras de divulgación, mesmo científicas, van orientadas cara ao mercado galego, pódense facer perfectamente na nosa lingua.
Cando comezaron estas axudas, no 94, n´O Cartafol fixerámoslle unha entrevista a Lourenzo Fernández Prieto na que se queixaba das presións por parte de directores de teses para que se fixesen en castelán. Isto segue a acontecer?
No meu departamento sempre houbo unha actitude moi positiva de cara ao galego. De feito, nunca me preguntei en que lingua ía facer a tese porque o normal era facela no idioma do país. Agora ben, creo que noutras áreas estas presións seguen a existir porque a Universidade ten unha estrutura moi xerárquica e os catedráticos/as ou os directores/as de tese teñen moita importancia. Mais, se cadra, inflúe máis o ambiente que haxa no departamento que unha imposición directa dunha determinada persoa. Non creo que globalmente se produciran cambios nese aspecto, nin tampouco creo que isto se poida corrixir con axudas.
Non cre que esta liña de axudas sirva para que algunhas persoas incorporen o galego neste primeiro gran capítulo da súa carreira investigadora?
Pode haber casos concretos de persoas que teñan vontade de facer a tese en galego pero que ao non contaren aínda cun dominio forte do idioma, si que lles é moi útil un apoio na revisión lingüística. Iso é, na miña opinión, unha parte moi importante da liña de axudas: a mellora da calidade da escrita. A calquera lle chama a atención se en español alguén escribe con v unha palabra que é con b. Mais en galego parece que un pode meter as maiores barrabasadas orais ou escritas, xa que semella que o único importante é a vontade. Isto non debe ser así, e moito menos en publicacións científicas.
Como valora a posibilidade de elaborar a tese en varias linguas?
Eu creo que sería o ideal para favorecer un maior uso do galego. Se alguén ten que escoller só un idioma no que presentar a tese, vai ser difícil convencelo de que o faga na nosa lingua. Mais se se abre a posibilidade do binomio galego-inglés... iso xa é outra cousa., e permitiría dirixirse a un mercado local e tamén ao global. A orientación da liña de axudas cara á utilización de teses en galego ao inglés sería moi interesante.
Cre que o feito de elaborar unha tese en galego pode ter repercusións na docencia posterior?
Non sei que é primeiro, se o ovo ou a galiña. Sería curioso ver a comparación entre as teses publicadas en galego e a lingua na que imparten as súas clases as persoas que as redactaron. Teño moitos compañeiros que imparten as aulas en galego pero que publican en castelán.
Cre que esta liña de axudas é suficientemente coñecida?
Hai tempo que pasei a etapa da tese, polo que non sei se é coñecida. Pero penso que, en xeral, deberiamos difundir as accións que xa se fan desde o Servizo de Normalización Lingüística.
Mentira número 56.
A seguinte mentira está sacada da web da Secretaría Xeral de Política Lingüística:
o índice de normalización lingüística (INL) que se rexistra no ensino universitario acada o 71,98, o que, situado nunha escala de 0 a 100, amosa un nivel medio-alto.
Moito coidadiño coa redacción. Repito, se é que cómpre: din que o índice de normalización no ensino universitario, no ensino, non na administración, nin o idioma das teses,... senón, o ensino univerisitario.
A quen queremos enganar? Con que fin?
Por certo, outra boa noticia, o tanto por cento de teses en galego na USC o ano pasado foi a segunda máis alta de toda a súa historia: o 13,19%.
Mirade ben o gráfico, en ningún momento se chega ao 15%.
A media de teses en galego na última década é do 9%. Efectivamente, un nível baixo-moi baixo.
Teñamos en conta que a USC é a máis galeguizada das tres univerisades galegas.
No pecado está a penitencia
Grande escándalo provocaron as respostas de Rosa Díaz, cuxo escano pagamos todos –galegos incluídos– ás perguntas de Iñaki Gabilondo sobre a definición que a ela merecían personaxes da vida política española como Zapatero ou Raxoi (mal que lles pese, “Rajoy” e “Feijoó” son Raxoi e Feixoo, en correcta ortografía e ortofonía, que, por suposto, se poden vulnerar, para escreber, por exemplo, se alguén se animar, “Madriz” ou “Billabiciosa”...). Eu mesma falei, en artigo recente (edición dixital de Terra e Tempo), de racismo consentido, pois non só reparei na brutalidade da utilización do xentilicio por parte desta extremista española, senón tamén no nulo custo que lle supuxo, quer dicer, o entrevistador continuou coa restra das perguntas e non fixo o menor comentario sobre o asunto, do cal podemos concluír que tais mencións racistas do noso xentilicio poden circular impunemente. Por se fose pouco, após comentado ad nauseam este seu proceder, aínda desfrutou dunha cuota suplementar de publicidade, cando non só non se retractou senón que volveu á carga, acusándonos aos galegos de falta de sentido do humor.
E, efectivamente, é unha hipótese a considerar, sobre todo pola súa reversibilidade, en virtude da cal poderíamos nós, galegos, chamar á señora Díaz, con gran sentido do humor, iso si, “española, con perdón”, españolista, no sentido máis furibundo do termo, extrema direita, no sentido non pexorativo, senón denotativo, etc. Mais esta ponta do icebergue que representan as súas declaracións racistas en bruto non debe ocultar todo o resto invisíbel da xenofobia anti-galega. No mesmo día en que aquelas se facían públicas, no programa ‘59 segundos’ da TVE (tamén pagada por nós, galegos), o director de ABC, para zafrañar, no seu papel de turiferario do PP, ao ministro de Traballo, non ten mellor ocorrencia que dicer que, lonxe de actuar como catalán ou como extremeño, fixera unha “gallegada”. Así, cun par, como diría a rotina machista... Ninguén dos presentes llo comentou ou reprochou, ninguén se aprestou a protestar ou, simplesmente, a perguntar: ¿en que consiste exactamente unha “gallegada”?
Digo –sen a menor intención, obviamente, de absolver semellantes condutas– que no pecado está a penitencia, porque, que eu saiba, cando o presidente da Xunta de Galiza foi alcumado “gallego” pola mesma lercha españolista, non houbo resposta á altura da intención insultante ou descualificadora. Cando na radio e na televisión públicas se fala do “Goberno”, así, sen adxectivos, só para nomear o idem español, ¿que concepción se agacha da Xunta? ¿Por que non se fala de “Goberno galego”?
Así que menos aspaventos tartufescos e máis naturalidade e dignidade na exhibición da nosa identidade. Os que a vituperan e utilizan racistamente, si que teñen claro, para mal, quen somos e como podemos ser vapuleados, moito máis claro que os pactistas ou híbridos: os que declaran ser galegos, españois, europeus... e aínda poderían engadir, como non, bípedos humanos. Madia leva!
Gloria a Rosa Díez
Nunca lle agradecerei suficientemente a dona Rosa Díez que elevase Galicia á centralidade da política española utilizando o noso xentilicio para describir a Mariano Rajoy (gallego) e a José Luis Rodríguez Zapatero (gallego no sentido máis pexorativo do termo). Moitos criticárona con dureza pero eu coido que habería que propoñela para a medalla Castelao por converter este noso País de rústicos indecisos, na vara de medirlle as fraquezas aos líderes estatais.
Ao chamarlles galegos a ZP e Rajoy para meterse con eles, dona Rosa subiunos da categoría de simples parvos, na que ela e os que son coma ela nos tiñan, á de auténticos líderes, astutos e calculadores. É todo un avance para o país do autoodio e a endofobia.
A señora Díez é continuadora dunha longa tradición insultadora moi ben cultivada por Pere Navarro, Jorge Moragas ou Cristina Narbona. Pero no seu caso hai que estarlle agradecidos polas súas ofensas porque con elas enterrou de todo as posibilidades electorais da vacilante UPyD en Galicia.
En sinal de gratitude quero continuar ese finísimo debate que iniciou sobre as “patrias chicas”, cunha cita de Quevedo moi acaída para biscaínas da súa pelaxe e os seus sosias: “Si es vizcaíno burro/eres albarda en sus lomos”. Grazas e ata nunca señora Díez.
Anxo Lorenzo e o blilingüismo harmónico.

Estaba Rosa Díez...

Estaba Rosa Díez un día tomando algo cun coñecido nun bareto de Madrid e dille:
Rosa Díez: –Voy a contarte un chiste de gallegos buenísimo.
Galego: – Oes, recórdoche que eu son galego.
Rosa Díez: –No te preocupes, hombre... ¡Te lo explico depués!.
Como recoñecían a Rosa Díez cando ía ó colexio ? Pois porque era a única que cando o mestre borraba o encerado, Rosa Díez borraba o seu caderno.
Como sabes se está Rosa Díez nun submariño ? Pois porque é a unica que está aguantando a respiración.
Por que a casa de Rosa Díez ten as xanelas redondas? Pois para que poida entrar o sol.
Por que o coche de Rosa Díez leva limpiabrisas no vidro de atrás? Por si chove á volta.
Por que Rosa Díez se tapa os ollos cando se pon crema? Porque pon crema "Nivea".
Un policía detén a Rosa Díez e dille:- Deme o seu nome e apelido. E la responde: - Está Ud. loco? Y yo después como me llamo?
Fonte: Imos Indo
venres, 26 de febreiro de 2010
Anxo Lorenzo.5

Educación admitirá docentes que non comprendan galego

A lei do equilibrio lingüístico di que en toda España non debería ser necesario saber castelán para impartir clases.
Os sindicatos CIG, CCOO e STEG denuncian que Educación admitirá docentes que non comprendan galego
Zapatero e Feijóo contra Rosa Díez.

Non Rosa, non estás soa
Non Rosa, non estas soa. Non teñas problema. O teu antigaleguismo visceral e omnipresente, podes desfogalo. Vas ter tras de ti unha Santa Compaña que che dea acomodo. Mesmo serás Estadea, encabezando as ánimas en pena coas que compartes manifestacións, berrando contra Castelao e Rosalía. Ai Rosa, que mágoa dunha Inquisición que defenda as marcas imperiais de Castela nas terras de Breogán. Galego no senso máis pexorativo! Claro que si... O mesmo que dicir a Pepiño, descalificádoo non polo nome, senón pola súa orixe. “Pepiño, o galeguiño”. Que peor que botarlle na cara? Galego!…
Zumega xenreira contra unha terra e uns poboadores dela que teñen a ousadía de erguerse do seu rol de servos amables e seviciais. Mesmo xeito de expresarse engadindo ao rancor antisindicalista o desprezo latente a unha identidade idiomática ó que usa Miguel Ángel Gozalo, mepmbro do consello de administración de RTVE, a proposta do PP para refereirse a Toxo. Ese tal Tossso, pronunciado de xeito sibilante, cal serpe. Desprezo tan en uso cara a periferia atlántica na “vila e corte”, aínda que a tal corte lle faga máis agasallo o seu significado no noso idioma. Ten triste eco nos que, terras dentro, non dubidan en lapidar as nosas sinais de identidade, comezando polo idioma. Pola negación práctica del, fuxindo da súa utilización como quen fuxe do lume nos actos de oficio da súa representación institucional.
Rosa. Muller sen mácula, que non é galega nin pexorativa nin de nacemento. O que non deixa de ser unha boa nova. Dirixe unha forza política que se chama Unión, Progreso e Democracia. Unión non parece haber moita. Tras a súa breve andaina tivo xa escisións, e no derradeiro congreso Valia Merino, que tivo a peregrina idea de enfrontarse á “non galega pexorativa”, foi advertido por burofax de que quedaba suspendido de militancia, paso previo a baixalo do coche. E todo iso, por que? Pequeneces. Parece ser que manifestou que “Rosa Díez es desastrosa y totalitaria”. “Que el partido ya tiene varios millones de euros y hay gente que non tenía donde caer muerta, que tiene claro que esta es a su empresa y que va a vivir económicamente muy bien gracias a ella”.
En fin, eles saberán de que falan, pero non aparentan moita unión. Progreso, como as meigas, habelo haino. Cómpre ollar que o seu caladeiro de votos se enriquece apañando na dereita máis escorada do PP. E democracia, mellor é deixarlle a valoración o devandito señor Merino, poderá falar con autoridade.
Pero ti Rosa, “non galega pexorativa”, non te desacougues. Aínda que te sintas lexítimamente traizoada pola Real Academia por rectificar a parvada de calificarmos de parvos. Ti, como Saulo, dende que caeches do cabalo socialista que te levou cómoda e gratificada moitos anos nos seus lombos por floridas efemérides, sabes que Zurita estaba equivocado. O labor de castración de doma de Galicia aínda non está rematado. Hai traballo a reo.
Mágoa que a campaña de certos xornáis capitalinos contra o himno galego rematase tan pronto. Teu bo amigo Rajoy, entusiasta de atopar unha letra para o “chunda chunda”, sostiña convencido que coñecer o galego “non le importa a nadie”. Xa ves Rosa, non estás soa. Por certo, moitas grazas. Xentes coma ti fan que se reforcen os lazos deste pobo de galegos pexorativos, honrados en ser tales. Se en algún lugar chegas a saber quen es, comprenderalo. E non o esquezas, ofende quen pode, non quen quere. E ti,.. por unha banda, que queres que che diga, e por outra, que queres que che conte.
Racismo consentido
Xa vai por dúas veces, como mínimo, que Rosa Díez, deputada de extrema direita e de extremo españolismo racista, utiliza o termo "gallego" para caracterizar pexorativamente o elemento político correspondente, neste caso, Rodríguez Zapatero e Raxoi. E non pasa nada... Quero dicer: o entrevistador (Iñaki Gabilondo, para CNN+) continúa a "disparar" perguntas de resposta rápida, a base de nomear un personaxe e solicitar unha definición inmediata, e "gallego en el sentido más peyorativo del término" é a "ficha" que lle coloca ao primeiro dos citados. Raxoi é "gallego" sen máis, unha sorte... E segue a ronda das perguntas, como se tal cousa... Vaiamos a outros exemplos. Hai anos, Jordi Pujol, como Presidente de Cataluña, empregou o termo "ginatería", nunha conversa coloquial e informal; foi tal emprego denunciado e aireado como a apoteose de todas as discriminacións e tivo que se desculpar, publicamente, por activa, por pasiva e por perifrástica. Voltemos ao presente. ¿Que pasaría se a mesma señora se referise a Barack Obama como o presidente negro dos USA, con perdón? ¿Seríalle admitido sen comentario nengún? Ou, simplesmente, dixese que, a pesar de ser negro, Nelson Mandela merece os recoñecementos de que é obxecto? ¿Pasaría por alto? Pois ben, non menor, en toda a abominábel carga racista, é a mención que se fai do noso xentilicio, do noso ser colectivo. Seica se pode facer impunemente, o cal dá que pensar, porque se admitirá como cousa "natural", "coloquial" e mesmo "simpática" que unha das acepcións de "gallego" sexa ruín, mal gobernante, ambiguo ou renarte. Pola mesma, coa mesma impunidade, nós poderiamos utilizar "español", como caracterización psicopolítica ou sociopolítica, como equivalente a "déspota", "imperialista", "prepotente" ou "analfabeto" (ignorar o que se despreza, que dixo Antonio Machado; desprezar o que se ignora, engadimos nós...). Se tal fixésemos, non habería auga que nos lavase...En fin, por riba da súa rabuda ignorancia ("más peyorativo", como se este fose un adxectivo contábel e non con semántica non cuantificábel), Rosa Díez é igual de racista que os nazis, ou os escravistas ou os segregacionistas ou os sexistas de toda laia... Que se lle consista sen reprobación nengunha; que non haxa, en España, quen lle reclame decontado a devolución do escano tan indignamente ocupado, dá idea da degradación actual da política española e da impunidade coa que se pode seguir negando e vilipendiando aos que temos que ser españois á forza, sen merecermos, ao que se ve, a mínima consideración de igualdade formal, como no máis vello e reseso apartheid histórico dos nosos antepasados ("Viajeros al tren, y los gallegos también...!").Quero pensar que haberá alguén NORMAL que, polo menos, afee ao señor Gabilondo a impunidade con que nunha emisora televisiva se pode insultar a unha parte dos que a ven e a pagan...
xoves, 25 de febreiro de 2010
O galego desaparece das oposicións a secundaria
E tamén poderiamos suprimir o castelán das oposicións ao profesorado de Andalucía. Por iso de non impoñer, digo.
CIG-Ensino anunciou que reclamará na Mesa Sectorial que as probas de acceso á función docente se realicen en galego. O sindicato denunciou, ademais, que Educación suprimiu o requisito de presentación da programación no noso idioma.
Unha cuestión: e os outros sindicatos?
Convocada unha nova edición de "Cantalingua"

Liberdade contra imposición.
Ímoslle dar a volta á frase e, no canto de situala no parlamento de Galicia, poñámola na de Madrid. Que pasaría se un deputado no pleno do Cortes españolas comenzara, desde a liberdade da elección persoal, e non desde a imposición a falar en galego? Pois que Bono, o presidente da cámara, enseguida o recriminaría, obrigándoo a falar en castelán, porque están nunha comunidade monolingüe (!), e así o recolle o estatuto da cámara. Velaí a imposición, outra vez a imposición, pero sempre do castelán.
Outro apuntamento: hai seis días aprobouse no Parlamento, por unanimidade, que todos os representantes públicos, en actos públicos, falarían (non promoverían, nin potenciarían, ...) en galego. Hai seis días votaron a favor, para que? será para indicar que todas aquelas normas favorables ao uso do galego poden incumprirse?
Polo que vemos, por exemplo nas Cortes do Congreso, no Senado, alí si que se cumpren as normas de prohibición de falar en galego, o trato non é simétrico. U-la esa liberdade da que tanto falan algúns?
Estou sospeitando, non sei por que, que só hai liberdade para falar en castelán, mais non a hai para facelo en galego. Por que será?
mércores, 24 de febreiro de 2010
5 dias falando galego
5 dias, iso foi o que durou a iniciativa do BNG sobre o uso (non a promoción) oral e escrito do idioma galego por parte dos cargos públicos da Xunta. Polo menos ata que nos enteráramos tan claramente como hoxe: López-Chaves incumpre o acordo dos grupos e volve falar castelán no Parlamento.
López-Chaves foi concelleiro de Vigo, cidade no que foi responsable da área de Normalización Lingüística (!) do PP. É moi coñecido polas súas polémica petición nese concello da anulación da ordenanza municipal na que se establece que o galego é a lingua da administración local de Vigo. Tamé foi protagonista de varias polémicas no Parlamento con Bieito Lobeira, ao non aceptar a denominación "Galiza" (por certo, perfectamente válida segundo a RAG)
Pero a cousa non remata aquí, aberta a veda...
O BNG sae do pleno da Cámara ante a intervención en castelán de Pedro Arias
O BNG abandona o hemiciclo durante a intervención de Pedro Arias en castelán

