Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 7 de febreiro de 2010

Os camiños da lingua

por Xosé Luis R. Pardo, avogado, no Xornal de Galicia

Todos lembramos o dito de que todos os camiños levan a Roma e, a día de hoxe, tamén poderíamos dicir, logo das viravoltas que deron o señor Feijóo et altri, que xa todos os camiños do Xacobeo levan a Santiago.
Tanto nun caso como noutro, os camiños, denantes de chegar a onde tiñan que nos levarmos, ían a outros sitios que non eran conformes co deu destino de camiños. Do mesmo xeito, o famoso decretazo sobre do ensino das linguas na nosa Terra, tan logo iba cara a dúas linguas como medraba cara a tres máis, ao remate, o Consello da Cultura Galega, ao igual que xa fixeran denantes os movementos Pro Lingua, Queremos Galego, a Real Academia Galega, o fato de xuristas que firmou o seu pronunciamento, etc., declararon que, na nosa terra, todos os camiños da lingua nos levan ao galego: á nosa fala. E agora ven por outro camiño o movemento de sesión Galicia Bilingüe, que seica vai organizar unhas sesións megafónicas en poucos días, para reivindicar o uso do mesmo camiño para as dúas ou tres linguas ás que ese movemento, (non nacional), pretende embarcarnos a todos os galegos.
Como xa dixemos moitas veces, non é agora o tempo de lle poñer pedras no camiño ao ensino da lingua galega, falándonos de cousas tales coma a “inmersión lingüística” e esquecendo que, coma ben di o noso Estatuto de Autonomía, o galego é a lingua propia de Galicia e, de seguido, establece a cooficialidade do galego e do castelán. Nese mesmo artigo 5º do Estatuto imponse aos poderes públicos de Galicia, ou sexa, tamén á Xunta de Galicia, que garantiran “… o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e dispoñerán os medios necesarios para facilita-lo sen coñecemento”.
Pódese, con esa obriga de potenciaren o galego por parte dos poderes públicos de Galicia, reducir o ámbito do galego no ensino tal como se pretende co famoso “decretazo”? Nin sequera se trata de lle botar unha man ao castelán senón, tan só, de lle recoñecer ao galego a súa propia esencia galega e, tamén que de ningún xeito se pode restrinxir o seu uso en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa de Galicia. Estase a facer iso? Os camiños que nos sinalaron os nosos guieiros oficiais lévannos de outro xeito do que pretende o decretazo, o cal, visto o visto, resulta claramente anticonstitucional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario