Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 27 de febreiro de 2010

“Publicar as teses en galego e inglés pode ser moi positivo para a nosa lingua”

Entrevista a Edelmiro López Iglesias, profesor na Facultade de Económicas, no Cartafol

Nos primeiros anos que se ofertaban estas axudas, produciuse un aumento nas teses en galego, mais actualmente estamos estabilizados en torno ao 10%. Que impresión lle causa ver estes datos?
Non é un feito positivo, mais non me causa sorpresa, xa que é un problema da Universidade en particular e de toda Galicia en xeral. O que percibo nesta Facultade, logo de levar 25 anos impartindo clase é que non houbo un avance no uso do galego, senón que, máis ben, dáme a impresión de que os profesores máis novos utilizan o galego nas clases aínda menos que os que xa temos máis idade. E isto, evidentemente, ten o seu reflexo nas teses.
Por que hai tanta desproporción entre as teses elaboradas en galego fronte ás que se fan en español?

É por mor dun problema xeral do país. Aínda que falar e, sobre todo, escribir en galego se converteu en algo máis normal nos últimos 25 anos, globalmente creo que unha parte da sociedade dubida moito da utilidade da lingua. Esta percepción tamén se traslada en importantes proporcións a un ámbito tan específico como a investigación universitaria. Mantense a idea de que para investigar, por exemplo en química, hai que facelo en español ou inglés. Esa é a grande falsidade que cómpre combater no futuro. Non tanto apelar só ao compromiso de falar en galego por fidelidade aos nosos antepasados, senón tamén pola súa utilidade. A nosa lingua tamén pode ser utilizada na investigación; de feito, a través das variantes do galego-portugués pódese chegar a un público de algo máis de 200 millóns de falantes. Teño unha anécdota persoal que serve de exemplo. Coa miña tese cheguei a obter un premio a nivel de Estado para publicacións agrarias, pesqueiras e alimentarias. O feito de estar en galego, reintegrado ademais, non me impediu acadar ese galardón.
Aínda que a publicación de resultados en moitas ocasións haxa que facela en inglés ou noutra lingua, cre que é posible investigar na lingua propia?

A investigación é construír novos coñecementos sobre a base de elementos que un ten. Logo pódense rematar plasmando en distintos idiomas, mais estou convencido de que a lingua na que moitos investigadores e investigadoras fan os seus razoamentos é o galego, aínda que logo publiquen noutro idioma. Polo tanto, creo que é posible investigar en galego en calquera disciplina. Mais tamén vexo posible publicar na nosa lingua, sabendo que para dirixirse a determinados ámbitos terá que publicar tamén noutros idiomas, sobre todo inglés.
Pode ser que unha publicación se tome en menor consideración por estar en galego?

Ese problema existe, xa que o que está máis valorado son as revistas en inglés; así que, guste ou non guste, rematas publicando nesa lingua. Pero tamén é un prexuízo contra as linguas minoritarias dentro do Estado. Despois do inglés, se un publica en revistas en español, pode ver que están moito mellor avaliadas que as revistas en galego. Por este motivo, xente nova que comeza a súa carreira académica e investigadora opta por publicar en castelán, aínda que teña unha actitude positiva cara ao galego. Este é un problema que é importante resolver. Se se acepta que o Estado é plurilingüe, este feito debería reflectirse á hora de avaliar a investigación. E isto agora non pasa. De feito, eu teño asistido a oposicións para prazas de profesor titular ou de catedrático onde a algún candidato se lle avaliu negativamente o feito de que boa parte do seu curriculum estivese publicado en galego.
En canto á divulgación, hai menor utilización da lingua galega da que debería?

Si, pero de novo ten que ver coa imaxe da utilidade do galego. Se un mira o mercado editorial no noso idioma, pode ver que é de tiraxes moi curtas e moi dependente das compras institucionais. Isto remata por condicionar a lingua de publicación. Mais todo depende do mercado ao que te dirixas. Se as obras de divulgación, mesmo científicas, van orientadas cara ao mercado galego, pódense facer perfectamente na nosa lingua.
Cando comezaron estas axudas, no 94, n´O Cartafol fixerámoslle unha entrevista a Lourenzo Fernández Prieto na que se queixaba das presións por parte de directores de teses para que se fixesen en castelán. Isto segue a acontecer?

No meu departamento sempre houbo unha actitude moi positiva de cara ao galego. De feito, nunca me preguntei en que lingua ía facer a tese porque o normal era facela no idioma do país. Agora ben, creo que noutras áreas estas presións seguen a existir porque a Universidade ten unha estrutura moi xerárquica e os catedráticos/as ou os directores/as de tese teñen moita importancia. Mais, se cadra, inflúe máis o ambiente que haxa no departamento que unha imposición directa dunha determinada persoa. Non creo que globalmente se produciran cambios nese aspecto, nin tampouco creo que isto se poida corrixir con axudas.
Non cre que esta liña de axudas sirva para que algunhas persoas incorporen o galego neste primeiro gran capítulo da súa carreira investigadora?

Pode haber casos concretos de persoas que teñan vontade de facer a tese en galego pero que ao non contaren aínda cun dominio forte do idioma, si que lles é moi útil un apoio na revisión lingüística. Iso é, na miña opinión, unha parte moi importante da liña de axudas: a mellora da calidade da escrita. A calquera lle chama a atención se en español alguén escribe con v unha palabra que é con b. Mais en galego parece que un pode meter as maiores barrabasadas orais ou escritas, xa que semella que o único importante é a vontade. Isto non debe ser así, e moito menos en publicacións científicas.
Como valora a posibilidade de elaborar a tese en varias linguas?

Eu creo que sería o ideal para favorecer un maior uso do galego. Se alguén ten que escoller só un idioma no que presentar a tese, vai ser difícil convencelo de que o faga na nosa lingua. Mais se se abre a posibilidade do binomio galego-inglés... iso xa é outra cousa., e permitiría dirixirse a un mercado local e tamén ao global. A orientación da liña de axudas cara á utilización de teses en galego ao inglés sería moi interesante.
Cre que o feito de elaborar unha tese en galego pode ter repercusións na docencia posterior?

Non sei que é primeiro, se o ovo ou a galiña. Sería curioso ver a comparación entre as teses publicadas en galego e a lingua na que imparten as súas clases as persoas que as redactaron. Teño moitos compañeiros que imparten as aulas en galego pero que publican en castelán.
Cre que esta liña de axudas é suficientemente coñecida?

Hai tempo que pasei a etapa da tese, polo que non sei se é coñecida. Pero penso que, en xeral, deberiamos difundir as accións que xa se fan desde o Servizo de Normalización Lingüística.

Ningún comentario:

Publicar un comentario