Mirando a foto xa comenzo a entender todo isto. O do plurilingüismo, digo.
Foto: diario Público
Rosa Díez, patriota galega
Probablemente, se dixera no que nestes momentos estame a pasar pola mente, podería chegar a ter un serio problema legal. Se a miña conciencia o permitise, calaría mirando cara outro lado en sinal de desprezo, mais esta non o fai. Se a condición de orgulloso galego, non fose máis que unha etiqueta sen visos de concreción vital, escaparía dese lume que agora mesmo ferve no meu interior. Debe ser que non remato de aturar as ofensas dos “imbéciles e escuros” á terra dos meus pais.
Rosa Díez, vergoña do pensamento socialdemócrata, musa de Galicia Bilingüe e evidente impositora do castelán de xeito recalcitrantemente antigalego, tenta desacreditar –cando non insultar– ao presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, e ao líder da oposición, Mariano Rajoy, co termo “gallego”, sen ningún tipo de rubor, cando non da máis exquisita falla de educación. Non quero caer na demagoxia ao afirmar que de xeito probable, no subconsciente desta “elementa”, os galegos sexamos unha raza inferior que necesitemos dunhas directrices marcadas dende outras terras, polo gran risco de non podermos decidir por nós mesmos o noso futuro como pobo, nin por suposto sobre a nosa cultura “ameazada” por hordas de intolerantes galeguistas que só buscan “impoñer” un idioma diferente ao da gran nación española.
Deben os políticos desta terra rexeitar duramente estas afirmacións gratuítas da líder dun partido que en Galicia non representa a ninguén, aínda que a algúns gustaríalle que rematase sendo a bandeira da apoloxía de liberdades lingüísticas pouco cribles, representativas de colectivos marxinais de fondo pensamento antigalego, que pululan polas cidades da nosa terra chorando pola imposibilidade de que os seus fillos descoñezan o idioma nai desta terra. Non quero dar a sensación de pouco demócrata ao afirmar que esta señora e a súa forza se non se retractan, –aínda que xa sabemos o que en realidade pensa–, non están eticamente lexitimados para intentar representar a ningún galego dos que só entenden que as palabras que nos identifican como pobo, son motivo de orgullo de sentirmos diferentes a entes represores da nosa cultura.
Señora Díez: eu en ningún caso utilizarei ningún termo “pexorativo” para describila a vostede, o meu será meramente descritivo para chamala indecente.
Ou non?
Orgullosos de sermos galegos

A Mesa felicita ao ministro Blanco
A Mesa felicita a José Blanco, o ministro de fomento, por defender o uso do galego no Senado.
Xosé Blanco, en galego, defende o uso de todas as linguas oficiais no Senado
Unha das 500 normas de imposición do castelán dictan que nas cámaras de representantes só se pode usar esa lingua.
Nós tamén o felicitamos, e tamén o faríamos se nas campañas electorais, ou nas visitas que fai a Galicia, tamén usara a nosa lingua.
Rosalía e Castelao

Que medo!
Zunante
Todos deberíamos facer o exercicio de colocármonos no lugar do outro, sexa quen sexa ese todos, e sexa quen sexan ese outro, antes de abrir a boca.
Efectivamente, a líder de UPyD, Rosa Díez, para insultar a Zapatero, chámalle gallego. Pensou ela algunha vez que pasaría se alguén a chamase española, no peor sentido da palabra?
Rosa Díez: 'Zapatero podería ser gallego no sentido pexorativo da palabra' . A este respecto A RAE aínda contén “tonto” –falto de entendemento ou razón– "bruto" ou “tartamudo” como definicións de "gallego",
Se non vos fiades, ou se sodes masoquistas, mirade o vídeo desde o minuto 5:00 ao 5:20. Polo demais as respostas da entrevista son de pena, non merece que ninguén a mire.
Algunha debería usar a lingua para rumiar, pois ben que lle é máis acaído ese uso que o da fala.
Imposición.500 normas impoñen o castelán
A Plataforma per la Llengua elabora tres informes para demostrar a discriminación que sofren as linguas cooficiais no Estado .
A maioria inclúen sancións lingüísticas. Existen 54 normativas, pro exemplo, que obrigan unicamente o coñecemento do castelán e nalgunhas delas especifícase que o resto das linguas cooficiais non poderán ser requiridas, ao tempo que se establece un máximo de puntuación de méritos por se algunha administración as quere contabilizar para a obtención de prazas.
A Plataforma sinala que:
mentres as linguas cooficiais non asuman o mesmo status legal do castelán na estrutura do Estado, os cidadáns do dominio lingüístico non castelán non terán garantidos os seus dereitos como falantes.
E seguimos na mesma, Esquecendo as obrigas . A Plataforma Queremos Galego anunciou onte que o Comité de Expertos do Consello de Europa emitirá en abril o seu informe "máis crítico" coa política lingüística levada a cabo pola Xunta de Galicia con respecto ao cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.
No entanto, O Consello Xeral do Poder Xudicial ve "inconvenientes" no anteproxecto de lei do Rexistro Civil por permitir as inscricións "en calquera das linguas oficiais do Estado" e pide que o seu uso se circunscriba ás comunidades autónomas onde ese idioma teña oficialidade.
Efectivamente, o galego, só para Galicia. Un galego en Zamora non ten os mesmos dereitos que un zamorano en Ourense, a razón: un deles é galego. A isto chámaselle racismo.
Ou non?
O lóxico é etiquetar en galego

Dende cando etiquetan en galego?
Dende xuño de 2009. Con anterioridade comercializamos unha liña de gasosas e refrescos para o mercado portugués e a literatura das etiquetas é practicamente a mesma nos dous idiomas.
Por que decidiron facer este cambio?
O galego é algo noso que se está perdendo. As novas xeracións coñecen a nosa lingua a través dun sistema baseado no ensino nas escolas, pero non a nivel da rúa e do día a día. O lóxico é que se etiquete na lingua do país do que é orixinario o produto.
Cal foi a reacción do público?
A xente da zona da Coruña, sobre todo de Sada e a Costa da Morte felicitounos. E os clientes de fóra preguntaron polo significado dalgunha palabra como recendo, pero nada máis. Vendemos en Galiza e toda a zona norte e centro do Estado sen ningún tipo de problema.
Que lle achega o galego ao produto?
En Galiza temos produtos únicos e de alta calidade. Porén, non lle sacamos partido á nosa lingua para diferencialos nos mercados exteriores a través do galego. Debemos facer gala os nosos sinais de identidade para defender o noso. Se non o facemos nós no van vir os de fóra a facelo.
Van facer o cambio co resto dos refrescos que fabrican?
Si. A seguinte tirada que teñamos que facer de etiquetas para os produtos Coral e Zar vai ir escrita en galego.
E na comunicación interna da empresa?
Agora estamos inmersos nunha segunda fase de normalización: a de galeguizar toda a papelaría e comunicación interna da empresa coa axuda do Foro Peinador.
martes, 23 de febreiro de 2010
Política e lingua
O parlamento é unha pena: O PPdeG rexeita no Parlamento unha moción do BNG para retirar o decreto do galego
A pesar disto, distintos medios destacan que Queremos Galego prevé que o informe do Consello de Europa será moi crítico e Queremos Galego prevé o "informe máis crítico" da UE coa Xunta
La Voz contra o galego.

A lingua da prensa
“O decreto pode ser contrario a dereito”
A Xunta aposta por substituír a norma que fixa un mínimo de 50% de materias en galego, que efectos pode ter?
Pasar dun sistema que funciona ben, cun mínimo de 50% en galego que garante o coñecemento das dúas linguas, a un decreto que introduza o inglés e o coloque no mesmo plano que as linguas oficiais, a impresión que dá é unha regresión a respecto do anterior.
Interpreta igual a eliminación dos exames en galego para funcionarios?
O Comité de Expertos da Carta Europea esixe claramente un reclutamento de persoal bilingüe. Se ata o de agora as probas de acceso eran en galego e agora se fan só en castelán, dá a impresión de regresión. É algo que se ve en toda Europa, porque dende o punto de vista económico, as linguas vense como barreiras pero se non hai receptividade por parte dos funcionarios, limítase o desenvolvemento da lingua.
Os cambios foron reclamados por grupos que ven o castelán “en perigo”...
O castelán non está en perigo, e formulalo así é funcionar sobre unha ficción. É un discurso interesado para lexitimar a primacía dunha lingua sobre outra. Sorprendeunos gratamente a resposta galega fronte a esa regresión, foi moi acertada . Dende Euskadi vemos estas mobilizacións con moito interese fronte a unha política sen respaldo social.
O presidente da Xunta asegura que o seu plan lingüístico concorda co de Euskadi, ata que punto é certo?
A situación é moi diferente, o que acontece é que tanto en Euskadi como en Galicia, co cambio de Goberno, parece que se ven obrigados a modificar a política lingüística. En Galicia, ata o de agora, no ensino a progresión foi positiva e os datos demostran que a regresión de galego se estabilizara, pero parece que todo o que funciona ben hai que revisalo. A única explicación que teñen estes movementos é política.
É posible conciliar estas reformas coa Carta Europea das Linguas?
Teriamos que tender ao que funcionou, un ensino principalmente na lingua propia para conseguir unha competencia nas dúas linguas. A Carta é dereito vixente, un tratado internacional. A impresión coa que un queda é que no Estado español a Carta non se aplica, pero é dereito, de acordo coa Constitución, e unha normativa que vaia en contra dela habería que revisala.
Sería, polo tanto, susceptible dun recurso ante os tribunais?
Si, é alegable ante os xuíces. Unha reforma que limite o desenvolvemento das linguas, se non se adecúa á Carta, teríamos que dicir que sería contraria ao dereito internacional vixente.
Galicia non debe dar pasos atrás na protección ao galego.

O Reino de España debe corrixir as severas eivas no cumprimento dos preceptos da
Carta sinalados xa por dúas veces nos informes de avaliación, sendo especialmente
graves os referidos á Administración de Xustiza –que non garante o
desenvolvemento dos procesos xudiciais nas linguas propias en contra dos
compromisos ratificados por España- e os do ámbito do ensino nas Comunidades
Autónomas que non dispoñen de modelos educativos esencialmente nestas linguas.
Galicia non debe dar pasos atrás na xa insuficiente protección do galego no ensino,
segundo destacan os dous informes de cumprimento, e debe ofertar un modelo de
ensino basicamente en galego e unha axeitada capacitación do profesorado que
permita cumprir os compromisos adoptados coa ratificación da CELRM que agora
son normativa interna vixente. Tan só o modelo de educación infantil de 0 a 3 anos
cumpría as esixencias da Carta tal e como sinalou o Informe dos Expertos en
2008”.
Incumprimento da Carta Europea
A coordinadora destas xornadas, a profesora da USC, Alba Nogueira, declara que Recortar o galego no ensino é "incumprir" a Carta Europea das Linguas Minoritarias. Ademáis xustiza e ensino son os ámbitos "onde a Unión Europea lle recorda reiteradamente ao Estado que hai incumprimentos moi evidentes e que non se cumpren os compromisos". Neste senso van as críticas á política lingüística en Galiza, "reiteradas por informes do comité de expertos" da UE que constataron "problemas de incumprimento no ensino", onde debería existir a posibilidade de acceso a un modelo "só en galego". Nesta liña, aludiu ao proxecto da Rede de Galescolas impulsado pola Xunta do bipartito, encomiado polo último informe da institución europea -datado de 2008- e que "vai na liña" das políticas expostas na Carta.Ademais, comentou outros modelos que se acollen ás formulacións da norma, como a inmersión en Cataluña; o sistema triplo do País Vasco -só en vasco, 50% entre vasco e catalán ou maioritariamente en castelán. "Non son válidos casos como o valenciano ou o galego", aclarou.
A Carta europea das linguas
Hoxe e mañá desenvólvense en Santiago de Compostela unhas xornadas de análise sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias. O encontro, organizado polo Consello da Cultura Galega, está coordinado por Alba Nogueira e nel participarán coñecidos xuristas que valorarán as dimensións deste tratado internacional e a súa aplicación concreta no Estado español e en Galiza. Xunto co secretario do Consello da Cultura, Henrique Monteagudo, abrirá as xornadas Simone Klinge, pertencente ao secretariado do Consello de Europa encargado de avaliar periodicamente o nivel de aplicación deste tratado.
Hai que felicitar o Consello da Cultura Galega pola organización deste evento nun momento que é, por varias razóns, tan oportuno. En primeiro lugar, porque axudará a dar a coñecer este tratado internacional que pertence ao noso ordenamento xurídico e que nos recoñece unha serie de dereitos ás galegas e aos galegos que, inxustamente, aínda non podemos exercer. Ademais, nestes momentos o Consello de Europa está de novo no proceso de monitorización que desenvolve cada tres anos sobre o nivel de aplicación desta Carta no Estado español, polo que é acertado realizar un recordatorio en voz alta aos poderes públicos, para que asuman os seus compromisos e apliquen o sinalado neste tratado. Cómpre chamar a atención en especial ao nivel de incumprimentos por parte do Goberno galego. Desde que Alberto Núñez Feijóo asumiu a presidencia da Xunta non só non se avanzou en aplicar a Carta, senón que tamén se desmontaron algunhas medidas adoptadas polo goberno anterior no camiño do seu cumprimento.
O último informe realizado sobre a lingua galega polo Comité de Expertos do Consello de Europa encargado de avaliar o nivel de aplicación deste tratado internacional data de decembro de 2008. Repasemos as liñas básicas dese relatorio, para atendermos o que poderá dicirnos este organismo europeo dentro de poucos meses.
Visión xeral da política lingüística
O Consello de Europa consideraba xa na altura que, polo seu escaso desenvolvemento, estaba malogrado o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento na derradeira lexislatura de Manuel Fraga Iribarne. Así, avaliaba que "os efectos derivados do plan de acción adoptado en 2004 polas autoridades galegas observáronse no ámbito da administración autonómica e local. Porén, non hai os efectos que se agardaba noutros ámbitos. No sector do ensino en particular, non obstante as interesantes iniciativas emprendidas polas autoridades, o número de alumnos que reciben educación escolar en galego segue sendo moi baixo".
Ensino
A principal iniciativa no ensino a que se refiren é, con certeza, o decreto 124/2007, o que regula ao menos a metade das materias no noso idioma en cada etapa do ensino non universitario. Fronte ao discurso falaz da "imposición", repetido onte e hoxe polo PP, o Consello de Europa é ben claro. Por unha banda, respalda o decreto que o actual goberno quere derrogar unilateralmente, mais pola outra sinala unha serie de melloras para a lingua galega.
Por exemplo, falan ás claras da obriga dos poderes públicos de desenvolver programas de inmersión en galego. Así, estabelece que, xunto co 50% mínimo, deberíanse implantar programas que estabelezan o galego como lingua vehicular en todas as materias e en todas as etapas. Iso desenvólveno tamén na epígrafe das "Conclusións" do seu relatorio para o conxunto do Estado español: "Na maioría das comunidades autónomas, o ensino na lingua cooficial baséase nun modelo bilingüe estruturado. Porén, isto non se corresponde cos compromisos elixidos polo Goberno español, que conlevan ofrecer así mesmo modelos de ensino impartido esencialmente nas linguas rexionais ou minoritarias. A elaboración dun modelo de plena inmersión sumado ao modelo bilingüe é o obxectivo que todas as comunidades autónomas interesadas deberían tratar de alcanzar con miras a cumpriren gradualmente os compromisos subscritos". Por moito que lles proia aos dirixentes do PP, iso é o que di literalmente o Consello de Europa: "a elaboración dun modelo de plena inmersión sumado ao modelo bilingüe". Nada di de que o galego sexa opcional nin de que teña topes do 30 ou do 50% como máximo nin ningunha das propostas que queren ou están xa a aplicar desde a Consellaría de Educación de Alberto Núñez Feijóo.
Por outra banda, no relatorio sobre Galiza sinálase que "o Comité de Expertos desexa eloxiar en particular as autoridades polo proxecto da Rede Galescolas", por iren no camiño de aplicar a Carta. Non chama a atención que un dos poucos motivos de aplauso dos expertos deste organismo europeo desaparecese nun tempo récord?
Xustiza
Aínda que as modificacións substancias para garantir os dereitos lingüísticos na Administración de Xustiza non son competencia autonómica, si hai recomendacións que afectan de cheo á Xunta. En especial, que exista documentación con normalidade en galego, que se traduza a lexislación ao noso idioma e que se estabelezan "axeitados programas de formación orientados ao persoal da Administración de Xustiza e aos avogados."
Autoridades administrativas e servizos públicos
No relatorio de finais de 2008, o Consello de Europa afea a ausencia de galego en formularios, sinalizacións e atención ao público sobre todo á Administración Xeral do Estado, mais se a cousa non muda vai ter que pór unha epígrafe específica no seu próximo relatorio sobre os retrocesos que se están a producir para o galego na Administración autonómica. Os expertos tamén constataron nesa avaliación unha "diminución do emprego das linguas cooficiais nos servizos públicos, na súa forma oral e escrita".
Pode haber mellora cando a primeira medida adoptada por Alberto Núñez Feijóo foi modificar, por vía de urxencia, a Lei de función pública, para que o galego deixe de ser na práctica un requisito igual que o é o castelán?
Medios de comunicación
Neste punto hai dous niveis de incumprimento. En primeiro lugar, porque, a maiores da RTVG, debería existir como mínimo unha radio e televisión privadas que emitan con normalidade en galego para o conxunto de Galiza. A presenza en xeral da lingua galega nos medios considérana, con moita diplomacia, como "mellorábel".
O articulado da Carta europea apunta tamén a obriga de que en Galiza se poidan recibir as radios e televisións portuguesas con normalidade. Sobre iso, o Parlamento galego asumiu un acordo por unanimidade na pasada lexislatura, mais aínda non se coñece a primeira medida para que chegue a concretarse.
Vida económica e social
O Consello de Europa lembra os "casos en que os traballadores foron obxecto de acoso por falar en galego" e sinala como unha das causas a "ausencia dun plan de acción para evitar estas situacións". Dito plan continúa sen existir, nin está na axenda dunha Xunta que se encarga máis ben en desmantelar a oficialidade da nosa lingua e en considerala publicamente como "barreira" ou "muro".
A respecto do servizo público de saúde, indica que "o persoal en cuestión fala fundamentalmente castelán, non existe un regulamento sobre o uso do galego no SERGAS e nos hospitais e non se emprenderon iniciativas para impartir formación ao persoal".
Fanse eco ademais da información recibida que apunta a que "a maior parte do persoal non está cualificado para prestar servizos en galego, e a situación é grave na atención privada de saúde, así como nos fogares de anciáns". A situación non fixo máis que empeorar nestes meses.
A respecto do uso do galego nas sinalizacións de seguranza en todo tipo de edificios e tamén os indicadores dos soares en construción, o Comité de Expertos sinalaba con rotundidade que "non se cumpre", mais tamén nisto os retrocesos son constatábeis.
Que facermos?
Podemos e debemos reclamar as medidas necesarias por parte dos poderes públicos para que se garantan os nosos dereitos lingüísticos. A Xunta ten obriga de cumprir os tratados internacionais subscritos en democracia, como a Carta europea das linguas. De continuar sen facelo, non só deberemos manter a tensión mobilizadora, senón iniciar vías de denuncia internacional da situación.
La Voz de Galicia contra o galego

Tosar, Reixa, Martiño Rivas, Castro... Polo "orgullo de falar galego" no Xornal de Galicia
Luis Tosar "abraza eltrilingüismo prometido por Feijóo en PúblicoOs actores tamén están 'orgullosos do galego' na Nosa Terra
Unha campaña "de cine" para recordar o orgullo de falar galego en de Luns a Venres
Luís Tosar protagoniza un vídeo de los equipos de normalización en El País
A cultura do país, "Orgullos@s do galego" en Galicia Hoxe
Luis Tosar protagoniza con otros actores una campaña en defensa del gallego, no Faro de Vigo
E a Voz de Galicia? O periódico de máis tirada en Galicia. O que recibe máis cartos en concepto de normalización do galego? O que recibe máis cartos das administracións, non informa. Pecado de omisión que lle chaman en liguaxe periodística.
luns, 22 de febreiro de 2010
A imposición.Leis sobre mexillóns ameixas e berberichos

ORDEN DE 15 DE OCTUBRE DE 1985 POR LA QUE SE APRUEBA LA NORMA DE CALIDAD PARA LOS MEJILLONES COCIDOS Y CONGELADOS.
ORDEN DE 15 DE OCTUBRE DE 1985 POR LA QUE SE APRUEBA LA NORMA DE CALIDAD PARA EL MEJILLON, ALMEJA Y BERBERECHO EN CONSERVA
Dou e darei as clases en galego
"Dou e darei as clases en galego"
Pois iso.
E logo!, quen o lembra?

No 2007 gastouse unha morea de cartos na campaña e logo! Serviu para algo? alguén a lembra?
Houbo anuncios na televisión, carteis publicitarios como este do lado. E no 2008... tamén gastamos unha morea de cartos.
Serviu para algo? alguén lembra a campaña?
Houbo concursos, folletos...
Tamén se fixeron spots radiofónicos como o seguinte:
E no 2009 outra vez, máis cartos, máis campaña e máis e logo!
E despois?
Cambio de goberno, ataque continuo ao galego (fálase del como se fose unha imposición de fóra, elimínase das probas á administración, preséntase un decreto para o ensino para reducir en todos os ámbitos docentes a súa presencia), e unha asociación que se acaba de formar hai uns meses como resposta a estes ataques, a Coordinadora de Equipos de Normalización, crea unha campaña, orgullosos do noso, orgullosos do galego, que vai dar máis que falar, que será máis coñecida, que será máis seguida. Xa o veredes.
En galego, proba e verás from Coordinadora Galega ENDL on Vimeo.
O CCG aborda a Carta Europea das Linguas
Hoxe e mañán o Consello da Cultura Galega (CCG) aborda dende hoxe a aplicación real dun dos piares da lexislación lingüística de Galicia, como é a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (Celmr), un tratado internacional impulsado en 1992 polo Consello de Europa e ao que as Cortes españolas lle deron o seu visto e prace en 2001.
Campaña a favor do galego
Especialmente simpática é o retallo da noticia da TVG, Tosar, Rivas e Reixa piden "máis protección" para o galego , pois ao final indican que é o debe sentir toda esta xente diante do decreto. Premede na ligazón e observade o vídeo, atentos ás 3 últimas palabras.
Os da Coordinadora foro ao cerne do asunto: a cuestión identitaria, o asunto de se somos galegos e estamos orgullosos de o ser. Pois aquí tendes a Tosar, Reixa, Martiño Rivas, Castro... Polo “orgullo de falar galego”
http://vimeo.com/9626263 from Coordinadora Galega ENDL on Vimeo.
Feijóo contra o decreto
Efectivamente, Feijóo promete que sempre defenderá o galego, pero máis claramente, o proxecto de decreto tiña como un dos seus obxectivos fundamentais, a intodución do idioma estranxeiro nun 33% da docencia non universitaria, agora Feijóo declárase contra este principio e di 'O obxectivo agora é 50% en galego e 50% en castelán'
“Teño a convicción de que o galego será unha lingua viva por moitos séculos”
Miguel: teatro, poesía, pintura, cal é o teu campo de acción, o de máis importancia ou interese a nivel íntimo. Que complemento ten a distribución do idioma e as súas consecuencias?
En teatro, dende hai moitos anos, son un mero espectador aínda que tiven 5 anos consecutivos e intensos de participación escénica. Persoalmente gústame que o teatro galego sexa en galego, en poesía síntome tamén máis lector que creador e anque os meus primeiros poemas foron escritos en castelán, os dos últimos 25 anos son maioritariamente pensados e escritos en galego; finalmente en pintura considérome simplemente un persistente traballador e pinto ademais coa mente máis universalizada do que son capaz. Quero dicir que non pinto nin en galego nin en castelán. Desde unha perspectiva íntima non sabería distinguir cal domina, aínda que é a pintura a que me produce máis satisfaccións persoais.
Tes moita máis obra pictórica que literaria, é unha decisión propia e sentimental?
Naturalmente teño moita máis obra pictórica, o eido literario é anecdótico, resulta máis desexo que realidade minimamente profesional. De calquera modo os sentimentos son moi variables, e por iso algunhas veces síntome con moitas máis ganas de escribir que de pintar.
Con respecto á lea do galego, en liñas xerais, cal é o teu posicionamento, a posibilidade da túa ou túas propostas?
O galego é unha lingua en toda plenitude e como tal é una parte moi importante do noso patrimonio cultural diferencial, polo tanto é necesario o seu coñecemento e recoñecemento e iso é o autenticamente relevante.
Mais non debemos esquecer que como toda lingua ten a súa realidade e finalidade na intercomunicación non sendo esta nunca unha filosofía, ideoloxía ou bandeira nas que un poida posicionarse. En canto a propostas non me sinto capacitado nin suficientemente informado como para poder facer propostas que teñan un sustento mínimo de seriedade.
Cres que Galicia é de si bilingüe?
Si creo que é bilingüe, mais non como o entende "Galicia bilingue" asociación. Creo que ninguén pode poñer en dúbida esta realidade tan contundente das dúas falas que deben coexistir sen que necesiten quen as dirixa ou manipule. Creo que a nosa burguesía urbana non soubo ou non quixo historicamente asumir a lingua como expresión propia e culta, como lle sucedeu á lingua catalá por exemplo. Con todo nestes últimos anos temos por forza que recoñecer o importante esforzo que fixo Galicia por acadar un corpus bibliográfico de certa relevancia que creo axudará moito a manter forte a nosa lingua.
Hai bilingüísmo harmónico ou diglosia perversa, substitución dun idioma polo outro que semella conducir á desaparición e polo tanto morte do outro?
Non creo que haxa perversión intencionada ningunha, si creo que o decorrer histórico-social vai marcando diferenzas. Creo que o efecto que ti atribúes á perversión é un efecto máis sociolóxico que garda certa relación coa desruralización da poboación e algunhas outras razóns máis. Non creo na desaparición de ningunha das dúas linguas, aínda que por tempos poida parecelo.
Pode ter momentos diferenciados en intensidade ou interese pero teño a convicción de que o galego será unha lingua autenwticamente viva por moitos séculos porque a súa desaparición sería tanto como a desaparición da nosa cultura e isto a min non me parece nada previsible.
O castelán ti cres que en certa maneira foi imposto en Galicia a sangue e fogo?
Esta é una expresión desafortunada e mesmo ridícula para amosar a realidade actual. O sucedido en Galicia e nas outras culturas con lingua propia ten máis que ver co acontecer histórico e a política de reunificación dos reinos de Isabel e Fernando que coa lingua en si mesma, aínda que esta acción afectase naturalmente á riqueza lingüística da península. Debemos ter en conta que ben puido ser o galego a lingua elixida para o novo territorio unificado, posto que tamén, nun determinado momento, foi esta a lingua de fala cortesá. Con todo, e pasados cincocentos anos, todas as linguas perviven e con certa vitalidade.
Non sei, non teño un criterio moi claro ao respecto, creo que calquera novidade imposta dende a administración política non terá especial incidencia na cotidianeidade da cidadanía. Tamén creo que esta non é condición indispensable nin para a construción política nin administrativa porque realmente as culturas son as que definen os pobos. O artellamento xeográfico ou administrativo garda máis relación coa efectividade que coa cohesión da galeguidade.
Cal a a túa opinión de Galicia ou Galiza como nación?
Creo que Galicia é moito máis que un pronunciamento institucional, político, social ou cultural. Non comparto o discurso nacionalista; interésanme moito máis as persoas, os pobos, os seus comportamentos e a súa convivencia. Aínda que teño que recoñecer o meu fervor por todo o que representa a nosa cultura e o seu patrimonio polo que estou sempre en disposición de loitar e porque este é o meu traballo e o meu convencemento.
Apostar polo independentismo é delituoso?
De ningunha maneira, o independentismo é un posicionamento absolutamente lexítimo, calquera idea da conformación dun pobo ten, obrigatoriamente, cabida na democracia. Outra cousa é a concepción maioritaria deste.
Como pintor, escritor e poeta, cal sería o retrato que ti farías do tempo?
Como escritor e poeta non sei porque estou moi lonxe de asumir tal estatus. Como artista e mais como persoa, creo que meu retrato do actual tempo sería en tons grises escuros, moi escuros, como reflexo da triste realidade dunha alta porcentaxe da poboación humana que sofre de miseria. Creo que no occidente opulento temos pouco tempo xa para reflexionar e pensar en clave de solidariedade, fermosa palabra aínda moi recente e escasa no noso vocabulario. Creo que en occidente vivimos na máis cómoda e inconsciente consciencia e conciencia.
Cal é a túa relación co ontolóxico, o metafísico, as crenzas?
Lamentablemente para min, síntome impregnado dunha grande asepsia metafísica que unicamente se compensa coa feble crenza na bondade do humano como individuo aínda que non tanto como colectividade. As miñas crenzas son poucas, moi poucas e moi debilitadas pola realidade.
Non estamos maltratados dende o punto lingüístico e mesmo histórico-cultural?
Se te refires os galegos como colectividade cultural e social é posible que si, pero eu non estou disposto a seguir "chorando". O que creo que temos que facer os galegos é esforzarnos por modificalo sen lamentacións que non axudan nada agás para o remate do entroido.
Monarquía e democracia… Non é un antagonismo?
Conceptualmente pode ser, pero algún dos valores da democracia é precisamente convivir con tódalas posicións. De calquera modo creo que isto é absolutamente irrelevante.
Que é a vida?
Para min semella ser unha oportunidade para manifestarse como individuo e como comunidade. A vida, as nosas vidas, forman parte do que representa o conxunto da natureza sen que a ela lle pareza importar moito a nosa existencia. Creo humildemente que os humanos non transcendemos tanto, cada vida humana non é máis que un pequeno bocexo da natureza.
Retornemos á pintura… é o universo que te move?
Non sei o que realmente me invita á creación pictórica, o que me move a pintar máis ben parece obedecer a un impulso de carácter biolóxico que unha necesidade psicolóxica ou cultural. Eu tamén teño o meu microscópico universo, que é o que me direcciona no traballo creativo. Pinto, creo, non únicamente para satisfacer as miñas necesidades creativas, tamén pinto para ser visto, comunicarme, coincidir, diferenciar…
Regreso a unha anterior pregunta… Retratar o tempo non sería a obra dun grande artista, desde a pintura á literatura?
Efectivamente, todo creador e aínda innovador non fai máis que transportar na obra a súa realidade vivida, os seus sentimentos, aconteceres, teimas… Persoalmente sempre tiven unha teima co tempo, sempre quixen comprendelo, pescudar nel. Unha boa parte da miña obra está relacionada coa necesidade de recoñecer, atrapar o tempo ou máis ben as vivenzas que se producen nel.
A poesía é unha circunstancia na vida dos homes e das mulleres?
Si, é unha constante que se repite nos humanos, xa que todos semellamos ter "alma poética" sinxelamente porque o home sente a necesidade de comunicarse cos demais e sexa na lingua que sexa.
Que libro que aínda non escribiches pensas escribir?
Hai máis dun; un sobre a comprensión antropolóxica do xogo infantil que leva acompañándome uns 40 anos, outro sobre a antropoloxía da arte, que levo tamén moito tempo tentando escribir, e finalmente unha novela que xa ten título, "Piollo", que ten todo o corpo central composto, e tal vez, e con moitas reservas, unha pequena escolla dos meus poemas.
Cal cadro?
Dos meus, todos os que faltan, que agardo sexan moitos, e tal vez un que teña a virtude de non poder ser visto.
Cal retrato do amor segundo a definición de Leonardo de Médicis?
Creo que o amor se pode representar nunha balanza na que unhas veces resulta equilibrado e outras moitas absolutamente descompensado.